HABANA

Ilustración da Habana co seu aspecto actual

Esta dorna polbeira, encargada por un veciño do Grove, foi construída por Domingo Ayaso, carpinteiro de Aguiño que tamén fixo a Jatiña e a Surfeira, sendo este primeiro propietario o que a nomeou Habana, alá pola primavera do 2006, cando foi botada ao mar.

Telmo foliando a man a Habana (2010)

Foi en outubro do 2009 cando esta dorna, practicamente nova, moi lustrosa e cun nome tan atraente, namorou os ollos do seu actual propietario, Anxo Telmo, membro desta asociación. E semanas despois do flechazo a dorna púxose á venda, e así foi como esta dorna con folio do Grove chegou ao porto de Portonovo.

A Habana, Bicoca, Manuela e Coninha na praia das dornas (Ons)

Dende entón foron moitas as travesías e viaxes que ten feito. Moitas as regatas, encontros e xuntanzas, e moitos tamén os trofeos conseguidos na Regata da Pamplina, a remos, de Combarro, onde sempre apaña algo –é o barco a bater–. Pero algunha quilla arriba tamén houbo.

A Habana na VI Regata do Sepelo (2013)