Construída por Domingo Ayaso no ano 1998, cos seus 7.97 metros de eslora é unha das embarcacións de maiores dimensións que saíu das súas mans. Trátase dunha dorna nai, unha tipoloxía de embarcación de regata e lecer construída a partir do casco dunha dorna xeiteira tradicional.
A orixe desta variante atópase nas competicións de vela que se comezaron a organizar no Clube de Mar e no Clube de Regatas de Vilagarcía de Arousa arredor do ano 1951. Foi por iso que ata hai ben pouco sufriron certo menosprezo ao consideralas unha embarcación propia de “señoritos”, fronte ás dornas tradicionais dos humildes mariñeiros arousáns.
O caso é que o seu éxito deportivo foi tal que chegaron a ser nomeadas como “clase nacional nai” (sendo a única embarcación de tipoloxía totalmente galega que ten esta clasificación). Esta clase, da cal se organizaron regatas polas Rías Baixas entre os anos 50 e 60, define unha embarcación de entre seis e sete metros de eslora e aparellada con vela cangrexa e foque.
Entre 1951 e 1963 construíronse 34 dornas nais (8 delas encargadas pola Armada Española como embarcacións de formación para prácticas de navegación dos alumnos da Escola Naval de Marín), a pesar do cal na actualidade é unha tipoloxía case desaparecida, quedando pouquísimos exemplares de máis ou menos recente construción, entre as cales se atopa a Surfeira.
Foi a comezos do ano 2015 cando decidimos mercarlle a dorna a un dos nosos socios, Manolo Sineiro, que por problemas de saúde non podía seguir facéndose cargo dela. E así iniciamos un proceso de restauración que se prolongou durante varios anos e que incluíu varias reparacións de carpintería, a instalación dun motor intraborda, a colocación dun quillote lastrado e finalmente a substitución do xogo de velas por unhas novas.