REMATANDO COA CUBERTA

O traballo fino require tempo, por iso levamos uns días tomándoo con calma. Con todo, pouco a pouco vamos avanzando. Tanto é así que case rematamos cos acabamentos da madeira. O interior xa quedara ben tratado coa mistura de Xylazel Total IF-T con alquitrán que lle aplicamos hai unhas semanas, e entre o martes e hoxe fixemos o propio coa cuberta.

Primeiro aplicamos dúas mans do Xylazel Total IF-T, un producto incoloro e con base de disolvente moi apropiado no caso de madeira de embarcacións para previr a aparición de fungos de pudrición ou evitar o mesmo efecto que nela provoca a auga doce.

CIMG9464

Este foi o resultado despois de aplicar a segunda man, que ao estar a madeira ben seca foi de rápida absorción. Como vedes é un producto incoloro -e moi sinxelo de utilizar-, polo que resulta apropiado ben sexa como base ou como acabamento para calquera tipo de madeira.

CIMG9488

Pero como a cuberta é unha zona moi exposta ao sol e a madeira sufre moito, decidimos aplicar como acabamento un lasur, o Xylazel Plus Mate, en cor teca, a opción máis aproximada ao ton orixinal da madeira. O mellor deste producto é que non crea unha película sobre o poro, senón que penetra como un tinte, resaltando o veteado das táboas e deixando respirar á madeira, ao tempo que a protexe de igual modo contra a humidade e contra a acción do sol. E aínda por riba non precisa ser lixado nin decapado para aplicar novas capas. Un gran descubrimento!

CIMG9503

CIMG9507