AS DORNAS POLBEIRAS NA RÍA DE PONTEVEDRA. DO TRABALLO NO MAR ÁS REGATAS A VELA.

Baixo este suxerente título presentamos a comezos de ano unha solicitude de subvención a través dos fondos do F.E.M.P. (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), xestionados na nosa zona o pola Consellería do Mar e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra.

O proxecto tiña como obxectivo a recuperación dunha embarcación tradicional dunha tipoloxía que representa como ninguna outra a historia mariñeira da ría de Pontevedra, evitando a súa perda, tanto material como de memoria, e permitindo o seu uso social para a navegación recreativa e competitiva (a través das regatas a vela).

Foi así como nos foi concedida unha axuda de 2.170,26 € destinada a levar a cabo unha serie de traballos de carpintaría nos Astilleros Garrido (O Grove), tales como o recravado e calafateado do casco, para garantir a estanqueidade da embarcación no mar.

Tamén foi preciso retirar o vello banco do pau (que é a peza que sustenta o mastro durante a navegación a vela), que estaba partido, e substituílo por un novo. E reconstruir a parte superior do espello de popa, para devolvela ao deseño tradicional (redondeada).

E para rematar tocou facer un pau (xa que o antigo partira durante unha regata), un temón e unhas caña novos.

Vendo o resultado, non podemos estar máis que agradecidos á Consellería do Mar e ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra polo seu apoio neste proxecto.

En nada volveremos ver a “Bicoca” percorrendo a vela toda a ría!

Recuperando imaxes… Regata da Pamplina a Remos – Combarro 2011

Pois como parece que os vídeos e mailo “yutú” vanlle pasando por riba ás fotos, aí vai unha grabación da Regata da Pamplina de Remos do ano 2011. Por suposto, gañou unha dorna de Portonovo, por terceiro ano consecutivo. Desta volta foi a Habana, con Anxo e Milú de tripulantes. A Bicoca, primeira os dous anos anteriores, so puido chegar ao terceiro posto, con Turtle e Chapela a bojar.
Queda pendente de publicar o vídeo da regata deste ano 2014 e o histórico de clasificacións.

Imaxe: pontevedraparalemundo.com