A actividade principal á que dedicamos os nosos esforzos é promover o gusto polo coñecemento da nosa cultura mariñeira popular a través da práctica dunha actividade de ocio como é a navegación tradicional a vela.
Para iso no verán do 2012 decidimos crear unha sección dentro da asociación que funciona como Escola de Navegación Tradicional e dende entón organizamos cada verán, entre xuño e setembro, un curso de iniciación chamado “Mar de Tradicións”.
O curso nace como unha iniciativa de difusión e posta en valor da cultura mariñeira popular, con especial énfase no coñecemento e disfrute das embarcacións tradicionais de Galicia, coa pretensión última de concienciar sobre a necesidade de conservar vivo este rico patrimonio. Pero ao mesmo tempo son unhas xornadas de convivencia interxeracional e práctica do deporte, enfocadas preferentemente a mozos de entre 14 e 30 anos, se ben están abertas a tódolos públicos, se xeito libre e gratuíto.
Está organizado como un taller de aprendizaxe non formal que consiste na iniciación á navegación a vela na embarcación tradicional por excelencia das Rías Baixas, a dorna, encamiñado a aproximar aos participantes a unha parte importante da súa cultura que probablemente ignoren, e ao mesmo tempo facilitarlles os coñecementos básicos para disfrutar da navegación a vela pola ría como posibilidade de lecer.
Pero ao mesmo tempo, entre os nosos obxectivos más amplos está a transmisión de valores positivos entre a xuventude, como o respeito pola natureza, o gusto polo deporte e os hábitos de vida saudables, e o interese polo coñecemento da cultura tradicional, no noso caso vinculada ao mar.