ADIADA A XI REGATA DO SEPELO

Cartaz Sepelo

Aquí os Amigos da Dorna de Portonovo para trasladar novas en relación á XI Regata do Sepelo, programada para este sábado 8 de xuño. Levamos agardando uns días sen enviar o convite xeral porque nos atopamos ante dous condicionantes de importancia. Por un lado a cuestión climática, que non vaticina un tempo especialmente bo (pouco vento e probabilidade de choiva) para o que se pretende, que é pasalo ben veleando. E polo outro unha nova dificultade para conseguir a autorización por parte da Capitanía Marítima de Vigo que solicitamos tódolos anos e que nesta ocasión nos remiten a xestionar a través da Sede Electrónica do Ministerio de Fomento, sendo preciso dispor da sinatura electrónica, que non conseguimos ter a tempo (en fin, todo facilidades).

É por isto que a catro días da regata consideramos preferible adiar a celebración, como xa se fixo noutras ocasións, co compromiso de buscar unha nova data nos próximos días, analizando o calendario, e comunicalo coa mesma brevidade.

Pedimos desculpas ás persoas e colectivos que se vexan afectados e prometemos volver á carga cunha regata á altura do que merecedes.