9ª REGATA INTERCLUBES

Este ano decidimos comezar a tempada antes do habitual e dun xeito diferente ao que acostumamos, inscribindo a Surfeira para participar na 9ª Regata Interclubes, que se celebra na ría de Pontevedra entre os meses de xaneiro e abril.

A intención non é outra máis que abrirnos a un ambiente náutico diferente ao das embarcacións tradicionais e ter a oportunidade de coñecer novas persoas amantes da navegación a vela, ademais de ofrecerlle aos nosos socios a oportunidade na regatear un pouco durante o inverno.

A Interclubes é dunha regata composta de 6 etapas: o 28 de xaneiro en Combarro (Ro Yachts Club), o 11 de febreiro en Aguete (R.C.M. Aguete), o 25 de febreiro en Sanxenxo (R.C.N. Sanxenxo), o 11 de marzo en Beluso (C.N. Beluso), o 25 de marzo en Portonovo (C.N. Portonovo) e o 15 de abril en Marín (Escola Naval de Marín).

Nesta edición conta con nada menos que 50 barcos inscritos, que compiten en 6 clases, entre as que se inclúe a chamada “Jesús Betanzos”, de clásicos e veteranos, na que participa a Surfeira.

Pois ben, o pasado sábado (ás 14:30 horas) comezamos a nosa humilde participación na regata, cunha tripulación escasa (composta por David Pérez, Gemma Fortes e Óscar Lorenzo) e unhas condicións de vento difíciles para nosa dorna (con rachas de ata 25 nós). Tanto que o patrón decidiu meterlle un rizo á cangrexa xusto antes da saída, o cal fíxonos perder os preciosos primeiros 10 ou 15 minutos da regata. E sendo así, sen opcións a competir, a xornada converteuse para nós nunha posta a proba da embarcación, pensando xa (co optimismo que nos caracteriza) na etapa de Aguete.

Na nosa clase o gañador foi o Iasi (José Antonio Ortigueira, C.N. Portonovo), o segundo Laxe da Canteira (Fabián Garrido, Ro Yachts Club) e o terceiro Cassandra (Javier Pazó, C.N. Portonovo).

Parabéns a todos eles e vémonos o día 11 en Aguete!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *