A NOSA MARIÑA É TRADICIONAL

Este 2017 está sendo un ano intenso de traballo. Non so polas tarefas habituais, senón por novos proxectos nos que estamos inmersos, tratando de conmemorar da maneira máis produtiva posible o noso vixésimo aniversario. Así somos! E entre unhas labores e outras van pasando os meses e chegado o verán comezan os numerosos eventos organizados no eido da gran familia de Culturmar. Boa conta deles -dos xa celebrados e dos que están por vir- daremos en vindeiras publicacións. A realidade acontece máis rápido do que ás veces podemos deixar constancia  na web pero porémonos ao día. Prometido!

De feito, un dos asuntos que leva tempo ausente na web é o da mariña tradicional. Iso non significa que estea parado. Nós seguimos defendendo o proxecto e por fin dende Portos de Galicia comezan a recoñecer a viabilidade legal do mesmo. Así, hai unhas semanas recibimos unha proposta de autorización, so que as condicións económicas que se non ofrecen non se corresponden coa importancia cultural e patrimonial da iniciativa, polo que acabamos de presentar as alegacións oportunas e agardamos que sexan tidas en conta.

Planos Pantalán

O caso é que como xa temos por costume ir por diante das administracións, este ano volvemos darlle un lavado de cara ao pantalán. Porque a nosa mariña tradicional, sexa co recoñecemento de Portos de Galicia ou sen el, debe ser o reflexo do traballo de recuperación e conservación que facemos durante todo o ano, tanto nós como os demais colectivos que conforman Culturmar.

1

En canto tivemos unha mañá soleada puxémonos mans á obra. Este ano optamos por non chorrear a madeira, senón que a limpamos a cepillo, para eliminar a sucidade superficial. Tamén optamos por outra técnica de aplicación -a rodillo- para obter un acabado máis uniforme. E incluso escollemos un produto diferente ao do ano pasado: o Xylazel Profesional Lasur Intemperie Satinado en color teca, que resultou ser ideal para este traballo.

2

Un vez rematado o resultado foi realmente satisfactorio. Obviamente as nosas embarcacións -que o son de todos- locen moito mellor nunhas instalacións apropiadas e ben coidadas. Xa so falta que Portos de Galicia se comprometa coa instalación dos brazos de amarre solicitados, para habilitar dez prazas ben equipadas a nivel de seguridade e accesibilidade. E finalmente pola nosa parte completar a exposición con suficientes paneis informativos para explicar as características e usos das embarcacións e o seu valor patrimonial.

3

En definitiva, seguimos dando pasos firmes para que se nos recoñeza a dereito a xestionar a nosa propia mariña tradicional e con elo axudar a normalizar unha riqueza cultural e patrimonial que de por si mesmas deberían promover as administracións públicas, ou cando menos non dificultar a súa conservación.

NON VAMOS ARRIAR VELAS!

Dende hai varios anos a nosa asociación ven loitando por crear unha mariña tradicional en Portonovo. Trátase dun proxecto no que puxemos moito esforzo e ilusión, conscientes do positivo que sería para a nosa vila dispor dun atractivo cultural como este, no que reunir diferentes embarcacións tradicionais para que veciños e visitantes poidan coñecer as súas características, e incluso navegar neles.

7

No 2013 comezamos por presentar o proxecto en Portos de Galicia, pero recibirmos reiteradamente o silencio como resposta. Foi hai uns meses cando conseguimos captar a atención do ilustre José Juan Durán, presidente do ente público. E dende entón esforzámonos por ir sumando apoios –concello, confraría e club náutico–, a medida que se sucedían as reunións en Portos.

Aínda nun ambiente cargado de faltas de respeto e maltrato constante ao noso colectivo, foron avanzando as negociacións e os compromisos, pero ata agora nada se materializou. De feito, na última reunión, mantida en Pontevedra esta mesma semana, o presidente de Portos adiantou a imposibilidade de resolver isto inmediatamente, o que nos leva a sospeitar dunha utilización política do ente por parte do José Juan Durán para os seus propios intereses.

14

Ante tal situación de desamparo esiximos unha resposta por escrito de Portos de Galicia e en caso de ser negativa valoraremos a posibilidade de recurrir á vía xudicial a través dun contencioso administrativo que corrixa a anormalidade que levamos padecendo durante anos.

Avante!

1

Diario de Pontevedra do 17/06/2016

2

La Voz de Galicia (Edición Pontevedra) do 17/08/2016

MARIÑA TRADICIONAL XA!

Dende hai algúns meses temos avanzadas as xestións para crear unha mariña tradicional no peirao do Chasco. Nun dos pantaláns xa existentes queremos reunir dez diferentes embarcacións tradicionais para que veciños e visitantes poidan coñecer de primeira man as súas características, e incluso navegar nelas.

Para chegar a este punto tivemos que conseguir o apoio do goberno municipal, da confraría de pescadores e ata do club náutico, pero agora atopámonos agardando que Portos de Galicia realice unhas pequenas melloras na instalación, consistente na instalación de cinco fingers, para asinar a autorización.

Coa intención de ir avanzando (aínda que sexa por diante das administracións) e, de paso, reivindicar socialmente o proxecto, durante estes días estivemos levando a cabo traballos de limpeza e mantemento do pantalán.

1

O primeiro día, venres, comezamos por chorrear a madeira, tanto da pasarela como do primeiro módulo do pantalán, que é o que pretendemos xestionar.

2

A diferenza cunha simple limpeza é obvia. Pouco a pouco a madeira foi recuperando a súa cor natural e amosando o aspecto orixinal.

3

4

Algún “enxeñeiro” que pasou por alí botaba as mans á cabeza afirmando que a madeira ten un tratamento especial e que ao limpala ía apodrecer, pero o noso plan de traballo estaba claro, e o segundo día, sábado, había que deixala secar.

5

O resultado da limpeza do venres saltaba á vista, pero queríamos deixalo aínda mellor, así que o terceiro día, Xylazel!

6

Aproveitando a colaboración que a empresa galega Xylazel mantén con nós, decidimos aplicar un tratamento a base do seu lasur Xylazel Plus Mate en cor teca, que é ideal para este tipo de traballos, xa que protexe a madeira da humidade (é hidrófugo) e resiste ben a acción do sol (ten pigmentos especiales anti UV+).

7

8

9

Ademais de para coidar da nosa futura mariña tradicional, a limpeza resultou ideal para diferenciar o módulo que estamos solicitando do resto do pantalán.

10

11

12

O resultado final foi moi satisfactorio. Agora so falta que Portos de Galicia concrete a instalación dos cinco fingers e a revisión das flotacións.

13

E para rematar a faena, unha foto de familia e nota de prensa. Temos claro que o que defendemos é bo para Portonovo e por iso nos sentimos respaldados para continuar avanzando incluso por diante das administracións.

14

Mariña tradicional xa!

COMUNICACIÓN + CONCIENCIACIÓN

Cando unha entidade ou asociación como a nosa asume o compromiso de traballar a prol da conservación e posta en valor dun patrimonio -neste caso o marítimo- que non nos pertence a nivel particular, senón que o é de todas e todos os cidadáns, adquire unha serie de responsabilidades sociais entre as que se atopan a transparencia, a comunicación e a concienciación. É por iso que ante unha xestión como a que estivemos levando a cabo nos últimos meses para crear unha mariña tradicional -ou museo flotante- en Portonovo, asumimos con agrado a comunicación do proceso (aínda en marcha) e a cambio recibimos con agradecemento as moitas felicitacións de amigos e veciños. Xa queda menos!

Pantalán

Diario de Arousa (20-02-2016)

(2016-02-24) Diario De Pontevedra - Pantalán

Diario de Pontevedra (24-02-2016)

UNHA MARIÑA TRADICIONAL

Dende hai varios anos dende a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo estivemos promovendo un proxecto que viría a culminar as case dúas décadas do noso traballo de recuperación e conservación das embarcacións tradicionais galegas e que ao mesmo tempo sería altamente beneficioso para Portonovo: a creación dun museo flotante cos nosos barcos.

Plano

A idea é habilitar nun dos pantaláns do peirao “do Chasco” un espazo no que xuntar todas estas embarcacións históricas para ser expostas e que poidan ser visitadas e coñecer as súas características a través de diferentes paneis informativos, como o patrimonio que son, ao mesmo nivel que calquera hórreo, cruceiro ou igrexa.

7

Nas últimas semanas mantivemos varias reunións para conseguir os apoios necesarios ao proxecto. Primeiro foi o Goberno Municipal quen se manifestou a favor da idea, logo sumáronse a Confraría e o Club Náutico, e nos últimos días recibimos a aprobación por parte de Portos de Galicia para nos próximos meses facer realidade este soño que ten a aspiración de converterse nun verdadeiro atractivo cultural.

Dende a nosa asociación consideramos que Portonovo quere vivir do mar e dos recursos que este ofrece, tanto pesqueiros como turísticos. E nese sentido a cultura e as tradicións son un valor con grandes potencialidades.

9

Ademais diso, pretendemos levar adiante unha serie de actividades en torno ao “museo”, como visitas guiadas ás embarcacións en colaboración cos centros educativos de concello para que os nenos coñezan esta parte da nosa historia que xeralmente non se ensina nas aulas.

E, como sempre, continuaremos a manter vivas e a disposición de quen queira navegar nelas as dornas e outras embarcacións tradicionais que nós herdamos dos nosos antepasados e que queremos conservar con orgullo do que representan para as xeracións vindeiras.

PENSANDO NA PRÓXIMA TEMPADA

Aínda que levemos uns días sen actualizar a web iso non significa que estivésemos parados. Polo contrario, na última semana andivemos bastante atarefados cun par de asuntos importantes. Por un lado continuamos traballando na Surfeira. Á espera de recibir as pezas para instalar o motor intraborda e de confirmar que vamos poder instalar o quillote lastrado, aproveitamos para darlle un avance á cuberta, que xa quedou practicamente lixada.

20151013_140509

20151013_140558

E polo outro lado, estivemos preparando unha nova solicitude que onte fomos entregar á oficina de Portos de Galicia en Santiago, xa que segundo parece non teñen constancia das nosas anteriores peticións -e iso a pesar das insistentes visitas que fixemos nos últimos dous anos-. Agardemos que desta vez sirva para algo.

20151016_223452

Solicitude de cesión presentada a Portos de Galicia (16-10-2015)

RUMBO AO PANTALÁN!

Un dos grandes obxetivos da nosa asociación para os próximos meses é conseguir habilitar no porto de Portonovo unha zona de amarre reservada para embarcacións tradicionais. A pretensión é converter o espazo nun museo vivo flotante (con embarcacións de interese patrimonial aínda en pleno uso), un recurso cultural e turístico de calidade, cunha rentabilidade social e económica xa demostrada noutros portos de Galicia, e por tanto un valor engadido para a nosa vila.

20150819_210400

O único que precisamos é que Portos de Galicia nos outorgue unha cesión para ocupar os 10 primeiros metros do pantalán para embarcacións de recreo que hai no peirao do Chasco, coa idea de habilitar unha zona diferenciada ao inicio do mesmo reservada para embarcacións tradicionais.

Plano

Pero queremos que este proxecto naza do consenso coas demáis entidades implicados, e concretamente o Concello de Sanxenxo e a Confraría de Portonovo. Por iso a comezos de semana mantivemos unha reunión con Gonzalo Pita e David Otero para exporlles os nosos plans e solicitar a súa colaboración. Tal é a súa disposición que un par de días despois o alcalde se achegaba al pantalán para coñocer a instalación in situ.

IMG-20150917-WA0004

Agardamos nos próximos días poder manter outra reunión co Patrón Maior da Confraría para pedirlle o seu respaldo e con el as tres entidades xuntas solicitar a Portos de Galicia a autorización que nos permita crear un museo flotante de embarcacións tradicionais, visible e visitable.

O PANTALÁN NA PRENSA

Hai uns días o Diario de Pontevedra fíxose eco da nosa iniciativa para crear un museo flotante vivo en Portonovo, no cal xuntar algunhas das moitos tipoloxías de embarcacións tradicionais de Galicia, principalmente os diferentes tipos de dornas (polbeiras, de tope, xeiteira, nai…), pero non so.

20150714_223549

Preme aquí para visitar o enlace na prensa

Como vedes, seguimos traballando para conseguir o ansiado pantalán para embarcacións tradicionais en Portonovo. A verdade é que xa levamos máis de dous anos con esta teima pero agora comezamos a sentir o apoio dos veciños á nosa reivindicación e agardamos que aconteza o mesmo por parte do Concello e a Confradía.

Plano

Esquema aproximado de como nos gustaría organizar os amarres

UN MUSEO FLOTANTE VIVO

Recentemente ven de presentarse o borrador do anteproxecto da nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e por primeira vez na nosa lexislación autonómica recóllense como bens patrimoniais “as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia”. Tendo en conta isto, chegou o momento de que as diferentes administracións involucradas –Consellería do Mar, Portos de Galicia e os concellos– decidan se queren unirse á vangarda da defensa deste patrimonio, ata agora asumida case exclusivamente por asociacións sen ánmimo de lucro como a nosa, ou unha vez máis ir por detrás da sociedade.

1

Compre sinalar dende este momento que o patrimonio marítimo tradicional presenta unhas enormes e variadas potencialidades –incluso económicas–, ata agora pouco exploradas no noso país:

CARÁCTER TURÍSTICO: A través da promoción da cultura mariñeira tradicional como atractivo e valor engadido.

ASPECTO CULTURAL E EDUCATIVO: Difusión e posta en valor do patrimonio marítimo galego, favorecendo o seu coñecemento por parte da sociedade, en xeral, e das rapazas e rapaces, en particular.

COMPOÑENTE SOCIAL E DEPORTIVO: Especial importancia da dinamización social e xuvenil a través dunha práctica de ocio e deportiva como é a navegación a vela.

Así, tal e como sucede dende hai décadas noutros países europeos, en Galicia a concienciación social sobre esta realidade é cada vez maior e o crecente interese que esperta suxire que ten un gran potencial para ser aproveitada con fins turísticos e educativos, grazas ao seu atractivo vinculado á cultura, o ocio e a natureza, entre outros.

9

Dende a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo levamos 18 anos participando da recuperación, conservación e posta en valor deste patrimonio de xeito altruísta, pero chegados a este punto precisamos a colaboración das administracións, e especialmente do Concello de Sanxenxo, para consolidar a nosa labor.

A nosa única petición pasa por conseguir habilitar no porto de Portonovo unha zona de amarre reservada para embarcacións tradicionais, o cal axudaría non só a facilitar o noso traballo a prol da súa conservación, senón a mellorar a súa visibilización e a potenciar o seu aproveitamento con fins turísticos e educativos, en beneficio de toda a cidadanía.

A pretensión é converter o espazo nun museo vivo flotante, un punto de interese cultural que contribúa a ofrecer unha imaxe máis auténtica da historia de Portonovo e da vida, costumes e tradicións dos seus veciños, sobre todo no que á relación co mar e a pesca se refire. E somos conscientes de que unha infraestrutura como a que solicitamos constituiría un valor engadido para todo o concello de Sanxenxo.

O único que precisamos é que Portos de Galicia nos conceda unha autorización para ocupar os 10 primeiros metros do pantalán para embarcacións de sétima lista que ten no peirao do Chasco, coa idea de habilitar unha zona diferenciada ao inicio do mesmo reservada para embarcacións tradicionais, tal e como teñen en Combarro ou Bouzas (Vigo).

2

3  5

En realidade xa vimos utilizando dende hai anos este sector do pantalán, pero pouco a pouco outros usuarios, ante a falta de xestión e control por parte de Portos de Galicia e a complicidade da Confraría, fóronnos arrinconando ata case afogarnos.

6

7

Tendo en conta a situación de alegalidade na que se atopa esta infraestructura, que no seu día (ano 2003) foi instalada con cartos públicos para dar servizo aos xubilados de mar (criterio de uso completamente ilegal), a día de hoxe é preciso reorganizar os amarres, recoñecendo en primeiro lugar o dereito moral da Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo a dispor dun espazo reservado para as súas embarcacións, que son patrimonio de tódolos veciños de Portonovo.

Plano

As nosas aspiracións pasan por dispor dunha autorización por escrito para a ocupación dos 10/12 primeiros metros do pantalán (que mide 39 en total) e que Portos de Galicia nos facilite 4/5 fingers para instalar e habilitar 8/10 prazas de amarre. A partir diso nós levaríamos a cabo unha limpeza do sector e melloraríamolo con paneis informativos sobre as diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais alí amarradas.

Agardamos que o cambio político no concello sirva para dar resposta a esta cuestión!