Pois si, nesta pasada fin de semana a Jatiña navegou pola Ría de Vigo, para participar nunha Xuntanza de Embarcacións Tradicionais en conmemoración do centenario da fundación da Alianza Mariñeira de Cangas, e honrar, desta maneira, a moitas das persoas que formaron parte desta agrupación e foron represaliadas durante o alzamento militar do 36.
O sábado ao mediodía, logo de escampar e ter preparado todo, puxemos rumbo suroeste cara os Cabalos de Aldán, para logo enfilar Cabo Home deixando toda a Costa da Vela por babor. Tripulando a Jatiña, o equipo xuvenil -Xoel, Samuel, Silva e Alberto- e máis Anxo supervisando. Levamos tamén un sexto tripulante, O Mercurio, que traballou dende Portonovo ata entrar na Ría de Vigo, e sin rechistar!
Pola noite, o de sempre, se queredes saber, viñérades! Pódese contar que demos cun gran seguidor que os Amigos da Dorna temos en Cangas -e nos sen sabelo- que se chama Lucas, armador, xunto co seu pai, da dorna Serea, e de seguro que volveremos coincidir nunha andaina das nosas.
Xa no domingo, foron chegando máis embarcacións, da ría de Vigo, que se sumaron á Jatiña e máis á Terceira -o choupán de Ronsel co que xa coincidiramos en Lekeitio- Aínda nos xuntamos un lote delas. Así que xuntada a flota, todos a navegar, e na zona da Borneira, agrupámonos todos e fíxose unha ofrenda floral acompañada por unhas verbas, que logo serían ampliadas en terra para rendir homenaxe aos mariñeiros que perderon a vida por defender nada máis que as súas ideas e os seus intereses como clase traballadora que eran.
Logo, xantar en compañía dos amigos de sempre e de outros novos, encher o papo para partir de novo para a nosa ría. Primeiro rumbo ao muelle de Cíes, e logo rumbo Norte para desfacer o camiño feito o día anterior.
Xa se informou a pasada semana que coa entrada do mes de agosto comezan as “grandes feiras” da cultura marítima, así que xa sabedes, so hai que aproveitalas… Aí vai outro vídeo…