BICOCA

Ilustración da Bicoca co seu aspecto actual

Construída por Ramón Blanco Nieto ”Monchito” en Cabodeiro (Illa de Arousa) no ano 2005, a Bicoca é unha dorna polbeira, sen dúbida a tipoloxía máis estendida e mellor conservada na actualidade. E este tipo de embarcación estaba dedicado, tal e como o seu nome indica, á pesca do polbo.

A Bicoca na carpintaría de Monchito (2005)

A Bicoca foi botada ao mar o 18 de agosto do 2006, coincidindo coas festas de San Roque, pero a súa arribada á asociación tivo lugar un ano antes. A historia é ben simple: durante a celebración do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, en Cambados, realizouse o sorteo dunha dorna nova. E mira ti que fortuna a nosa, que resultamos ser os propietarios do boleto premiado. Tendo en conta a súa procedencia ninguén dubidou á hora de bautizala co nome de Bicoca. E así foi como dende entón esta dorna, lixeira e rápida, se converteu na nosa embarcación oficial para competir nas regatas a vela que se celebran durante todo o verán.

Alfonso e Alberto na XIV Regata do Sepelo (2023)
Aspecto da Bicoca tras o cambio de imaxe que lle fixemos no 2023