E chegou o 20 de xuño e con el a VII Regata do Sepelo de dornas a vela!
Para a nosa alegría e a pesar da previsión de pouco vento para toda a xornada, a primeira hora da tarde comezou a levantarse unha brisiña que pouco a pouco foi gañando a suficiente forza para ofrecer unha navegación alegre e competitiva. Se a iso lle sumamos que, a diferenza doutros anos, desta vez non inauguramos a tempada de competicións, xa que no sábado anterior xa tivera lugar a XVIII Regata dos Faros, en Ogrobe, e por tanto as tripulacións xa viñan afinadas, enténdese que o resultado fose unha regata rápida e sen incidencias.
Con media hora de retraso, ás 17:00 horas, ás 20 dornas participantes tomaban a saída dende a punta de porto de Portonovo con dirección suroeste, cara unha baliza situada na punta do Seame, para dende alí virar cara ao noreste hacia outra baliza situada a media milla da punta do porto de Sanxenxo, e finalmente continuar cara o lugar de saída, en Portonovo, completando así a primeira de dúas voltas.
Como de costume, dende o inicio quedou bastante claro que o pódium ía ser cousa de dous: a A.C.D. Dorna e a Asociación de Amigos da Dorna Meca. E nesa disputa arousana polo campionato portonovés de dornas batallaron a Nécora, a Bazarra, a Caropa, a Forza R, a Fuxe, a Rona e a Maristela, e infiltrada entre todas elas a Xarandeira, da A.C.D.X. Fasquía.
Para moitos a regata foi pouco máis que un quecemento, pero para nós, a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo, foi a gran cita do verán (con permiso do XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia), un evento humilde pero que organizamos con moita ilusión. É por iso que non podemos máis que agradecer ás 20 dornas asistentes a súa participación, e moi especialmente á Nova Froíña, da Asociación de Mariñeiros de Bouzas, e Fungona e Triñana, da Asociación A Torre, de Cambados, pois no caso de ambas asociacións era a primeira vez que competían en Portonovo. E agardamos que non sexa a última!
CLASIFICACIÓN:
- NÉCORA (A.C.D. Dorna)
- BAZARRA (A.C.D. Dorna)
- CAROPA (Amigos da Dorna Meca)
- FORZA R (A.C.D. Dorna)
- FUXE (Amigos da Dorna Meca)
- A RONA (Amigos da Dorna Meca)
- MARISTELA (A.C.D. Dorna)
- XARANDEIRA (A.C.D.X. Fasquía)
- NOELIA (A.C.D. Dorna)
- FUNGONA (A Torre)
- MIMELA (A.C.D. Dorna)
- NOVA FROÍÑA (Mariñeiros de Bouzas)
- LARA DOCE (Amigos da Dorna Meca)
- CORMORÁN DE ONS (Amigos da Dorna Meca)
- LOURDES (Amigos da Dorna Meca)
- CALLOA (Amigos da Dorna Meca)
- CONINHA (Amigos da Dorna de Portonovo)
- HABANA (Amigos da Dorna de Portonovo)
- BICOCA (Amigos da Dorna de Portonovo)
- TRIÑANA (A Torre)