A nosa asociación ven de acadar a inclusión das nosas cinco embarcacións tradicionais no Inventario de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia, integrado no Censo de Patrimonio Cultural de Galicia.
O rexistro destas embarcacións singulares foi inaugurado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en xullo deste ano e dende hai uns días inclúe, entre os 50 barcos xa inscritos, a dorna nai “Surfeira”, a dorna xeiteira “Jatiña”, a dorna de media construción “Praia da Panadeira” e as dornas polbeiras “Bicoca” e “Coninha”, todas elas con base en Portonovo.
A solicitude foi cursada pola nosa asociación, como propietaria das cinco embarcacións, e agardamos que este recoñecemento oficial sirva como base para que dende as administracións se promovan outras medidas encamiñadas a facilitar a súa conservación e socialización.
De feito, usando como argumento o valor patrimonial agora recoñecido de xeito oficial pola Xunta de Galicia, dende a directiva da asociación xa están traballando para reclamar melloras no relativo aos amarres para os barcos, cuestión na cal sufrimos un retroceso notable nos últimos anos, e tamén para acadar un local no cal poder realizar os traballos de mantemento das embarcacións, entre outras actividades culturais.
Dende Amigos
da Dorna queremos seguir apostando pola recuperación e uso das embarcacións
tradicionais e con elas brindar a oportunidade a toda a sociedade de desfrutar
dun ben patrimonial que se mantén vivo e que agardamos que así continúe por
moito tempo.
Pois aquí estamos (non sen tempo) para presentarvos a terceira e última entrega do que foron os traballos de recuperación da dorna Praia da Panadeira.
Lembrarvos que na anterior publicación describimos o proceso ata o momento da finalización dos arranxos de carpintería e que, sendo así, deixamos pendentes as tarefas de tratamento da madeira.
O caso é que coa dorna xa en Portonovo (tras un par de meses no Grove) puxémonos mans á obra, comezando de abaixo cara arriba. Así, no que á obra viva se refire o primeiro paso foi aplicar dúas mans de imprimación. A continuación outras dúas de patente de cor negra (que era a que tíñamos gardada). E para rematar, unha discreta franxa de cor branca por enriba da liña de flotación.
Pero é a partir de aquí onde comeza o interesante, xa que algúns meses atrás tivéramos a oportunidade de entrar en contacto con Barpimo, unha empresa da Rioxa dedicada á fabricación de pinturas, vernices e protectores da madeira, e acordáramos aproveitar a posta a punta da Praia da Panadeira para probar algunhas das súas elaboracións.
Foi precisamente por iso que decidimos agardar uns meses para publicar esta terceira entrega, xa que queríamos poder valorar no so a aplicación dos produtos senón tamén as prestacións dos mesmos, tanto no momento inmediato como a nivel posterior (tras medio ano de exposición ao sol e o mar).
O Aceite de Tecafoi mesturado a partes iguais xunto co Barpidecor Fondo e aplicado en varias mans (catro ou cinco) nas zonas interiores da dorna. O obxectivo da mestura foi facilitar a absorción e dese xeito acadar unha recuperación e protección máis profunda, tan necesaria para unha madeira vella, que levaba bastantes anos sen recibir tratamento e que vai ser exposta ás inclemencias mariñas.
O Barpidecor Fondo (incoloro) tamén nos serviu como imprimación protectora para a obra morta, sendo aplicado en tres mans sobre toda a madeira nova dos costados e a cuberta.
E finalmente o Barpidecor Alta Protección (en cor pino) converteuse no lasur protector co cal quixemos dar unha nota de cor á embarcación, aplicándoo tamén neste caso en tres mans sobre toda a madeira nova da obra morta.
O resultado non podería ter sido mellor, tanto a nivel estético como de comportamento, xa que os tres produtos demostraron cumprir con creces as nosas expectativas: alta protección de madeira e unha sorprendente durabilidade (incluso fronte ao desgaste por roce).
So nos queda trasladar o noso sincero agradecemento a Barpimo pola colaboración desinteresada e unha mais que merecida felicitación polo calidade dos seus produtos. De feito, non vemos a hora de poder probar outras referencias. Dornas virán que o permitan!
Sen tempo non foi (lembremos que orixinalmente estaba programada para o 18 de xuño) pero finalmente fomos quen de celebrar a 13ª Regata do Sepelo e xunto con ela a entrega de trofeos da Copa Mörling, o Campionato Galego de Dornas a Vela, promovido dende Culturmar en homenaxe ao gran Staffan Mörling, que nos abandonou en maio do 2020 (en plena pandemia).
Pero antes de comezar coa crónica do acontecido o sábado, queremos reservar unhas liñas para agradecer a tódalas persoas e entidades que dalgunha forma axudaron a que puidésemos levar a cabo a regata con éxito. Dende Capitanía Marítima de Vigo e a Autoridade Portuaria de Marín, por concedernos as autorizacións necesarias. Pasando por Portos de Galicia e a Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo, por permitirnos o uso do espazo portuario. Sen esquecer ao Concello de Sanxenxo e o Club Náutico de Portonovo (e especialmente a Javier e Fernando Pazó), pola axuda a nivel loxístico. E de forma moi especial aos nosos patrocinadores, ás persoas (particulares) que aportaron as súas lanchas para garantir a seguridade dos participantes na regata, a Ollares de Portonovo (tan ben encarnados en María Lores e Luis Chouza), a Culturmar por confiar en nós e á familia Mörling (representada por Chefa e a súa neta Charlotte), que coa súa presenza elevaron a dignidade da xornada ata o ceo.
Aínda que a hora de inicio da regata estaba anunciada para as 16:00, dende primeira hora da mañá comezaron a chegar a Portonovo dornas chegadas de Bouzas, Cambados, O Grove, a Illa de Arousa e Ribeira, ata xuntar a nada desprezable cifra de 17 embarcacións. De feito, ao mediodía o ambiente dorneiro xa se facía notar polos bares e terrazas máis próximos ao porto. E parece de xustiza recoñecer que nesta parte da “competición” gañaron os mecos.
Afogados os nervios, a tarde prometía nortada fresca. De feito, a pregunta máis repetida nos minutos previos ao inicio da proba foi se era obrigatorio coller un rizo. E a resposta un rotundo si, para alivio de uns (a maioría) e indignación de outros (os menos). Pero a previsión de ventos por enriba dos 15 nós non permitía arriscar. E a mellor proba diso é que antes incluso do inicio da regata xa había unha dorna, a “Habana” (con Anxo e Xoel), que tiña que regresar a porto a remos por rotura do pau durante as viradas de quecemento.
O campo de regata estaba conformado por un triángulo cunha primeira boia ubicada entre o porto de Sanxenxo e a praia de Areas, ata a cal se chegaría navegando cun aparentemente sinxelo vento de través. Dende alí e despois de trasluchar, unha empopada con certo perigo ata a segunda boia, situada no medio da ría. E a continuación unha rigurosa ceñida, facendo bordos ata o punto de saída, na bocana do porto de Portonovo.
A teoría estaba clara e sendo así, unha vez que as 16 tripulacións marcaban presenza na liña de saída, dispostas a deixar as uñas cravadas na cuberta con tal de chegar ao podio da regata e nalgúns casos tamén da Copa Mörling, ás 16:14:22 pitamos o inicio da proba.
Dende o primeiro momento destacáronse a “Xarandeira” (con Santi e Ángel), a “Pereka” (con Dorado e Chica) e a “Fuxe” (con Manolo e Brais). Por detrás delas a “Madorniña” (con Alberte e Higinio), a “Jalerna” (con Lino e Ángel), a “Nécora” (con Carterola e Harry) e a “Cormorán de Ons” (con Rodrigo e Gonzalo). E logo o resto: a “Lixeiriña” (con Cristian e José Eugenio), a “Moura” (con Marcos e Juan), a “Abuelo Tucho” (con Álvaro e Fran), a “Maraxe” (con Anxo e Max), a “Oliña” (con Adelino e Iván), a “Montañesa” (con Chantada e Olivia), a “Caranceira” (con Tino e Borja), a “Sita” (con Pablo e Alonso) e a “Rosalía” (con Héctor e Salvador).
A cousa mantívose mais ou menos así ata chegar á segunda boia, pois foi xusto nese punto onde comezaron os problemas. A “Oliña” virou quilla arriba e inaugurou o festival de abandonos (tantos que resúltanos imposible enumeralos por orde ou detallar as cousas en cada caso).
As embarcacións que conseguiron comezar a bolinar con proa á praia de Caneliñas tiveron que loitar contra un vento do norte que continuaba en aumento e que por momentos superaba facilmente os 15 nós. Ata o punto de que varias dornas escoraron ata “afundir” no intento e a outras directamente partiulles o pau. Sumado ás que optaron por abandonar ao finalizar a primeira volta ao campo de regata.
Pouco a pouco as dornas foron caendo en combate. De feito, chegou a haber ata 3 embarcacións sendo remolcadas a porto ao mesmo tempo. Aínda ben que nesta ocasión logramos reunir suficientes barcos auxiliares e que as súas tripulacións souberon traballar de xeito coordinado.
Para o inicio da segunda volta quedaban en regata unhas 11-12 dornas das 16 que tomaron a saída e a cada paso por boia o seu número ía en descenso. De feito, entre as vítimas da nortada atópanse nomes como o da “Xarandeira”, a “Nécora” ou a “Abuelo Tucho”.
Sendo así, a regata converteuse nun cara a cara pola primeira posición entre a “Fuxe” e a “Pereka” e nunha loita pola supervivencia para o resto. E non esaxeramos, tendo en conta que finalmente so 7 dornas (das 17 presentes) conseguiron cruzar a liña de meta.
Como resultado de todo o comentado anteriormente, ás 17:47:44 completaba a regata a “Fuxe” (1), ás 17:48:18 a “Pereka” (2), ás 18:04:35 a “Jalerna” (3), ás 18:09:49 a “Cormorán de Ons” (4), ás 18:10:31 a “Lixeiriña” (5), ás 18:16:38 a “Moura” (6) e ás 18:20:40 a “Madorniña” (7).
Folla da clasificación da 13ª Regata do Sepelo
E rematada a guerra no mar, tocou a festa en terra. Comezando pola entrega de agasallos e trofeos da 13ª Regata do Sepelo, continuando cos da Copa Mörling e finalizando cunha sentida homenaxe mutua entre Culturmar e a familia Mörling.
Trofeos da 13ª Regata do Sepelo
O alcalde de Sanxenxo intervindo no acto
Tripulación da “Lixeiriña” (5)
Tripulación da “Cormorán de Ons” (4)
Tripulación da “Jalerna” (3)
“Tripulación da Pereka” (2)
Tripulación da “Fuxe” (1)
Trofeos da Copa Mörling
Tripulación da “Fuxe” (3) xunto coa familia Mörling e representantes de Portos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Culturmar
Tripulación da “Xarandeira” (2) xunto coa familia Mörling e representantes de Portos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Culturmar
Tripulación da “Pereka” (1) xunto coa familia Mörling e representantes de Portos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Culturmar
Despois dalgún tempo dedicado ao traballo nos barcos aquí estamos para dar conta da segunda fase da restauración da Praia da Panadeira, dándolle continuidade xusto no punto onde o deixamos coa anterior publicación.
Pero antes de entrar nos detalles é de xustiza recoñecer que a materialización deste proxecto foi posible grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, que nos concedeu a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico a subvención precisa para levalo adiante.
Xa metid@s en madeira, ademais da sustitución das táboas de cubrir, foi precisa a instalación dunha nova cuberta (completa) e corredores, sobre os cales colocáronse novos barraganetes (34 en total).
E unha vez instalados todos os barraganetes tocouconstruír a borda e a tapa da regala, completando dese xeito a obra morta.
Ainda que para rematar a obra quedaba un detalle non pouco importante, que era a recuperación da popa tradicional. É dicir, da forma redondeada característica do perfil superior do espello de popa nas dornas.
E para concluir (ou case, xa que reservamos o tratamento da madeira para unha terceira publicación) temos que explicarvos que mentres os carpinteiros facían o seu traballo no Grove, en Vilagarcía tíñamos aos mestres veleiros Ramón Albert e Julio Pousa deseñando e fabricando unha vela cangrexa e un foque cos cales a Praia da Panadeira poida voltar navegar ao xeito tradicional.
E así, lent@s pero segur@s, continuamos a coidar do patrimonio marítimo de tódol@s galeg@s.
A nosa “historia” (a historia da propia embarcación xa a contaremos nunha próxima publicación) coa Praia da Panadeira comezou un sábado calquera –de mediados de xaneiro do 2018– cando pedimos un remolque e unha furgoneta prestada e arrancamos dirección a Ramirás, nas Terras de Celanova, Ourense.
Dito deste xeito, o último que se podería agardar desta aventura sería voltar para Portonovo cunha dorna ás costas. Pero así foi. E non unha dorna calquera, senón unha de construción mixta. É dicir, unha rareza que mestura os dous tipos de construción tradicional do casco: de calime (ou escarva) e de tope. Pois presenta as táboas a tope na obra viva e unha única táboa de cubrir na obra morta.
O caso é que por moi especial que sexa, as circunstancias mandan. Para que se entenda: que dende o 2018 ata hai un mes a Praia da Panadeira non tivo máis remedio que agardar pacientemente para ser restaurada. Neste tempo – tres anos e pico– pouco mais que rascar o casco e encender o motor fixemos. E non por falta de gañas, senón de diñeiro. Xa que o estado no cal se atopaba (cunha avanzada putrefacción en case toda a obra morta) requería da man dun carpinteiro de ribeira profesional.
Aínda ben que de vez en cando recibimos alguna alegría. E nesta ocasión veu da man da Deputación de Pontevedra, que por segundo ano consecutivo concedeunos unha subvención a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico para a súa recuperación.
Mans á obra: ao día seguinte de recibir á notificación da subvención cargamos novamente a dorna nun remolque e iniciamos o traslado ata Astilleros Garrido, no Grove.
Unha vez alí, os mestres –especialmente Fran, que é probablemente o último carpinteiro de ribeira de Portonovo– comezaron cos traballos de saneamento. Primeiro retirando as táboas de cubrir e logo reevaluando a situación. De feito, aínda que de inicio tíñamos bastante claro o que había que facer, sempre hai sorpresas e esta non foi unha excepción. Os proxectos de restauración sonche así.
Houbo que sustituir –sen telo planificado– unhas cinco ou seis cadernas que estaban demasiado deterioradas, para así poder colocar as novas táboas de cubrir en ambos costados. E ao mesmo tempo foi renovado o espello de popa, aproveitando para recuperar a forma redondeada na parte superior –ainda en proceso–.
Outra das sorpresas desagradables foi atopar varios baos tocados, o que obrigou a levantar por completo a cuberta e instalar uns novos. E sobre eles realizouse a colocación dos trancanís e a cuberta de proa –tamén en proceso–.
E ata aquí a primeira entrega sobre os traballos de recuperación da Praia
da Panadeira. Dos avances do proxecto seguiremos dando conta nas vindeiras
semanas.
Despois de dous anos complicados dende a XI Regata do Sepelo, este pasado sábado 25 de setembro por fín celebramos, aínda que con retraso, a edición XII, que orixinalmente estaba prevista para o 28 de agosto pero que decidimos atrasar por causa do falecemento do noso querido Carlos Rodiño “O Ceboleiro”. Así que tanto a regata como esta crónica van adicadas á súa memoria.
A previsión do tempo nos días previos non era boa. Choiva e unha forte surada era o agardado. Pero por sorte a realidade foi ben diferente e amencemos cun día de sol, mar navegable e un vento sur duns 10-12 nós.
Grazas a iso foron chegando a Portonovo varias delegacións arousáns de heroicas dornas aparelladas a velas, dispostas a mollarse e achicar, se fose preciso.
En total conseguimos xuntar dez embarcacións. Todo un logro para os tempos que corren. E aos poucos, unhas e outras, foron enfilando o punto da saída.
Os ánimos parecían ser bos, pero ao mesmo tempo respirábase esa certa tensión que está sempre presente en calquera competición que se preste.
Así, transcurridos algúns minutos sobre a hora prevista de inicio, demos saída á regata e tódalas dornas enfilaron cabo udra, aínda que cada quen cunha estratexia diferente.
Cunha primeira baliza ubicada cara o sur, as dornas tiveron que arrancar facendo bordos para conseguir gañar barlovento. E foi aí onde comezaron a definirse as estratexias.
Xa dende o comezo se formaron varios grupos, que marcaron ata o fin o transcurso da regata, pero que non lle restaron nen un chisco de emoción porque tódalas posicións estiveron moi disputadas.
As condicións de mar e vento acabaron por ser moi boas. Con todo, a regata non estivo exenta de accidentes e ao pouco de iniciarse, unha das dornas, a “Oliña” (d@s compañeir@s da Torre, de Cambados), tivo que abandonar por un golpe a bordo. Afortunadamente non foi nada grave.
Alcanzada a primeira baliza, o grupo de cabeza estaba conformado pola “Nécora” (Dorna Illa), a “Xarandeira” (Fasquía) e a “Fuxe” (Dorna Meca).
E no grupo perseguidor, a “Lixeiriña” (Calmoseira) e “Abuelo Tucho” (A Torre), a uns dous minutos da cabeza e, por tanto, aínda con opcións de remontada.
E no terceiro grupo atopábanse a “Montañesa” (Dorna Illa) , “Rosalía” (Dorna Illa), “Caranzeira” (Amigos da Dorna de Portonovo) e “Nerea” (Calmoseira).
Ao paso pola segunda baliza, que se atopaba entre o porto de Sanxenxo e a praia de Areas, as posicións mantíñanse iguais, so que cuns tempos máis axustados e cunha “Fuxe” recortando distancia e metendo presión.
Tras unha bonita empopada entre a primeira e a segunda baliza, no terceiro tramo da regata tocaba unha navegación de través enfilando o punto de saída, no porto de Portonovo.
Cabe mencionar neste punto que a ría estaba chea de embarcacións navegando a vela e, de feito, existían tres campos de regata que se chegaban a cruzar nalgún punto, coa beleza e ao mesmo tempo perigo que iso supón. Pero por sorte todo transcurríu en incidencias.
A segunda volta ao triángulo do balizamento foi unha réplica da primeira pero cunha sorpresa, que foi o alcance da “Fuxe” á “Xarandeira”.
No fin o importante é que foi unha regata divertida e sen incidentes, así que a nosa satisfacción so pode ser plena.
Pero para ser xust@s coa verdade, temos que reflexar aquí o acontecido na parte competitiva e a clasificación resultante da mesma. E nese sentido o paso por meta foi da seguinte maneira: “Oliña” (10), “Nerea” (9), “Caranzeira” (8), “Rosalía” (7), “Montañesa” (6)…
En quinta posición a “Abuelo Tucho” En cuarta posición a “Lixeiriña” En terceira posición a “Xarandeira” En segunda posición a “Fuxe” E como campeóns absolutos das XII Regata do Sepelo, a “Nécora”
E antes de despedirnos, deixar dende estas liñas o noso máis sentido
agradecemento aos nosos patrocinadores, ás persoas que nos axudaron
dalgunha maneira coa organización, a tódolos participantes e de maneira
expecial a María Lores e Luis Chouza (de Ollares de Portonovo) polo seu bo facer coas cámaras.
Seis anos tiveron que pasar para que a nosa asociación conseguise rematar a recuperación da dorna nai “Surfeira”. Lonxe queda aquel mes de marzo do 2015 no que asinamos a compra da dorna e iniciamos o longo camiño da súa restauración.
Aquela primeira fase, na cal levamos a cabo as principais reparacións de carpintería, instalamos o motor intraborda e colocamos o quillote, tivo unha clara compoñente heroica, pois saíu adiante a base de fondos e traballo propios e a axuda desinteresada dalgunhas empresas (pero sen participación ningunha administración). Con todo, tivemos que renunciar a moitas cousas menores, algunhas delas aínda pendentes.
Pero agora, grazas a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, conseguimos avanzar coa fase final da restauración. E esta é xustamente a alegría que precisábamos para dar por finiquitada unha fase medio rara e iniciar un novo ciclo como asociación.
En concreto, este financiamento permitiunos mercar unha nova vela, fabricada polos mestres veleiros Ramón Albert e Julio Pousa; pegarlle unha boa posta a punto ao motor; instalar varios equipamentos tecnolóxicos e de seguridade; e realizar algunas reparacións e melloras de carpintería, feitas polo mestre Carlos Fernández Viñas.
En relación aos traballos de carpintería, consistiron no reforzo dalgunhas cadernas do casco, na substitución da tapa da regala e do bauprés, e na construción dun novo pau e botavara.
Non
podemos máis que agradecer á Deputación de Pontevedra a súa aposta polo conservación
do noso patrimonio marítimo. Aupa!
Mellor tarde que nunca. Iso foi o que pensamos hai un par de meses cando, tras ter que adiar a celebración da XI Regata do Sepelo, programada orixinalmente para o 8 de xuño, voltamos a ollar para o calendario de eventos de Culturmar e reparamos que a única data dispoñible era o 31 de agosto. Obviamente o cambio era radical. De pasar de inaugurar a tempada de regatas a case pechala. Con todo, a vontade de ter algo para celebrar era tal que ninguén dubidou. E non foi doado chegar cos traballos -autorizacións incluídas- a punto para a nova data, pero conseguímolo e este sábado puidemos disfrutar de resultado.
Dende a tarde do venres e durante toda a mañá do sábado foron ateigando Portonovo dornas chegadas dende a Arousa, Cambados, O Grove, Combarro ou Vigo -desculpade se esquecemos algunha procedencia- ata completar as 22 embarcacións que finalmente participaron na regata. Contra todo pronóstico, exitazo de participación!
A iso das 16:00 tódalas dornas estaban no mar listas -unhas máis e outras menos- para cazar escotas e partir a ría en dous. Así que, con sentiño, optamos por solicitar aos participantes coller un rizo obrigatorio. Unha cousa é competir e outra ben diferente ser imprudentes e propiciar situacións de risco.
Compre sinalar que na actualidade as regatas de dornas están a un nivel de competitividade deportiva que nada debe envexar a outras modalidades de vela. E nese sentido debemos sentirnos orgullosos por ter acadado un merecido status que é froito dun longo esforzo colectivo. Polo que, tanto organizadores como participantes, debemos corresponder a dita traxectoria.
Ás 16:30 o xuíz sinalaba o inicio da regata e a vintena de embarcacións a vela marcaban rumbo á punta do Seame, onde se atopaba a primeira das boias que delimitaba a triangulación establecida previamente en función das previsións duns 13-14 nós de vento do noroeste.
Dende o inicio se destacou un grupo de 6-7 dornas que ata o fin se mantiveron na loita por acadar as cinco primeiras posicións, que son aquelas que tradicionalmente son recoñecidas cun trofeo, e algo máis.
Durante as dúas voltas ao percorrido establecido pudéronse ver interesantes rivalidades e moitos momentos de tensión, dende o primeiro ata o último clasificado, sen excepción.
Iniciada a segunda volta a clasificación temporal se foi clarificando e 5 dornas comezaron a destacarse sobre o resto. A medida que o vento foi en aumento, a experiencia fíxose notar.
No xeral a regata nos deixou unhas estampas espectaculares. E así o rexistraron as cámaras fotográficas dos compañeiros Luis Chouza e María Lores, da asociación Ollares de Portonovo, que tan amablemente se prestaron a acompañarnos e de paso levar a outro nivel de visibilidade á labor cultural e deportiva que desenrolamos. Mil grazas!
Así, a base de ventiño fresco, en algo menos de 90 minutos a primera das embarcacións enfilaba a liña de meta, non sen antes ter que facer varios bordos, que mantiveron a emoción viva ata o final.
No porto agardaban polos vencedores, ademáis de petiscos varios, os trofeos que os acreditarían como Señores do Sepelo. Ademáis dunha fermosa botella de albariño Peón&Rei, cortesía dos nosos amigos da Adega Buezas. De feito, queremos aproveitar a ocasión para agradecer a tódolos patricinadores que nos teñen axudado a facer posible esta regata e tódalas outras actividades que levamos a cabo.
Na pugna por conseguir estes trofeos loitaron 22 dornas, pero so 5 conseguiron saír coroadas. No intento quedáronse a Noelia (non clasifica), a Coninha (19), a Javiota (18), a Cunquinha (17), a Bicoca (16), a Sikamontes (15), a Fungona (14), a Rosalia (13), a Madordiña (12), a Cormorán de Ons (11), a Pancha (10), a Montañesa (9), a Julicheira (8), a Pelexa (7), a Marijuana (6), a Habana (fora de regata) e a Lercha (fora de regata).
Na quinta posición entrou a Nova Froíña
Na cuarta posición clasificou a Fuxe
Na terceira posición tivemos á Forza R
Na segunda posición entrou a Xarandeira
E na primeira posición, como gañadores absolutos da XI Regata do Sepelo, a Jalerna
Despois de ter que adiar a celebración da XI Regata do Sepelo no me xuño, finalmente vamos conseguir desputala este vindeiro sábado 31 de agosto, a partir das 16:00 horas.
Aos interesados en competir, rogámoslle ter contratado o seguro de navegante e ás embarcacións estar aseguradas, ademais de ter tódolos elementos de seguridade (chalecos, remos, risón, flotacións, etc.) para facilitar a celebración sen incedentes.
Como de costume haberá unha papatoria posterior á regata e os participantes serán agasallados cunha fermosa camisola conmemorativa, ademais dos trofeos para os vencedores.
Aquí os Amigos da Dorna de Portonovo para trasladar novas en relación á XI Regata do Sepelo, programada para este sábado 8 de xuño. Levamos agardando uns días sen enviar o convite xeral porque nos atopamos ante dous condicionantes de importancia. Por un lado a cuestión climática, que non vaticina un tempo especialmente bo (pouco vento e probabilidade de choiva) para o que se pretende, que é pasalo ben veleando. E polo outro unha nova dificultade para conseguir a autorización por parte da Capitanía Marítima de Vigo que solicitamos tódolos anos e que nesta ocasión nos remiten a xestionar a través da Sede Electrónica do Ministerio de Fomento, sendo preciso dispor da sinatura electrónica, que non conseguimos ter a tempo (en fin, todo facilidades).
É por isto que a catro días da regata consideramos preferible adiar a celebración, como xa se fixo noutras ocasións, co compromiso de buscar unha nova data nos próximos días, analizando o calendario, e comunicalo coa mesma brevidade.
Pedimos desculpas ás persoas e colectivos que se vexan afectados e prometemos volver á carga cunha regata á altura do que merecedes.