RECORDOS DA IX REGATA DO SEPELO

Con retraso pero aquí estamos actualizando a páxina web cunha crónica da IX Regata do Sepelo -de dornas a vela-, que celebramos o sábado 3 de xuño en Portonovo.

1

Como cada ano tivemos a sorte de contar coa presenza de compañeiros chegados dende Vigo, Combarro, Ogrobe, Arousa, que a fin de contas son os que fan posible a regata. Entre uns, os outros e os da casa -que tamén os houbo- xuntamos 18 dorniñas aparelladas a vela dispostas a partir o pau ou quedar quilla arriba para gañar a prestixiosa Regata do Sepelo.

2

Con escrupulosa puntualidade as dornas dirixíanse a liña de saída situada á altura da punta Bicaño, dende a cal enfilarían con vento de popa cara a punta Seame, para logo virar cara a baliza situada no medio da ría e logo voltar ao inicio, completando así a primeira das dúas voltas programadas.

3

Durante todo o día soprou un vento constante do nor-noroeste duns 14 nos, polo que a regata transcorreu a bo ritmo, aínda que co paso dos minutos as diferenzas entre unhas dornas e outras ían en aumento.

4

Como bos anfitrións que somos as embarcacións da nosa asociación fóronse rezagando deliberadamente. A consigna estaba clara: deixar gañar aos de afora para que sigan vindo. É por iso que sempre quedamos de últimos.

5

A pesar do vento fresco a regata transcurriu sen incidencias e puidemos disfrutar dunha bonita pugna entre algúns dos máis ávidos dorneiros do panorama competitivo a nivel mundial.

6

Pero como non todo vai ser competición tamén houbo festa, antes, despois e tamén durante a propia regata, a cargo dos compañeiros do Clube Mariño A Reiboa que viñeron animar coas súas gaitas aos participantes.

7

Mentres tanto en terra todo estaba listo para a entrega de trofeos aos gañadores, con honras e recoñecemento de primeiro nivel.

8

9

10

Ao final a cousa estivo bastante disputada e tivemos case que recorrer á foto-finish para dirimir a configuración do top 5. Menos mal que este ano contamos con xuíz profesional e non tivo dúbidas: a dorna gañadora foi a Nécora (cun tempo de 1:49:29), a segunda clasificada a Forza R (1:51:02), a terceira a Xarandeira (1:51:27), a cuarta a Nova Froíña (1:51:32) e pechando o podio a Bazarra (1:53:19).

11

En resumen a IX Regata do Sepelo foi todo un éxito. Xa non polo desenlace deportivo senón polo feito cultural que implica xuntar 18 dornas aparelladas a vela e compartir o gusto pola súa conservación con compañeiros chegados de tres diferentes rías. Moi agradecidos, por tanto, aos asistentes que a fixeron posible e agardamos que en igual medida que nós disfrutasen da regata e todo o que ela implica.

12

Vémonos na X Regata do Sepelo!

IX REGATA DO SEPELO

Cartaz Sepelo (2017)

Como cada verán comezan as regatas e como sempre para inaugurar o calendario do campionato mundial de dornas a vela chega a IX Regata do Sepelo, que organizamos nós mesmos e que se celebrará o vindeiro sábado 3 de xuño, con inicio ás 16:30 horas. Aos interesados en competir rógaselle ter contratado o seguro de navegante e ás embarcacións estar aseguradas, ademais de ter a bordo tódolos elementos de seguridade (chalecos, remos, risón, flotacións…) para facilitar a celebración sen incidentes. Como de costume haberá unha papatoria posterior á regata e os participantes serán agasallados cunha fermosa camisola conmemorativa, ademais dos trofeos para os vencedores.

Vémonos o 3 de xuño, en Portonovo (onde senón?)!