A NOSA MARIÑA É TRADICIONAL

Este 2017 está sendo un ano intenso de traballo. Non so polas tarefas habituais, senón por novos proxectos nos que estamos inmersos, tratando de conmemorar da maneira máis produtiva posible o noso vixésimo aniversario. Así somos! E entre unhas labores e outras van pasando os meses e chegado o verán comezan os numerosos eventos organizados no eido da gran familia de Culturmar. Boa conta deles -dos xa celebrados e dos que están por vir- daremos en vindeiras publicacións. A realidade acontece máis rápido do que ás veces podemos deixar constancia  na web pero porémonos ao día. Prometido!

De feito, un dos asuntos que leva tempo ausente na web é o da mariña tradicional. Iso non significa que estea parado. Nós seguimos defendendo o proxecto e por fin dende Portos de Galicia comezan a recoñecer a viabilidade legal do mesmo. Así, hai unhas semanas recibimos unha proposta de autorización, so que as condicións económicas que se non ofrecen non se corresponden coa importancia cultural e patrimonial da iniciativa, polo que acabamos de presentar as alegacións oportunas e agardamos que sexan tidas en conta.

Planos Pantalán

O caso é que como xa temos por costume ir por diante das administracións, este ano volvemos darlle un lavado de cara ao pantalán. Porque a nosa mariña tradicional, sexa co recoñecemento de Portos de Galicia ou sen el, debe ser o reflexo do traballo de recuperación e conservación que facemos durante todo o ano, tanto nós como os demais colectivos que conforman Culturmar.

1

En canto tivemos unha mañá soleada puxémonos mans á obra. Este ano optamos por non chorrear a madeira, senón que a limpamos a cepillo, para eliminar a sucidade superficial. Tamén optamos por outra técnica de aplicación -a rodillo- para obter un acabado máis uniforme. E incluso escollemos un produto diferente ao do ano pasado: o Xylazel Profesional Lasur Intemperie Satinado en color teca, que resultou ser ideal para este traballo.

2

Un vez rematado o resultado foi realmente satisfactorio. Obviamente as nosas embarcacións -que o son de todos- locen moito mellor nunhas instalacións apropiadas e ben coidadas. Xa so falta que Portos de Galicia se comprometa coa instalación dos brazos de amarre solicitados, para habilitar dez prazas ben equipadas a nivel de seguridade e accesibilidade. E finalmente pola nosa parte completar a exposición con suficientes paneis informativos para explicar as características e usos das embarcacións e o seu valor patrimonial.

3

En definitiva, seguimos dando pasos firmes para que se nos recoñeza a dereito a xestionar a nosa propia mariña tradicional e con elo axudar a normalizar unha riqueza cultural e patrimonial que de por si mesmas deberían promover as administracións públicas, ou cando menos non dificultar a súa conservación.

IX REGATA DO SEPELO

Cartaz Sepelo (2017)

Como cada verán comezan as regatas e como sempre para inaugurar o calendario do campionato mundial de dornas a vela chega a IX Regata do Sepelo, que organizamos nós mesmos e que se celebrará o vindeiro sábado 3 de xuño, con inicio ás 16:30 horas. Aos interesados en competir rógaselle ter contratado o seguro de navegante e ás embarcacións estar aseguradas, ademais de ter a bordo tódolos elementos de seguridade (chalecos, remos, risón, flotacións…) para facilitar a celebración sen incidentes. Como de costume haberá unha papatoria posterior á regata e os participantes serán agasallados cunha fermosa camisola conmemorativa, ademais dos trofeos para os vencedores.

Vémonos o 3 de xuño, en Portonovo (onde senón?)!

BOA PROA!

Con este certeiro título damos a benvida a nada menos que dous novos colaboradores, que facendo gala do seu profundo compromiso social e cultural, se involucran xunto con nós na recuperación e conservación das embarcacións tradicionais de Galicia. Falamos de Pinturas Proa e da Ferretería Clickfer Volvoreta, de Sanxenxo.

2

1

Para nós non se trata so dunha enorme axuda, senón que tamén recibimos con orgullo e ilusión que valoren positivamente o que facemos, ata o punto de decidir botarnos unha man, a cal servirá para continuar a dinamizar un patrimonio tradicional –o marítimo– que nos define como pobo e, por tanto, é de todos.

3

Pinturas Proa naceu hai 75 anos en Vigo como unha pequena empresa familiar dedicada á produción de vernices e pinturas. Dende entón, pouco a pouco, foron crecendo ata converterse no líder indiscutible da industria galega de pinturas e incluso nun referente a nivel internacional. Isto é froito do constante esforzo por especializarse, innovar e ofrecer uns produtos de primeira calidade –ao tempo que respectuosos co medio ambiente–, dos cales iremos dando conta en sucesivas publicacións.

4

Ademais de Pinturas Proa recibimos tamén a implicación do seu distribuidor na nosa zona, a Ferretería Clickfer Volvoreta, que dende o primeiro momento se entusiasmaron coa idea de colaborar con nós. Dende logo son uns auténticos profesionais, que nos asesoraron convenientemente á hora de escoller os produtos máis axeitados para a nosa labor.

5

6

Como podedes comprobar, dispoñen dun amplísimo stock de produtos Proa. Non dubidedes en pasarvos pola súa páxina web ou visitar a súa tenda, no número 22 da avenida Luís Rocafort, en Sanxenxo.

COMEZA O VIXÉSIMO ANIVERSARIO

Logo 20

O 2017 vai ser un ano moi especial para a nosa asociación, xa que celebramos o vixésimo aniversario (1997-2017) e para conmemoralo estamos preparando un amplo calendario de actividades a desenrolar ao longo de todo o ano.

Pero antes diso lembremos un pouco da nosa historia. Todo comezou probablemente entre 1995 e 1996, cando un grupo de amigos -encabezado por Telmo e Trepa-, quenes sentían interese por coñecer e preservar a identidade mariñeira do seu pobo e recuperar a cultura e o patrimonio vinculado ao mar, se iniciaron no mundo da navegación a vela cunha vella dorna, a Serviola, das poucas -por non dicir practicamente a última- que por aquel entón quedaban en Portonovo.

Con todo, podemos sinalar como o punto de inflexión que motivou a fundación da Asociación para a Conservación da Cultura Mariñeira da Ría de Pontevedra “Amigos da Dorna de Portonovo”, unha visita dunha comitiva oficial da Real e Ilustre Cofradía de Dorna de Ribeira durante a Semana Santa de 1997, que foi gratamente recibida por Trepa. A cambio eles deixaron en Portonovo a semente que meses máis tarde xerminaría coa fundación da nosa asociación.

Trepa fai de anfitrión e anímase a fundar unha asociación (Semana Santa de 1997)

Máis alá de nostalxias, queremos que este ano sexa especial, non so como conmemoración destes vinte anos, senón para consolidar outros vinte. E nada mellor para iso que comezar o aniversario celebrando a Asemblea Xeral de socios, na que entre outras decisións se renovou a Xunta Directiva, que a partir de agora estará formada por Alejandro Piñeiro, David Pérez, Macarena Sánchez, Ignacio Velón e Xoel Otero.

Directiva (2017)

Unha das prioridades deste ano será facer realidade a mariña tradicional no peirao do Chasco. Lonxe de desanimarnos ante o desprezo por parte de Portos de Galicia, vamos reforzar a nosa aposta por este proxecto e agardamos conseguilo antes do verán.

Planos Pantalán

Durante a primavera pensamos facer a botadura da Surfeira, a dorna nai que levamos dous anos restaurando e que pretendemos converter no barco escola da asociación. De feito, agardamos tela navegando antes de finais de abril, para poder realizar as primeiras navegacións abertas ao público coincidindo coa XXII Festa da Raia, na que ademais colaboraremos con outras actividades.

Surfeira

A comezos do verán e para inaugurar a tempada vamos organizar a IX Regata do Sepelo. Pouco despois chega a gran festa, o XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, en Combarro, e alí estaremos botando unha man no que sexa preciso. E para os meses de xullo e agosto queremos repetir con “Mar de Tradicións”, o curso de iniciación co que dende hai uns anos ofrecemos a posibilidade de aprender a navegar en embarcacións tradicionais a veciños e visitantes.

Tamén queremos retomar a  publicación do Cabeso, so que agora convertido en revista sobre cultura do mar e historia local, para o cal agardamos contar coa colaboración da Deputación de Pontevedra para a súa impresión. E hai algunhas sorpresas máis nas que estamos traballando pero que por diversos motivos non podemos desvelar polo de agora. Así que xa sabedes, estade atentos!