DE FESTA EN FESTA

Despois doutro ano de duro -pero agradable- traballo, chegou a festa. E desta vez recibímola por partida dobre. Así, na semana pasada asistimos como convidados aos Premios da Cultura Galega 2015 en calidade de membros da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que foi galardoada na categoría de Patrimonio Cultural.

Premio

Ata alí nos desprazamos representantes de moitos dos colectivos que conformamos a Federación, para arroupar ao noso presidente, Manolo Cendón, quen recolleu o premio e nos ofreceu un magnífico discurso no que, ademáis de agradecer este recoñecemento ao traballo feito por tantas e tantos voluntarios durante máis de 22 anos a prol da recuperación, conservación e posta en valor do patrimonio marítimo e fluvial, manifestou o noso desexo -o de todas as asociacións da Federación- de contar cun marco legal para as embarcacións tradicionais -a través da súa declaración como bens patrimoniais- e uns espazos reservados nos portos, a modo de mariñas tradicionais, onde os nosos barcos -que o son de todas e todos- poidan ser coñecidos, apreciados e desfrutados por toda a sociedade.

E aínda co gusto no corpo polo premio recibido, tocounos celebrar en Portonovo a nosa tradicional cea de nadal. Este ano, grazas a que Chus nos cedeu a Batea para a ocasión, decidimos organizala de maneira máis familiar. Isto é, cociñar e servir -e ata actuar- nós mesmos. Así, de paso que nos reunimos en confraternidade, aproveitamos para sacar algo de diñeiro para continuar coa restauración da Surfeira.

IMG-20151229-WA0005

A tenor da festa -antes, durante e despois- podemos asegurar que foi todo un éxito. E a pesar de caer en luns (lembremos que o día oficial da cea é sempre o 28 de decembro) á convocatoria asistiron máis de 40 socios, mulleres e homes, vellos e novos, pero todos coas mesmas gañas de pasalo ben.

IMG-20151229-WA0006

E como entre o persoal tíñamos artistas ilustres, a música tampouco faltou. Por un lado da man de Iago Carreño (Sugar Mountain) e polo outro de Chavo e Álex (Chavalex), sempre acompañados polo Coro Asambleario dos Amigos da Dorna.

IMG-20151229-WA0016

Agardemos que o 2016 sexa, polo menos, igual de bo que o 2015. Que rematemos a restauración da Surfeira, que academos a mariña tradicional para os nosos barcos e que disfrutemos da vosa compañía en cada momento. Bo 2016!

REMATANDO COA CUBERTA

O traballo fino require tempo, por iso levamos uns días tomándoo con calma. Con todo, pouco a pouco vamos avanzando. Tanto é así que case rematamos cos acabamentos da madeira. O interior xa quedara ben tratado coa mistura de Xylazel Total IF-T con alquitrán que lle aplicamos hai unhas semanas, e entre o martes e hoxe fixemos o propio coa cuberta.

Primeiro aplicamos dúas mans do Xylazel Total IF-T, un producto incoloro e con base de disolvente moi apropiado no caso de madeira de embarcacións para previr a aparición de fungos de pudrición ou evitar o mesmo efecto que nela provoca a auga doce.

CIMG9464

Este foi o resultado despois de aplicar a segunda man, que ao estar a madeira ben seca foi de rápida absorción. Como vedes é un producto incoloro -e moi sinxelo de utilizar-, polo que resulta apropiado ben sexa como base ou como acabamento para calquera tipo de madeira.

CIMG9488

Pero como a cuberta é unha zona moi exposta ao sol e a madeira sufre moito, decidimos aplicar como acabamento un lasur, o Xylazel Plus Mate, en cor teca, a opción máis aproximada ao ton orixinal da madeira. O mellor deste producto é que non crea unha película sobre o poro, senón que penetra como un tinte, resaltando o veteado das táboas e deixando respirar á madeira, ao tempo que a protexe de igual modo contra a humidade e contra a acción do sol. E aínda por riba non precisa ser lixado nin decapado para aplicar novas capas. Un gran descubrimento!

CIMG9503

CIMG9507

PENSANDO NA PRÓXIMA TEMPADA

Aínda que levemos uns días sen actualizar a web iso non significa que estivésemos parados. Polo contrario, na última semana andivemos bastante atarefados cun par de asuntos importantes. Por un lado continuamos traballando na Surfeira. Á espera de recibir as pezas para instalar o motor intraborda e de confirmar que vamos poder instalar o quillote lastrado, aproveitamos para darlle un avance á cuberta, que xa quedou practicamente lixada.

20151013_140509

20151013_140558

E polo outro lado, estivemos preparando unha nova solicitude que onte fomos entregar á oficina de Portos de Galicia en Santiago, xa que segundo parece non teñen constancia das nosas anteriores peticións -e iso a pesar das insistentes visitas que fixemos nos últimos dous anos-. Agardemos que desta vez sirva para algo.

20151016_223452

Solicitude de cesión presentada a Portos de Galicia (16-10-2015)

CARIÑO E ILUSIÓN

Despois do traballo duro da semana pasada, estos dous últimos días á Surfeira tocoulle un tratamento a base de cariño e ilusión, misturado a partes iguais con Xylazel Total IF-T. Trátase dun tratamento incoloro curativo da madeira e preventivo contra termitas, carcomas e fungos de pudrición. Escollemos este producto porque ademáis dunha rápida absorción (ten base de disolvente) mellora a adherencia e a duración das capas posteriores de produtos de acabado, que no noso caso será unha imprimación e patente na obra viva e probablemente pintura na morta.

20150921_180338

O luns aplicamos unha primeira man bastante xenerosa por ambos costados. A madeira estaba tan seca que nesta primeira aplicación utilizamos uns 4 litros de producto. Agardamos 24 horas para que os poros da madeira absorbesen ben o tratamento e o martes procedemos a dar unha segunda man, desta vez un pouco máis lixeira, pero que en cuestión de minutos xa estaba novamente case seca.

20150921_175236

20150921_175424

Mañá repasaremos o casco na busca das últimas imperfeccións que deban ser enmasilladas e lixadas e deixaremos a obra viva lista para recibir a imprimación.

RUMBO AO PANTALÁN!

Un dos grandes obxetivos da nosa asociación para os próximos meses é conseguir habilitar no porto de Portonovo unha zona de amarre reservada para embarcacións tradicionais. A pretensión é converter o espazo nun museo vivo flotante (con embarcacións de interese patrimonial aínda en pleno uso), un recurso cultural e turístico de calidade, cunha rentabilidade social e económica xa demostrada noutros portos de Galicia, e por tanto un valor engadido para a nosa vila.

20150819_210400

O único que precisamos é que Portos de Galicia nos outorgue unha cesión para ocupar os 10 primeiros metros do pantalán para embarcacións de recreo que hai no peirao do Chasco, coa idea de habilitar unha zona diferenciada ao inicio do mesmo reservada para embarcacións tradicionais.

Plano

Pero queremos que este proxecto naza do consenso coas demáis entidades implicados, e concretamente o Concello de Sanxenxo e a Confraría de Portonovo. Por iso a comezos de semana mantivemos unha reunión con Gonzalo Pita e David Otero para exporlles os nosos plans e solicitar a súa colaboración. Tal é a súa disposición que un par de días despois o alcalde se achegaba al pantalán para coñocer a instalación in situ.

IMG-20150917-WA0004

Agardamos nos próximos días poder manter outra reunión co Patrón Maior da Confraría para pedirlle o seu respaldo e con el as tres entidades xuntas solicitar a Portos de Galicia a autorización que nos permita crear un museo flotante de embarcacións tradicionais, visible e visitable.

TRABALLO EN EQUIPO

Esta semana tocou traballar en serio, pero foi un traballo en equipo, que é como se disfrutan estas cousas. Así, durante un par de días varios membros da directiva deixamos de lado os papeis para por a roupa de faena e darlle un bo avance á dorna.

20150916_122729

Para comezar o día nada mellor que empastar as imperfeccións do casco e lixar ben para a semana que ven dar imprimación e pintar. E mentras tanto, a outra metade do equipo rascaba a cuberta para retirar os restos de alquitrán e poder lixar despois.

20150916_131536

E como non hai bos resultados sen planificación, a media mañá tocaba reunión de directiva para decidir as seguintes tarefas e, xa de paso, fumar, escoitar música ou simplemente posar para a foto.

20150916_174746

Unha vez que as táboas do casco quedaron listas pasamos a lixar a regala. Nalgunhas zonas da mesma tivemos que facer pequenas reparacións e recravar.

20150918_132850

20150918_160444

Nótase que un traballo en equipo ben planficado rende máis. Ademáis de deixar listo o forro para darlle imprimación, retirado todas as herraxes para limpalas, rascado a cuberta e lixado a regala, aínda tivemos tempo de aplicar unha última mas de Xylazel Total con alquitrán a todo o interior. O seguinte paso xa será instalar o motor Solé Diesel Mini-34 que temos recén pintado.

20150917_171658

PROXECTO NOVA BOCA JUNIORS

Boca

Construída probablemente por Manuel Garrido Álvarez en Ogrobe no ano 1950 para Manuel Piñeiro García “O Teque”, un emigrante meco retornado da Arxentina, de aí o nome de Boca Juniors, como o equipo de fútbol bonaerense.

Rexistro

Estamos a falar dunha embarcación histórica (orixinal) e cunhas características bastante particulares. Trátase dunha das primeiras dornas de tope construídas en Ogrobe, unha adaptación moderna das primitivas dornas construídas coa técnica de calime que deu como resultado unha tipoloxía máis parecida á lancha de relinga que á propia dorna. Esta nova variante construtiva supuxo o nacemento dunha embarcación característica, que mantén a fasquía tradicional da dorna, pero coa notable diferenza do forro liso dos seus costados, no que as táboas dos bordos van xuntas, enrasadas e facendo tope, de aí a súa denominación.

Esta sinxela diferenza provocaba que a súa adaptación á instalación de motor fose máis complicada, o que sumado ao relativo pouco arraigo que segundo parece tivo este tipo de dorna entre os mariñeiros da época (considerábana inferior), foron razóns suficientes para condenala á súa case total desaparición e esquecemento, ignorando o seu propio valor histórico e patrimonial. Afortunadamente, pouco a pouco vanse dando pasos para devolverlle a dignidade negada durante décadas.

A nosa asociación quixo aportar o seu grao de area aproveitando a oportunidade que nos brindou unha das netas de Manolo “O Teque” coa doazón do que quedaba (cuadernas e forro) da dorna do seu avó, para que intentásemos restaurala. Pero despois de varios anos nos que non puidemos iniciar os traballos e dun intento de reconstrución fracasado, hai uns meses decidimos cederlle a dorna a dous socios e membros da directiva, David e Macarena, que están entusiasmados co proxecto.

De modo que damos por inaugurada esta sección na páxina web para recoller paso a paso a reconstrución, 65 anos despois de seu nacemento, da Boca Juniors.

TRATAMENTO DA MADEIRA

A semana pasada estivemos traballando duro para rascar e limpar todo o interior da dorna, con especial atención ás xuntas das táboas, que rascamos e aspiramos unha por unha. Tal esforzo tiña a intención de deixar a madeira o máis limpa posible para esta semana comezar a tratala cos productos que Xylazel nos regalou. E así foi. Hoxe comezamos a aplicar o Xylazel Total IF-T, un protector para a madeira que ademáis actúa como insecticida e funxicida, pero que permite respirar á madeira e non ten cor, aínda que nós decidimos aplicalo misturado cun pouco alquitrán (moi diluído) para conservar ese tono tan característico das embarcacións tradicionais, que históricamente se trataban con derivados do petróleo.

20150910_153917

Para probar o tono da mistura decidimos comezar polo tambucho de proa. E a verdade é que incluíndo unha pequena cantidade de alquitrán conservamos esa cor tan característica e ao mesmo tempo a mistura resulta igualmente lixeira como para ser absorbida pola madeira. De feito, estaba tan seca que so no tambucho aplicamos uns 3 litros.

20150910_161449

Coa mistura xa testada decidimos continuar pola bañeira e máis concretamente polo espazo no que vamos instalar o motor intraborda, xa que por comodidade conviña deixar a madeira tratada antes de montalo.

20150910_153549

Para que vos fagades unha idea do antes e o despois da aplicación da primera man adxunto a seguinte foto. De todos xeitos, mañá darémoslle unha segunda man, que boa falta lle fai, despois de case tres anos en terra.

20150910_165057