DE FESTA EN FESTA

Despois doutro ano de duro -pero agradable- traballo, chegou a festa. E desta vez recibímola por partida dobre. Así, na semana pasada asistimos como convidados aos Premios da Cultura Galega 2015 en calidade de membros da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que foi galardoada na categoría de Patrimonio Cultural.

Premio

Ata alí nos desprazamos representantes de moitos dos colectivos que conformamos a Federación, para arroupar ao noso presidente, Manolo Cendón, quen recolleu o premio e nos ofreceu un magnífico discurso no que, ademáis de agradecer este recoñecemento ao traballo feito por tantas e tantos voluntarios durante máis de 22 anos a prol da recuperación, conservación e posta en valor do patrimonio marítimo e fluvial, manifestou o noso desexo -o de todas as asociacións da Federación- de contar cun marco legal para as embarcacións tradicionais -a través da súa declaración como bens patrimoniais- e uns espazos reservados nos portos, a modo de mariñas tradicionais, onde os nosos barcos -que o son de todas e todos- poidan ser coñecidos, apreciados e desfrutados por toda a sociedade.

E aínda co gusto no corpo polo premio recibido, tocounos celebrar en Portonovo a nosa tradicional cea de nadal. Este ano, grazas a que Chus nos cedeu a Batea para a ocasión, decidimos organizala de maneira máis familiar. Isto é, cociñar e servir -e ata actuar- nós mesmos. Así, de paso que nos reunimos en confraternidade, aproveitamos para sacar algo de diñeiro para continuar coa restauración da Surfeira.

IMG-20151229-WA0005

A tenor da festa -antes, durante e despois- podemos asegurar que foi todo un éxito. E a pesar de caer en luns (lembremos que o día oficial da cea é sempre o 28 de decembro) á convocatoria asistiron máis de 40 socios, mulleres e homes, vellos e novos, pero todos coas mesmas gañas de pasalo ben.

IMG-20151229-WA0006

E como entre o persoal tíñamos artistas ilustres, a música tampouco faltou. Por un lado da man de Iago Carreño (Sugar Mountain) e polo outro de Chavo e Álex (Chavalex), sempre acompañados polo Coro Asambleario dos Amigos da Dorna.

IMG-20151229-WA0016

Agardemos que o 2016 sexa, polo menos, igual de bo que o 2015. Que rematemos a restauración da Surfeira, que academos a mariña tradicional para os nosos barcos e que disfrutemos da vosa compañía en cada momento. Bo 2016!