A NOSA MARIÑA É TRADICIONAL

Este 2017 está sendo un ano intenso de traballo. Non so polas tarefas habituais, senón por novos proxectos nos que estamos inmersos, tratando de conmemorar da maneira máis produtiva posible o noso vixésimo aniversario. Así somos! E entre unhas labores e outras van pasando os meses e chegado o verán comezan os numerosos eventos organizados no eido da gran familia de Culturmar. Boa conta deles -dos xa celebrados e dos que están por vir- daremos en vindeiras publicacións. A realidade acontece máis rápido do que ás veces podemos deixar constancia  na web pero porémonos ao día. Prometido!

De feito, un dos asuntos que leva tempo ausente na web é o da mariña tradicional. Iso non significa que estea parado. Nós seguimos defendendo o proxecto e por fin dende Portos de Galicia comezan a recoñecer a viabilidade legal do mesmo. Así, hai unhas semanas recibimos unha proposta de autorización, so que as condicións económicas que se non ofrecen non se corresponden coa importancia cultural e patrimonial da iniciativa, polo que acabamos de presentar as alegacións oportunas e agardamos que sexan tidas en conta.

Planos Pantalán

O caso é que como xa temos por costume ir por diante das administracións, este ano volvemos darlle un lavado de cara ao pantalán. Porque a nosa mariña tradicional, sexa co recoñecemento de Portos de Galicia ou sen el, debe ser o reflexo do traballo de recuperación e conservación que facemos durante todo o ano, tanto nós como os demais colectivos que conforman Culturmar.

1

En canto tivemos unha mañá soleada puxémonos mans á obra. Este ano optamos por non chorrear a madeira, senón que a limpamos a cepillo, para eliminar a sucidade superficial. Tamén optamos por outra técnica de aplicación -a rodillo- para obter un acabado máis uniforme. E incluso escollemos un produto diferente ao do ano pasado: o Xylazel Profesional Lasur Intemperie Satinado en color teca, que resultou ser ideal para este traballo.

2

Un vez rematado o resultado foi realmente satisfactorio. Obviamente as nosas embarcacións -que o son de todos- locen moito mellor nunhas instalacións apropiadas e ben coidadas. Xa so falta que Portos de Galicia se comprometa coa instalación dos brazos de amarre solicitados, para habilitar dez prazas ben equipadas a nivel de seguridade e accesibilidade. E finalmente pola nosa parte completar a exposición con suficientes paneis informativos para explicar as características e usos das embarcacións e o seu valor patrimonial.

3

En definitiva, seguimos dando pasos firmes para que se nos recoñeza a dereito a xestionar a nosa propia mariña tradicional e con elo axudar a normalizar unha riqueza cultural e patrimonial que de por si mesmas deberían promover as administracións públicas, ou cando menos non dificultar a súa conservación.

MARIÑA TRADICIONAL XA!

Dende hai algúns meses temos avanzadas as xestións para crear unha mariña tradicional no peirao do Chasco. Nun dos pantaláns xa existentes queremos reunir dez diferentes embarcacións tradicionais para que veciños e visitantes poidan coñecer de primeira man as súas características, e incluso navegar nelas.

Para chegar a este punto tivemos que conseguir o apoio do goberno municipal, da confraría de pescadores e ata do club náutico, pero agora atopámonos agardando que Portos de Galicia realice unhas pequenas melloras na instalación, consistente na instalación de cinco fingers, para asinar a autorización.

Coa intención de ir avanzando (aínda que sexa por diante das administracións) e, de paso, reivindicar socialmente o proxecto, durante estes días estivemos levando a cabo traballos de limpeza e mantemento do pantalán.

1

O primeiro día, venres, comezamos por chorrear a madeira, tanto da pasarela como do primeiro módulo do pantalán, que é o que pretendemos xestionar.

2

A diferenza cunha simple limpeza é obvia. Pouco a pouco a madeira foi recuperando a súa cor natural e amosando o aspecto orixinal.

3

4

Algún “enxeñeiro” que pasou por alí botaba as mans á cabeza afirmando que a madeira ten un tratamento especial e que ao limpala ía apodrecer, pero o noso plan de traballo estaba claro, e o segundo día, sábado, había que deixala secar.

5

O resultado da limpeza do venres saltaba á vista, pero queríamos deixalo aínda mellor, así que o terceiro día, Xylazel!

6

Aproveitando a colaboración que a empresa galega Xylazel mantén con nós, decidimos aplicar un tratamento a base do seu lasur Xylazel Plus Mate en cor teca, que é ideal para este tipo de traballos, xa que protexe a madeira da humidade (é hidrófugo) e resiste ben a acción do sol (ten pigmentos especiales anti UV+).

7

8

9

Ademais de para coidar da nosa futura mariña tradicional, a limpeza resultou ideal para diferenciar o módulo que estamos solicitando do resto do pantalán.

10

11

12

O resultado final foi moi satisfactorio. Agora so falta que Portos de Galicia concrete a instalación dos cinco fingers e a revisión das flotacións.

13

E para rematar a faena, unha foto de familia e nota de prensa. Temos claro que o que defendemos é bo para Portonovo e por iso nos sentimos respaldados para continuar avanzando incluso por diante das administracións.

14

Mariña tradicional xa!

UNHA MARIÑA TRADICIONAL

Dende hai varios anos dende a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo estivemos promovendo un proxecto que viría a culminar as case dúas décadas do noso traballo de recuperación e conservación das embarcacións tradicionais galegas e que ao mesmo tempo sería altamente beneficioso para Portonovo: a creación dun museo flotante cos nosos barcos.

Plano

A idea é habilitar nun dos pantaláns do peirao “do Chasco” un espazo no que xuntar todas estas embarcacións históricas para ser expostas e que poidan ser visitadas e coñecer as súas características a través de diferentes paneis informativos, como o patrimonio que son, ao mesmo nivel que calquera hórreo, cruceiro ou igrexa.

7

Nas últimas semanas mantivemos varias reunións para conseguir os apoios necesarios ao proxecto. Primeiro foi o Goberno Municipal quen se manifestou a favor da idea, logo sumáronse a Confraría e o Club Náutico, e nos últimos días recibimos a aprobación por parte de Portos de Galicia para nos próximos meses facer realidade este soño que ten a aspiración de converterse nun verdadeiro atractivo cultural.

Dende a nosa asociación consideramos que Portonovo quere vivir do mar e dos recursos que este ofrece, tanto pesqueiros como turísticos. E nese sentido a cultura e as tradicións son un valor con grandes potencialidades.

9

Ademais diso, pretendemos levar adiante unha serie de actividades en torno ao “museo”, como visitas guiadas ás embarcacións en colaboración cos centros educativos de concello para que os nenos coñezan esta parte da nosa historia que xeralmente non se ensina nas aulas.

E, como sempre, continuaremos a manter vivas e a disposición de quen queira navegar nelas as dornas e outras embarcacións tradicionais que nós herdamos dos nosos antepasados e que queremos conservar con orgullo do que representan para as xeracións vindeiras.