Seis anos tiveron que pasar para que a nosa asociación conseguise rematar a recuperación da dorna nai “Surfeira”. Lonxe queda aquel mes de marzo do 2015 no que asinamos a compra da dorna e iniciamos o longo camiño da súa restauración.

Aquela primeira fase, na cal levamos a cabo as principais reparacións de carpintería, instalamos o motor intraborda e colocamos o quillote, tivo unha clara compoñente heroica, pois saíu adiante a base de fondos e traballo propios e a axuda desinteresada dalgunhas empresas (pero sen participación ningunha administración). Con todo, tivemos que renunciar a moitas cousas menores, algunhas delas aínda pendentes.

Pero agora, grazas a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, conseguimos avanzar coa fase final da restauración. E esta é xustamente a alegría que precisábamos para dar por finiquitada unha fase medio rara e iniciar un novo ciclo como asociación.

En concreto, este financiamento permitiunos mercar unha nova vela, fabricada polos mestres veleiros Ramón Albert e Julio Pousa; pegarlle unha boa posta a punto ao motor; instalar varios equipamentos tecnolóxicos e de seguridade; e realizar algunas reparacións e melloras de carpintería, feitas polo mestre Carlos Fernández Viñas.


En relación aos traballos de carpintería, consistiron no reforzo dalgunhas cadernas do casco, na substitución da tapa da regala e do bauprés, e na construción dun novo pau e botavara.




Non podemos máis que agradecer á Deputación de Pontevedra a súa aposta polo conservación do noso patrimonio marítimo. Aupa!