COMEZA O VIXÉSIMO ANIVERSARIO

Logo 20

O 2017 vai ser un ano moi especial para a nosa asociación, xa que celebramos o vixésimo aniversario (1997-2017) e para conmemoralo estamos preparando un amplo calendario de actividades a desenrolar ao longo de todo o ano.

Pero antes diso lembremos un pouco da nosa historia. Todo comezou probablemente entre 1995 e 1996, cando un grupo de amigos -encabezado por Telmo e Trepa-, quenes sentían interese por coñecer e preservar a identidade mariñeira do seu pobo e recuperar a cultura e o patrimonio vinculado ao mar, se iniciaron no mundo da navegación a vela cunha vella dorna, a Serviola, das poucas -por non dicir practicamente a última- que por aquel entón quedaban en Portonovo.

Con todo, podemos sinalar como o punto de inflexión que motivou a fundación da Asociación para a Conservación da Cultura Mariñeira da Ría de Pontevedra “Amigos da Dorna de Portonovo”, unha visita dunha comitiva oficial da Real e Ilustre Cofradía de Dorna de Ribeira durante a Semana Santa de 1997, que foi gratamente recibida por Trepa. A cambio eles deixaron en Portonovo a semente que meses máis tarde xerminaría coa fundación da nosa asociación.

Trepa fai de anfitrión e anímase a fundar unha asociación (Semana Santa de 1997)

Máis alá de nostalxias, queremos que este ano sexa especial, non so como conmemoración destes vinte anos, senón para consolidar outros vinte. E nada mellor para iso que comezar o aniversario celebrando a Asemblea Xeral de socios, na que entre outras decisións se renovou a Xunta Directiva, que a partir de agora estará formada por Alejandro Piñeiro, David Pérez, Macarena Sánchez, Ignacio Velón e Xoel Otero.

Directiva (2017)

Unha das prioridades deste ano será facer realidade a mariña tradicional no peirao do Chasco. Lonxe de desanimarnos ante o desprezo por parte de Portos de Galicia, vamos reforzar a nosa aposta por este proxecto e agardamos conseguilo antes do verán.

Planos Pantalán

Durante a primavera pensamos facer a botadura da Surfeira, a dorna nai que levamos dous anos restaurando e que pretendemos converter no barco escola da asociación. De feito, agardamos tela navegando antes de finais de abril, para poder realizar as primeiras navegacións abertas ao público coincidindo coa XXII Festa da Raia, na que ademais colaboraremos con outras actividades.

Surfeira

A comezos do verán e para inaugurar a tempada vamos organizar a IX Regata do Sepelo. Pouco despois chega a gran festa, o XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, en Combarro, e alí estaremos botando unha man no que sexa preciso. E para os meses de xullo e agosto queremos repetir con “Mar de Tradicións”, o curso de iniciación co que dende hai uns anos ofrecemos a posibilidade de aprender a navegar en embarcacións tradicionais a veciños e visitantes.

Tamén queremos retomar a  publicación do Cabeso, so que agora convertido en revista sobre cultura do mar e historia local, para o cal agardamos contar coa colaboración da Deputación de Pontevedra para a súa impresión. E hai algunhas sorpresas máis nas que estamos traballando pero que por diversos motivos non podemos desvelar polo de agora. Así que xa sabedes, estade atentos!