MILUCHA

Milucha (Xullo De 2014)

De construción descoñecida, nin ano, nin carpinteiro, aínda que si podemos situar a súa orixe no porto de Meloxo, en Ogrobe. A Milucha é a última incorporación ao patrimonio da asociación. Trátase dunha pequena dorna polbeira cedida por Manolo Outeiro, un coñecido de Beluso (Bueu) que xa non podía facerse cargo dela, polo que nós a aceptamos con entusiasmo para restaurala e integrala na nosa familia.

Os traballos de recuperación foron superficiais pero esixentes: rascala enteira, lixala, reconstruír parte da cuberta, recravar o casco, selar as xuntas das táboas, alquitranar, dar patente e pintar. Pero despois duns meses de esforzo e ilusión a dorna volveu ao mar, que é onde debe estar. Longa vida á Milucha!