O Centro de Formación A Aixola, en Marín, ven traballando dende 1997 na mellora da cualificación profesional dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro. Nese sentido, a labor que desenrola resulta dun valor formativo incuestionable, gañado a base de anos de esforzo e bo facer. Pero máis alá dos importantes beneficios laborais, para nós a Aixola tamén é un referente no aspecto cultural pola súa aposta decidida a favor dos oficios tradicionais vinculados ao mar (carpinteiros de ribeira, redeiras ou mestres veleiros, entre outros).
Con todo, recoñecer o valor social e cultural da Aixola polos méritos xa comentados sería quedarse escaso. Non é menos admirable a relación de colaboración que dende hai anos manteñen con tantos e tantos colectivos sociais, clubes deportivos ou asociacións culturais que recurren -recurrimos- a eles para pedir axuda.
Un bo exemplo de dito ata agora sucedeu hoxe, cando nos achegamos ata Marín a recoller unha vela, a trinqueta, que os alumnos do curso de velería e acastillaxe, dirixidos polo mestre Víctor, nos fixeron hai unhas semanas para a Surfeira. O resultado é sobresaínte!
Con esta nova colaboración damos un pasiño máis no proceso de recuperación da Surfeira. Á auga do mar está cada día máis perto e dende hoxe temos trinqueta para surcala!
Longa vida á Aixola!