HISTORIA

Amigos da Dorna de Portonovo é unha asociación sen ánimo de lucro fundada en 1997 co obxectivo fundamental de participar na recuperación, conservación e posta en valor do patrimonio cultural marítimo de Galicia, en xeral, e das súas diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais, en particular. Pero os antecedentes que motivaron a súa fundación atópanse décadas atrás.

1. Aérea de Portonovo
Fotografía aérea do Portonovo dos anos 60

A partir dos anos 60 Galicia sufriu un proceso de perda de grande parte do seu patrimonio marítimo, sobre todo no tocante ao número de embarcacións tradicionais, provocado polos avances tecnolóxicos aplicados á navegación e polo cambio do modelo socioeconómico que supuxo a expansión do fenómeno turístico en detrimento do sector pesqueiro, do cal Portonovo é un claro exemplo. Así, nos anos 80 soamente quedaban un feixe de pequenos barcos que lograron sobrevivir de xeito marxinal á particular revolución industrial do sector marítimo galego.

Nun panorama tan desolador como ese comezaron a xurdir a comezos dos 90, primeiro na ría de Arousa e pouco a pouco por toda Galicia, unha serie de asociacións culturais preocupadas pola recuperación deste importante patrimonio, desfacendo o camiño de destrución e desmemoria que se producira nas décadas precedentes. Deste xeito chega a Galicia, se ben con certo retraso con respecto a outros países europeos, o fenómeno da recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo e das embarcacións tradicionais como práctica apreciada socialmente e apoiada nun incipiente marco asociativo do que os diferentes portos da ría de Pontevedra tamén foron partícipes.

Primeira Asemblea Xeral (1998)

A mediados dos 90 dende Portonovo ollábase con envexa para os diversos eventos e festexos que dende había uns anos viñan organizando algunhas asociacións de diversas vilas próximas e que tiñan como finalidade a recuperación e difusión da cultura marítima galega e especialmente das embarcacións tradicionais. Así foi como o 8 de decembro de 1997, data en que se celebra a primeira asemblea e se asina a acta fundacional, un grupo de amigos crea a Asociación para a Conservación da Cultura Mariñeira da Ría de Pontevedra “Amigos da Dorna de Portonovo”.

A Jatiña saíndo da carpintaría de Domingo Ayaso (1998)

O primeiro proxecto foi facerse cunha dorna xeiteira propia, a “Jatiña”. Con ela e con algunha outra dorna particular os intrépidos socios fundadores comezaron a facer prácticas de navegación, primeiro pola ría de Pontevedra e despois por toda Galicia e parte de Europa. E como parece que lles gustou, non tardaron en aumentar a flota co “Platuxa” e a dorna polbeira “Bicoca”.

O Platuxa patroneado por Trepa (2007)

E co paso de tempo continuaron chegando máis barcos, como a “Surfeira”, que no ano 2015 pasou a ser propiedade da asociación, a “Praia da Panadeira” ou a “Coninha”, que foi a última incorporación ao patrimonio colectivo, se ben que forma parte da nosa historia dende os primeiros días.

Mais a nosa labor non remata coa navegación, senón que nestes anos organizamos innumerables actividades culturais en Portonovo, como as Concentracións de Embarcacións Tradicionais “Travesías de San Roque”, as Regatas do Sepelo, os Cursos de Navegación Tradicional, os Enterros da Sardiña ou as Cachadas de San Xoán, e de todas elas deixamos testemuña escrita a través da publicación anual de O Cabeso, o voceiro oficial da asociación ata o ano 2014, momento no cal este sitio web tomou o relevo como canle de comunicación social.

Inauguración
Inauguración do noso local (2011)

Ademais, despois de moitos esforzos por fin inauguramos o noso local e, o que é máis importante, conseguimos que o número de interesados na navegación tradicional fose en aumento ano tras ano.

Como os propios socios fundadores admiten, cando alá polo ano 1997 un grupo de colegas decidiu fundar a Asociación de Amigos de Dorna de Portonovo ningún deles pensaba que a aventura ía durar tanto, pero aquí seguimos.

Celebración do vixésimo aniversario da Jatiña (2019)

Longa vida aos Amigos da Dorna de Portonovo!