O 25º ANIVERSARIO DA JATIÑA

Por se non o sabíades, usando a sempre feliz desculpa do 25º aniversario da Jatiña (que se cumpren nalgún momento indeterminado deste 2023), hai xa algúns meses (a medidos do 2022) decidimos solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra para a súa necesaria posta a punto.

Foi así como conseguimos o financiamento do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación para levar avante a restauración da dorna, cuxa construción supuxo no seu día a fundación da propia asociación -de aí ser a nosa embarcación insignia-.

A aportación do ente provincial acadou os 11.594,91 € (o 80% da inversión) e serviu para sufragar os traballos realizados no Estaleiro Garrido, no Grove, que consistiron na reparación de varias partes do casco, a sustitución da cuberta, a fabricación dunha caña, un temón e unha vara, e o tratamento da madeira e pintado final.

Sustitución da protección en INOX instalada na quilla e na roda
Limpeza do casco, calafateado e selado das fendas existentes
Sustitución da cuberta de proa
Fabricación dunha caña, un temón e unha vara

Pero ademais diso, a axuda da Deputación tamén serviu para sufragar a adquisición de varios elementos de seguridade na navegación, como un pequeno motor foraborda, un GPS/Plotter, unha radio VHF e un compás

Deste xeito, agardamos garantir o futuro da Jatiña durante outros 25 anos e potenciar o seu uso e desfrute por parte da sociedade, á cal animamos a achegarse a nós para poder ter a oportunidade.