AVANTE COA PINTURA!

Hai xa algún tempo que non informamos sobre a recuperación da Surfeira. Concretamente dende que fomos buscar o quillote a Pontevedra e o trasladamos ata Ogrobe. Foron meses centrados noutros proxectos e, tendo o verán de por medio, tamén de participación en diversos eventos culturais, polo que a capacidade de traballo foi limitada. Con todo, algúns avances si que fixemos.

Agardar a que nos preparasen o quillote foi o que nos mantivo un pouco bloqueados antes do verán, de modo que en canto nolo entregaron e o trasladamos ao estaleiro procedemos a fundir no seu interior os 300 kilos de chumbo cos que o lastramos e así deixalo listo para instalar.

3

Unha vez máis tivemos que armarnos de paciencia ata que quedase libre o foso para facer a operación, consistente en atornillar a estructura á quilla da dorna, colocando tanto pasadores dun costado ao outro como cabillas que atravesasen dende a parte inferior do quillote ata o interior da dorna.

1

2

Una vez que tivemos o lastre instalado decidimos centrarnos en deixar o exterior listo. Así, comezamos por aplicar un par de mans de imprimación no casco, para pintura na obra morta e para patente na viva.

4

Polo chan tirados andivemos un par de días Trepa, Nacho e Jandro. A consigna non era facer un traballo fino, senón avanzar, pero ao final conseguimos ambas cousas.

5

6

E unha vez seca a imprimación e sen pensalo moito, pintura! A cor escollida pode resultar un tanto arriscada, pero lanzarnos a mercar e restaurar esta dorna tamén o foi e tan mal non nos está indo, así que… avante cos rodillos!

7

8

9

Aproveitamos unha tarde libre que tivemos para retocar a regala e destacar un pequeno detalle debaixo do cintón, co que dar un pouco de cor á obra morta.

10

11

O seguinte paso estaba claro que tiña que ser a patente. De novo houbo discusión coa cor, pero finalmente decidimos aproveitar uns litros dela de cor granate que tíñamos gardados e sen destino.

12

13

A verdade é que coa imprimación aplicada o aspecto da dorna é completamente diferente ao orixinal, pero ao mesmo tempo cun pouco de cor quedou moi rexuvenecida. Por fin comeza a parecer de novo unha embarcación lista pra navegar.

14

15

Aínda que queda bastante traballo pendente no interior e montar o pau e a jarcia, unha vez pintada os ánimos son outros.

16

E como andamos inspirados, estes días puxémonos mans á obra co novo temón. Coa axuda de David encolamos varias pezas de madeira, cun deseño xa máis ou menos claro na cabeza. E unha vez seca, colocamos a estrutura na popa para marcar o corte definitivo.

20

Ese día tivemos a visita dun equipo do programa Galicia Noticias Mediodía, da TVG, para filmar unha pequena reportaxe sobre os traballos de recuperación, que podedes ver aquí.

22

O resultado polo de agora é o seguinte, aínda que falta lixar ben e repasar os cantos. E unha vez feito porémonos a preparar as ferraxes e a caña.

24

En definitiva, aos poucos pero os avances na Surfeira vanse materializando. Despois de tanto retraso é difícil plantexar novos prazos para a botadura. O que nos interesa agora é continuar traballando e devolvela ao mar nas mellores condicións posibles. Así que avante coa Surfeira!

LONGA VIDA Á AIXOLA!

Aixola

O Centro de Formación A Aixola, en Marín, ven traballando dende 1997 na mellora da cualificación profesional dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro. Nese sentido, a labor que desenrola resulta dun valor formativo incuestionable, gañado a base de anos de esforzo e bo facer. Pero máis alá dos importantes beneficios laborais, para nós a Aixola tamén é un referente no aspecto cultural pola súa aposta decidida a favor dos oficios tradicionais vinculados ao mar (carpinteiros de ribeira, redeiras ou mestres veleiros, entre outros).

Aixola 2

Con todo, recoñecer o valor social e cultural da Aixola polos méritos xa comentados sería quedarse escaso. Non é menos admirable a relación de colaboración que dende hai anos manteñen con tantos e tantos colectivos sociais, clubes deportivos ou asociacións culturais que recurren -recurrimos- a eles para pedir axuda.

Aixola 3

Un bo exemplo de dito ata agora sucedeu hoxe, cando nos achegamos ata Marín a recoller unha vela, a trinqueta, que os alumnos do curso de velería e acastillaxe, dirixidos polo mestre Víctor, nos fixeron hai unhas semanas para a Surfeira. O resultado é sobresaínte!

Aixola 4

Con esta nova colaboración damos un pasiño máis no proceso de recuperación da Surfeira. Á auga do mar está cada día máis perto e dende hoxe temos trinqueta para surcala!

Aixola 5

Longa vida á Aixola!

XA TEMOS QUILLOTE!

Os traballos na Surfeira seguen avanzando, lentamente, iso sí, pero van adiante. De feito, esta semana demos un bo paso ao ir buscar o quillote que nos estiveron facendo os amigos de Metalyset. Outra colaboración privada, que se suma ás anteriores e ante a cal so podemos amosar unha vez máis o noso maior agradecemento.

Meta

A Surfeira é unha dorna bastante grande, pero a pesar dos seus oito metros de eslora ten relativa pouca obra viva e ata agora ningún lastre na quilla, así que aproveitando que segue en terra polos traballos de restauración decidimos instalarlle un quillote lastrado, para que gañe calado e estabilidade, o cal se vai traducir despois nunha mellor navegación e tamén nos permitirá a medio prazo aumentar a superficie vélica.

1

O quillote pesa uns 200 kilos e agora vamos meterlle outros 300 de chumbo, ata sumar os en torno a 500 que estábamos pensando completar.

2

3

Decidimos apostar por un deseño contundente, para que unha vez instalada a estrutura aumentase nuns 30 centímetros a quilla, xa que a Surfeira é bastante plana na súa obra viva e precisaba un pouco máis de calado.

4

5

Unha vez cargada no remolque pasamos por Portonovo a recoller o chumbo e continuamos ata Ogrobe para deixar todo na dos Garrido para que cando teñan un momento libre comecen coa instalación, da cal daremos conta por aquí.

6

CHOVA OU NON CHOVA…

Esta fin de semana prometía ser unha sen choiva e, por tanto, de avances na Surfeira. Con esa idea coordinamos un grupo de traballo para o venres (Ñan, Salva, Anxo, Nacho e Jandro), que andivo ocupado facendo varios traballos: ampliar os ollos de boi para colocar os novos marcos, lixar e tratar a percha da cangrexa ou instalar algúns compoñentes do motor intraborda.

20160129_174144

20160129_175109

A idea era repetir o sábado e facelo a xornada completa, so que o día amenceu gris e con algo de choiva, o que mermou as nosas espectativas. Aínda así improvisamos un pequeno equipo (David, Anxo e Jandro) para facer o que se puidese, que non foi pouco: volver a montar o sistema da apertura do portillo do camarote, tapar un antigo furado no espello de popa e avanzar co forro que queremos instalar nos laterais da bañeira.

IMG_1265

IMG_1254

IMG_1259

IMG_1261

IMG_1270

IMG_1273

Pois así, aos poucos, vamos avanzando. Agardamos que o tempo nos permita continuar nos próximos días, xa que mantemos a intención de tela lista para finais de marzo. Iremos dando novas!

PLANIFICANDO A TEMPADA

Aproveitando que con isto do cambio de ano todo o mundo se marca novos e grandes propósitos, dende a asociación asumimos entre os nosos obxetivos particulares para este ano o de planificar con tempo os traballos nas dornas.

20160104_160556

Dito e feito! Hai un días deixamos a Jatiña chorreada na rampa e lista para levala ao local onde vamos currar nela. A falta dun espazo para traballar propio seguimos tirando de amigos para facer as tarefas de mantemento a cuberto. Nesta ocasión nada máis e nada menos que en Lores (Meaño). Pero a medio prazo queremos afrontar este asunto e conseguir un local en Portonovo.

IMG-20160114-WA0021

Onte, xa que non chovía, fixemos unha convocatoria de soci@s para cargar a Jatiña e a Milucha no remolque e trasladalas. A afluencia foi masiva (e inédita). Tanto así que a media tarde estaba o choio feito e puidemos ir todos xuntos tomar algo e seguir planificando.

IMG-20160114-WA0015

Gardadas as dornas pequenas á espera de meterlles man (en breve), o tema de conversación foi a Surfeira. Como saberedes pola prensa, e se non o sabedes decímovolo agora, seguimos traballando con idea de tela lista a finais de marzo.

(2016-01-13) Diario De Pontevedra - Surfeira

Diario De Pontevedra do 13/01/2016

Seguimos á espera de ter listo o quillote para poder rematar de instalar o motor e pintar o casco. Pero o traballo administrativo e as xestións económicas non paran, e nese sentido recibimos a boa nova de que un ano máis Gadis vai colaborar con nós para darlle o último pulo á restauración.

Logo Gadis

Chegados a este punto estamos super orgullosos de ter sido quen de involucrar no so aos nosos socios e socias neste proxecto, senón tamén a unha serie de empresas que cada unha co seu grao de area estannos permitindo facer realidade o soño de devolver á Surfeira ao mar, onde debe estar.

Debuxo Surfeira

 

REMATANDO COA CUBERTA

O traballo fino require tempo, por iso levamos uns días tomándoo con calma. Con todo, pouco a pouco vamos avanzando. Tanto é así que case rematamos cos acabamentos da madeira. O interior xa quedara ben tratado coa mistura de Xylazel Total IF-T con alquitrán que lle aplicamos hai unhas semanas, e entre o martes e hoxe fixemos o propio coa cuberta.

Primeiro aplicamos dúas mans do Xylazel Total IF-T, un producto incoloro e con base de disolvente moi apropiado no caso de madeira de embarcacións para previr a aparición de fungos de pudrición ou evitar o mesmo efecto que nela provoca a auga doce.

CIMG9464

Este foi o resultado despois de aplicar a segunda man, que ao estar a madeira ben seca foi de rápida absorción. Como vedes é un producto incoloro -e moi sinxelo de utilizar-, polo que resulta apropiado ben sexa como base ou como acabamento para calquera tipo de madeira.

CIMG9488

Pero como a cuberta é unha zona moi exposta ao sol e a madeira sufre moito, decidimos aplicar como acabamento un lasur, o Xylazel Plus Mate, en cor teca, a opción máis aproximada ao ton orixinal da madeira. O mellor deste producto é que non crea unha película sobre o poro, senón que penetra como un tinte, resaltando o veteado das táboas e deixando respirar á madeira, ao tempo que a protexe de igual modo contra a humidade e contra a acción do sol. E aínda por riba non precisa ser lixado nin decapado para aplicar novas capas. Un gran descubrimento!

CIMG9503

CIMG9507

PENSANDO NA PRÓXIMA TEMPADA

Aínda que levemos uns días sen actualizar a web iso non significa que estivésemos parados. Polo contrario, na última semana andivemos bastante atarefados cun par de asuntos importantes. Por un lado continuamos traballando na Surfeira. Á espera de recibir as pezas para instalar o motor intraborda e de confirmar que vamos poder instalar o quillote lastrado, aproveitamos para darlle un avance á cuberta, que xa quedou practicamente lixada.

20151013_140509

20151013_140558

E polo outro lado, estivemos preparando unha nova solicitude que onte fomos entregar á oficina de Portos de Galicia en Santiago, xa que segundo parece non teñen constancia das nosas anteriores peticións -e iso a pesar das insistentes visitas que fixemos nos últimos dous anos-. Agardemos que desta vez sirva para algo.

20151016_223452

Solicitude de cesión presentada a Portos de Galicia (16-10-2015)

CARIÑO E ILUSIÓN

Despois do traballo duro da semana pasada, estos dous últimos días á Surfeira tocoulle un tratamento a base de cariño e ilusión, misturado a partes iguais con Xylazel Total IF-T. Trátase dun tratamento incoloro curativo da madeira e preventivo contra termitas, carcomas e fungos de pudrición. Escollemos este producto porque ademáis dunha rápida absorción (ten base de disolvente) mellora a adherencia e a duración das capas posteriores de produtos de acabado, que no noso caso será unha imprimación e patente na obra viva e probablemente pintura na morta.

20150921_180338

O luns aplicamos unha primeira man bastante xenerosa por ambos costados. A madeira estaba tan seca que nesta primeira aplicación utilizamos uns 4 litros de producto. Agardamos 24 horas para que os poros da madeira absorbesen ben o tratamento e o martes procedemos a dar unha segunda man, desta vez un pouco máis lixeira, pero que en cuestión de minutos xa estaba novamente case seca.

20150921_175236

20150921_175424

Mañá repasaremos o casco na busca das últimas imperfeccións que deban ser enmasilladas e lixadas e deixaremos a obra viva lista para recibir a imprimación.

TRABALLO EN EQUIPO

Esta semana tocou traballar en serio, pero foi un traballo en equipo, que é como se disfrutan estas cousas. Así, durante un par de días varios membros da directiva deixamos de lado os papeis para por a roupa de faena e darlle un bo avance á dorna.

20150916_122729

Para comezar o día nada mellor que empastar as imperfeccións do casco e lixar ben para a semana que ven dar imprimación e pintar. E mentras tanto, a outra metade do equipo rascaba a cuberta para retirar os restos de alquitrán e poder lixar despois.

20150916_131536

E como non hai bos resultados sen planificación, a media mañá tocaba reunión de directiva para decidir as seguintes tarefas e, xa de paso, fumar, escoitar música ou simplemente posar para a foto.

20150916_174746

Unha vez que as táboas do casco quedaron listas pasamos a lixar a regala. Nalgunhas zonas da mesma tivemos que facer pequenas reparacións e recravar.

20150918_132850

20150918_160444

Nótase que un traballo en equipo ben planficado rende máis. Ademáis de deixar listo o forro para darlle imprimación, retirado todas as herraxes para limpalas, rascado a cuberta e lixado a regala, aínda tivemos tempo de aplicar unha última mas de Xylazel Total con alquitrán a todo o interior. O seguinte paso xa será instalar o motor Solé Diesel Mini-34 que temos recén pintado.

20150917_171658

TRATAMENTO DA MADEIRA

A semana pasada estivemos traballando duro para rascar e limpar todo o interior da dorna, con especial atención ás xuntas das táboas, que rascamos e aspiramos unha por unha. Tal esforzo tiña a intención de deixar a madeira o máis limpa posible para esta semana comezar a tratala cos productos que Xylazel nos regalou. E así foi. Hoxe comezamos a aplicar o Xylazel Total IF-T, un protector para a madeira que ademáis actúa como insecticida e funxicida, pero que permite respirar á madeira e non ten cor, aínda que nós decidimos aplicalo misturado cun pouco alquitrán (moi diluído) para conservar ese tono tan característico das embarcacións tradicionais, que históricamente se trataban con derivados do petróleo.

20150910_153917

Para probar o tono da mistura decidimos comezar polo tambucho de proa. E a verdade é que incluíndo unha pequena cantidade de alquitrán conservamos esa cor tan característica e ao mesmo tempo a mistura resulta igualmente lixeira como para ser absorbida pola madeira. De feito, estaba tan seca que so no tambucho aplicamos uns 3 litros.

20150910_161449

Coa mistura xa testada decidimos continuar pola bañeira e máis concretamente polo espazo no que vamos instalar o motor intraborda, xa que por comodidade conviña deixar a madeira tratada antes de montalo.

20150910_153549

Para que vos fagades unha idea do antes e o despois da aplicación da primera man adxunto a seguinte foto. De todos xeitos, mañá darémoslle unha segunda man, que boa falta lle fai, despois de case tres anos en terra.

20150910_165057