Desembarco en Ons

E foron pasando os días e as semanas, o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, no Freixo, as concentracións de Combarro e Bueu, e as regatas do Sepelo e dos Faros. E entre un evento e outro, moitas horas de navegación, de aprendizaxe e de diversión. Así, sen querelo chegou setembro e a volta á escola. Pero antes de retomar a rutina invernal, unha penúltima aventura: o Desembarco en Ons!

DSC09008

O venres, catro dornas -Jatiña, Bicoca, Habana e Coninha- e quince tripulantes -Anxo, Miguel Norat, Mari, David Prado, Andrea Area, Raquel, Antón, Xoel, Samuel, Sergio Silva, Alberto, Rita, Jandro, Miguel Submarino e Raúl- arrancamos rumbo Ons, con moito ánimo pero pouco vento, así que tivemos que tirar de foraborda para chegar coa posta do sol á de Checho, onde agardaban por nós bos amigos de Bueu e Combarro.

DSC09055

Chegamos, montamos o campamento e cada quen tomou o seu rumbo. Os mais fondearon fronte a unha cervexa ou copa de licor café e so abandonaron o laño cunha boa colleita.

DSC09049

O sábado amenceu demasiado cedo para algúns, por iso este ano non houbo nen partido de fútbol nen baño en Melide. Había que recuperar forzas, pois a noite anunciaba maruxía e mar de fondo. Este ano correuse a voz e toda a tarde foi un ir e, sobre todo, vir de xentes con gañas de festa. Pero como o churrasco non chegaba para todos, primeiro ceamos en e cantamos en confianza -Amigos da Dorna, os Galos e A Reiboa- e logo unímonos ás masas para bailar a ritmos latinos.

DSC09058

DSC09057

Como o vento fora en aumento durante a fin de semana, o domingo decidimos que so a Jatiña e a Coninha voltaban navegando. A previsión para a tarde era demasiado forte para que os rapaces navegasen sos, así que a Bicoca e a Habana quedaban na illa ata o próximo venres. Pero en torna ás cinco da tarde o vento amainou e case sen pensalo baixamos todos ás dornas e izamos velas.

DSC09095

Quixemos aproveitar ese intre de calma relativa pero a travesía non foi nin moito menos tranquila: a tripulación da Bicoca esqueceu axustar o bitoque e case antes de sair da praia das dornas tivo que baixar vela e achicar medio bocoi de auga; a Habana tivo unha avería na guía do temón antes de chegar a Cabicastro e decidiron continuar a motor; e a Jatiña recibiu a escolta da Garda Civil, moi interesada en fotografala entrando a vela en Portonovo.

DSC09119

Así despedímonos por este ano da illa de Ons, pero non das dornas, pois aínda quedan un par de citas pendentes, así que agardamos volver a xuntarnos en breve.