PRAIA DA PANADEIRA

Ilustración da Praia da Panadeira co seu aspecto actual

A Praia da Panadeira é unha embarcación moi singular. Trátase dunha dorna de media construción (tamén chamada “de construción mixta” ou “macho-femia”), que se caracteriza por mesturar os dous tipos de construción tradicional do casco: “de tope” e “de calime” (ou escarva). Así, na obra viva presenta o modelo de construción a tope (coas táboas unidas precisamente facendo tope unhas contra as outras), mentres que na obra morta mostra unha única táboa (a chamada “táboa de cubrir”) con escarva.

E o certo é que se xa as dornas construídas a tope tiveron unha presenza minoritaria, as de media construción moito menor aínda. E é por iso que apenas se teñen conservado uns poucos exemplares ata os nosos días.

Sabemos a través do seu anterior propietario que foi construída en Aguiño, probablemente a comezos dos 70, polo xa falecido mestre carpinteiro de ribeira Pepe González “O Primero”, o último dunha longa estirpe familiar. E chegou á nosa asociación no ano 2018, en forma de doazón dun particular, Ricardo Montañés, quen xa non conseguía facerse cargo dela e, de feito, tíñaa gardada en Ramirás (Ourense).

Pero o seu estado de conservación era moi malo, así que tivo que agardar tres anos ata que no 2021 xurdiu unha oportunidade para a súa restauración a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra. Os traballos foron levados a cabo nos Astilleros Garrido, no Grove, e consistiron na reconstrución completa da obra morta.

Parte do equipo que xestionou a recuperación da Praia da Panadeira