Orixinalmente chamada Conins, a Coninha é unha dorna polbeira construída no ano 1992 na carpintería de Ramón Blanco “Monchito”, en Cabodeiro (Illa de Arousa), por encargo de Xaquín, membro da Asociación de Amigos da Dorna Meca.
Tivo a súa primeira base en Porto Meloxo (Ogrobe), dende onde Xaquín, que era un fanático das regatas de dornas, se desprazaba para participar nelas, en moitas ocasións como único tripulante, circunstancia que o levou a introducir algunhas melloras para facilitar a manobra, polo que a Coninha ten certas características que fan dela unha dorna singular.
Foi en 1997 cando tres dos fundadores da nosa asociación –Brani, Trepa e Telmo–, decidiron mercala, pasando a formar parte da frota de dornas que daquela tiña Portonovo, xunto coa Zapate, a Noa, a Estrella e a Serviola.
¿E por qué “Coninha”? Xaquín pertence á familia dos Conins, de aí o seu nome orixinal. Pero tras cambiar de propietario xa non procedía mantelo, aínda que os novos tampouco querían –por aquilo das supersticións– alteralo demasiado. De maneira que antes de tramitar a documentación na Capitanía de Vilagarcía xa tiñan decidido un novo nome, que ademais de enxebre, non variaba moito do anterior: “Coniña”. Pero na Capitanía alegaron que “era un nome obsceno, e iso non estaba permitido polas leis do mar”. Acordaron entón probar coa variante portuguesa “Coninha”, que si pasou o censura.
Xunto coa Noa, a Coninha foi a dorna na que, primeiro, comezaron a curtirse os máis vellos da asociación e, logo, a acudir aos eventos mariñeiros en toda a xeografía galega. De feito, ben fose polo seu nome ou polos seus tripulantes –unhas veces torpes e outras bos mariñeiros, de viño tinto– a Coninha case nunca pasou desapercibida e por iso é coñecida e lembrada alá por onde navegou, dende Normandía, Bretaña ou Aquitania (Francia), pasando por Euskadi, gran parte da costa de Portugal –de Viana do Castelo a Lisboa–, ou a Costa Dourada (Tarragona). E, por suposto, toda Galicia.
E finalmente, tras tantas e tan interesantes navegacións, no 2022 a Coninha arribou ás mans da asociación, unha vez que Trepa e Telmo decidiron dar o relevo para que outros poidan continuar coas súas aventuras.