Tras a regata de Aguete e con vistas á etapa de Sanxenxo, a pasada semana decidimos subir a Surfeira para darlle unha limpeza ao casco. Porque unha cousa é participar (por pasalo ben) e outra non conseguir navegar nunhas condicións aceptables.
Sendo así, este sábado a dorna estaba finalmente limpa e cunha tripulación formada por David Pérez, Alfonso Solla e Pablo “Patilla”. Pero a sorte quixo continuar a ser esquiva, porque esta vez fallou o máis importante, o vento.
De pouco serviu facer acto de presenza á hora marcada, nen agardar un par de horas para ver se entraba pola ría unha brisa de vento. De feito, ainda que o campo de regata estaba ubicado entre Montalvo e Ons (no boca da ría) tampouco alí chegou a soplar cunha forza mínima que nos permitise navegar.
Por tanto, a organización finalmente decidiu suspender a proba e emprazarnos ao sábado 11 de marzo en Beluso. Alí estaremos e agardamos que cun chisco de máis sorte!