A NOSA MARIÑA É TRADICIONAL

Este 2017 está sendo un ano intenso de traballo. Non so polas tarefas habituais, senón por novos proxectos nos que estamos inmersos, tratando de conmemorar da maneira máis produtiva posible o noso vixésimo aniversario. Así somos! E entre unhas labores e outras van pasando os meses e chegado o verán comezan os numerosos eventos organizados no eido da gran familia de Culturmar. Boa conta deles -dos xa celebrados e dos que están por vir- daremos en vindeiras publicacións. A realidade acontece máis rápido do que ás veces podemos deixar constancia  na web pero porémonos ao día. Prometido!

De feito, un dos asuntos que leva tempo ausente na web é o da mariña tradicional. Iso non significa que estea parado. Nós seguimos defendendo o proxecto e por fin dende Portos de Galicia comezan a recoñecer a viabilidade legal do mesmo. Así, hai unhas semanas recibimos unha proposta de autorización, so que as condicións económicas que se non ofrecen non se corresponden coa importancia cultural e patrimonial da iniciativa, polo que acabamos de presentar as alegacións oportunas e agardamos que sexan tidas en conta.

Planos Pantalán

O caso é que como xa temos por costume ir por diante das administracións, este ano volvemos darlle un lavado de cara ao pantalán. Porque a nosa mariña tradicional, sexa co recoñecemento de Portos de Galicia ou sen el, debe ser o reflexo do traballo de recuperación e conservación que facemos durante todo o ano, tanto nós como os demais colectivos que conforman Culturmar.

1

En canto tivemos unha mañá soleada puxémonos mans á obra. Este ano optamos por non chorrear a madeira, senón que a limpamos a cepillo, para eliminar a sucidade superficial. Tamén optamos por outra técnica de aplicación -a rodillo- para obter un acabado máis uniforme. E incluso escollemos un produto diferente ao do ano pasado: o Xylazel Profesional Lasur Intemperie Satinado en color teca, que resultou ser ideal para este traballo.

2

Un vez rematado o resultado foi realmente satisfactorio. Obviamente as nosas embarcacións -que o son de todos- locen moito mellor nunhas instalacións apropiadas e ben coidadas. Xa so falta que Portos de Galicia se comprometa coa instalación dos brazos de amarre solicitados, para habilitar dez prazas ben equipadas a nivel de seguridade e accesibilidade. E finalmente pola nosa parte completar a exposición con suficientes paneis informativos para explicar as características e usos das embarcacións e o seu valor patrimonial.

3

En definitiva, seguimos dando pasos firmes para que se nos recoñeza a dereito a xestionar a nosa propia mariña tradicional e con elo axudar a normalizar unha riqueza cultural e patrimonial que de por si mesmas deberían promover as administracións públicas, ou cando menos non dificultar a súa conservación.