PROXECTO NOVA BOCA JUNIORS

Boca

Construída probablemente por Manuel Garrido Álvarez en Ogrobe no ano 1950 para Manuel Piñeiro García “O Teque”, un emigrante meco retornado da Arxentina, de aí o nome de Boca Juniors, como o equipo de fútbol bonaerense.

Rexistro

Estamos a falar dunha embarcación histórica (orixinal) e cunhas características bastante particulares. Trátase dunha das primeiras dornas de tope construídas en Ogrobe, unha adaptación moderna das primitivas dornas construídas coa técnica de calime que deu como resultado unha tipoloxía máis parecida á lancha de relinga que á propia dorna. Esta nova variante construtiva supuxo o nacemento dunha embarcación característica, que mantén a fasquía tradicional da dorna, pero coa notable diferenza do forro liso dos seus costados, no que as táboas dos bordos van xuntas, enrasadas e facendo tope, de aí a súa denominación.

Esta sinxela diferenza provocaba que a súa adaptación á instalación de motor fose máis complicada, o que sumado ao relativo pouco arraigo que segundo parece tivo este tipo de dorna entre os mariñeiros da época (considerábana inferior), foron razóns suficientes para condenala á súa case total desaparición e esquecemento, ignorando o seu propio valor histórico e patrimonial. Afortunadamente, pouco a pouco vanse dando pasos para devolverlle a dignidade negada durante décadas.

A nosa asociación quixo aportar o seu grao de area aproveitando a oportunidade que nos brindou unha das netas de Manolo “O Teque” coa doazón do que quedaba (cuadernas e forro) da dorna do seu avó, para que intentásemos restaurala. Pero despois de varios anos nos que non puidemos iniciar os traballos e dun intento de reconstrución fracasado, hai uns meses decidimos cederlle a dorna a dous socios e membros da directiva, David e Macarena, que están entusiasmados co proxecto.

De modo que damos por inaugurada esta sección na páxina web para recoller paso a paso a reconstrución, 65 anos despois de seu nacemento, da Boca Juniors.