
Tal e como xa publicábamos hai algúns meses, a comezos deste ano estivemos realizando varios traballos de rehabilitación e mellora da Surfeira. Pero o que non vos contamos daquela foi que unha das melloras levadas a cabo grazas á colaboración do Concello de Sanxenxo, a través da liña de subvencións para actividades culturais realizadas no ano 2025 por asociacións e entidades sen ánimo de lucro, convocada polo Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo, foi a substitución do antigo (e averiado) motor intraborda por un novo.

Grazas a esta colaboración municipal, que acadou os 5.767,09 €, puidemos mercar un novo propulsor, moito máis fiable e eficiente, o cal xa nos permitíu este ano navegar nunhas condicións de maior seguridade e, derivado diso, poder realizar actividades ás cales antes non nos atrevíamos.
A instalación do novo motor realizouse nos Astilleros Garrido, do Grove, e o resultado non pode ter sido mellor, xa que por primeira vez en anos neste 2025 non tivemos que renunciar a ningún compromiso (como asistir a algunha xuntanza ou concentracación de embarcacións tradicionais) por causa dalgunha avería inesperada.
E ademáis da mellora que supón a instalación deste novo motor, durante os meses de setembro e outubro decidimos celebralo organizando varias saídas de navegación abertas, tanto a veciños como a outros colectivos culturais do noso concello. Non en van un dos nosos principais obxectivos é aumentar a socialización das nosas embarcacións tradicionais e a partir de agora, grazas ao novo motor, poderemos facelo con maior intensidade.
A única pena foi que a climatoloxía despois do verán non axudou e por tal motivo quedaron adiadas un par de saídas programadas. Pero xa estamos a traballar no mantemento da Surfeira coa vista posta en poder realizalas durante a primaveira. Esas e moitas máis!





