MAR DE TRADICIÓNS

Cartaz

E chegou o verán e con el Mar de Tradicións, a escola de verán que levamos organizando dende o ano 2012 e que consiste nun curso de iniciación á navegación tradicional a vela impartido polo monitor por excelencia da asociación, Anxo.

A iniciativa naceu do desexo de difundir entre os nosos veciños, principalmente entre os rapaces, o traballo que levamos a cabo a prol da recuperación e posta en valor da cultura mariñeira popular, con especial énfase no coñecemento e disfrute das embarcacións tradicionais.

Pretende ser un curso de aprendizaxe da navegación a vela na embarcación tradicional por excelencia das Rías Baixas, as dornas, encamiñado a transmitir os coñecementos básicos para disfrutar delas como alternativa de lecer.

E ao mesmo tempo son unhas xornadas de cultura e práctica do deporte, destinadas preferentemente a mozos a partir dos 14 anos, se ben están abertas a tódolos públicos.

O curso comezará o luns 3 de agosto e extenderase ata o domingo 31 do mesmo mes, completando catro semanas nas que se alternarán as clases teóricas coas saídas de navegación por diferentes puntos de interese da ría.

Quen queira participar, de xeito libre e gratuíto, grazas ao patrocinio da empresa municipal Nauta Sanxenxo, que financia na súa totalidade o custe de actividade, pode anotarse enviando un email a correo@amigosdadorna.org ou chamando ao teléfono 647132552.