AS DORNAS POLBEIRAS NA RÍA DE PONTEVEDRA. DO TRABALLO NO MAR ÁS REGATAS A VELA.

Baixo este suxerente título presentamos a comezos de ano unha solicitude de subvención a través dos fondos do F.E.M.P. (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca), xestionados na nosa zona o pola Consellería do Mar e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra.

O proxecto tiña como obxectivo a recuperación dunha embarcación tradicional dunha tipoloxía que representa como ninguna outra a historia mariñeira da ría de Pontevedra, evitando a súa perda, tanto material como de memoria, e permitindo o seu uso social para a navegación recreativa e competitiva (a través das regatas a vela).

Foi así como nos foi concedida unha axuda de 2.170,26 € destinada a levar a cabo unha serie de traballos de carpintaría nos Astilleros Garrido (O Grove), tales como o recravado e calafateado do casco, para garantir a estanqueidade da embarcación no mar.

Tamén foi preciso retirar o vello banco do pau (que é a peza que sustenta o mastro durante a navegación a vela), que estaba partido, e substituílo por un novo. E reconstruir a parte superior do espello de popa, para devolvela ao deseño tradicional (redondeada).

E para rematar tocou facer un pau (xa que o antigo partira durante unha regata), un temón e unhas caña novos.

Vendo o resultado, non podemos estar máis que agradecidos á Consellería do Mar e ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra polo seu apoio neste proxecto.

En nada volveremos ver a “Bicoca” percorrendo a vela toda a ría!