O pasado sábado, logo de adiala por mor do mal tempo, celebrouse a XXX Volta á Illa de Arousa en Dorna, a Olimpíada das regatas de dornas… E como este ano xa temos alumnos destacados na escola, pois alá levamos dúas dornas para participar en tal acontecemento:
A Habana, con Xoel participando nunha nova edición pero esta vez á caña como patrón; e Samuel á proa estrenándose en regatas.
A Bicoca, sen Silva -o maestro das drizas- pero con Prado suplindo a falta; e Alberto á caña.
Anxo, que ía de “director técnico” e que non tiña pensado participar, fixo equipo con Luis, un compañeiro de Portugal co que xa navegara, e armaron a Estela (do compañeiro Javi Pena) para unirse á flota. Como apoio anímico acercouse Nacho, botando unha man nos traballos de terra.
Logo das pertinentes indicacións e ánimos por parte do “preparador” as dornas sairon cara a pasante da ponte para darle a volta polo sur da Illa, con vento fresco do Suroeste. A verdade é que non houbo boa saída por parte da Bicoca e da Habana, que desatenderon os consellos de estar “finos” na conta atrás.
Xa doblando o sur da Illa, no Galiñeiro, comezou unha empopada dura ata entrar no abrigo do Areoso, pasar o faro de Punta Cabalo, o Xufre e logo a facer un par de bordos cara o Sur para entrar na meta situada na ENT da Cultural Dorna.
Do equipo a primeira en chegar foi a Estela, a remolque, xa que lle rompeu a verga no último bordo antes de enfilar a meta. Logo foi pasando o tempo ata que se viron a Habana e máis a Bicoca. Conseguiu entrar a Habana antes, sanos, salvos e enteiros. A Bicoca, pois entrou a remos porque levaban toda a regata sen poder baixar a vela nas viradas, coa noz-polea desfeita, o puño da amura tocado, o achicador fora de servizo, pero a tripulación con tódolos membros vitais en orde.
Anque Prado chegou algo tocado polo cúmulo de “despropósitos” sufridos, todos quedaron satisfeitos de completar a Volta a Arousa, a mellor das regatas! Para o ano, máis e mellor.