RETORNOU A BICOCA!

Ter as dornas impecables é sempre un dos propósitos ao inicio de cada ano. Planificar os traballos con tempo, organizar os equipos de voluntarios e encargarse de ter os materiais preparados acostuman ser as primeiras anotacións da axenda. Pero case sempre a realidade marca un ritmo diferente e resulta difícil levarlle a contraria. Con todo, este ano decidimos darlle un repaso profundo á Bicoca, a dorna polbeira que gañamos por sorteo no VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, en Cambados, no 2005. Que boa falta lle facía!

1

Con idea de revisar a encravado decidimos rascar e lixar todo o casco, e de paso limpar as escarbas (xuntas das táboas) para calafatear de novo, xa que o verán pasado a dorna comezou a meter un pouco de auga.

2

3

Unha vez listo o casco e revisados os cravos, tocou enmasillar as cabezas e lixar, e unha vez listo iso, calafatear as xuntas con estopa e sika.

4

O paso seguinte foi virar a dorna e meterlle man á cubierta. A verdade é que daba peniña ver tantas mans de aceite de liñaza queimado, así que con paciencia fomos rascando ata o último recuncho, e centímetro a centímetro foi recuperando a cor orixinal.

5

6

Unha vez que tivemos a cubierta lista decidimos pintar e dar patente, mantendo as cores características da Bicoca: azul eléctrico na obra morta e branco na obra viva.

7

8

Antes de rematar aínda tivemos tempo de facer uns pequenos arranxos con resina de epoxy no espello de popa, para reconstruír algúns danos antigos. E finalmente varias mans de aceite de liñaza misturado con Xylazel Total IF-T na cubierta e alquitrán no interior.

9

Entrou no local de traballo dando pena vela e saíu como nova. E por fin podemos volver a dicir que temos a dorna polbeira máis bonita da ría de Pontevedra.

10

11

12