6ª ETAPA: ESCOLA NAVAL

Dende a etapa de Sanxenxo, do 25 de febreiro, non voltamos publicar información sobre a 9ª Regata Interclubes. O motivo: que na etapa de Beluso, celebrada o 11 de marzo, decidimos non participar polo mal tempo (exceso de mar e vento para a Surfeira), e a de Portonovo, programada para o 25 de marzo, foi suspendida pola organización debido ao mesmo motivo.

Pero este sábado retomamos a nosa participación na mesma en augas de Marín, concretamente entre a Escola Naval, Morrazán e Bueu. E desta vez as condicións do tempo foron idóneas, o cal permitiunos completar o percurso establecido en algo menos de tres horas.

Cunha tripulación conformada por David Pérez, Jose Manuel Prado e Víctor, por fin tivemos a oportunidade de disfrutar dunha boa navegación ao lado de embarcacións como o Cassandra (Javier Pazó, C.N. Portonovo), o Laxe da Canteira (Fabián Garrido, Ro Yachts Club) ou o Voodoo (Gerardo Iglesias, Ro Yachts Club), entre outros. E así despedir da mellor maneira posible esta interesante experiencia.

Para o ano máis e mellor!

Video-resumo da última etapa

3ª ETAPA: NAUTA SANXENXO

Tras a regata de Aguete e con vistas á etapa de Sanxenxo, a pasada semana decidimos subir a Surfeira para darlle unha limpeza ao casco. Porque unha cousa é participar (por pasalo ben) e outra non conseguir navegar nunhas condicións aceptables.

Sendo así, este sábado a dorna estaba finalmente limpa e cunha tripulación formada por David Pérez, Alfonso Solla e Pablo “Patilla”. Pero a sorte quixo continuar a ser esquiva, porque esta vez fallou o máis importante, o vento.

Nota de prensa publicada no Faro de Vigo (27/2/2023)

De pouco serviu facer acto de presenza á hora marcada, nen agardar un par de horas para ver se entraba pola ría unha brisa de vento. De feito, ainda que o campo de regata estaba ubicado entre Montalvo e Ons (no boca da ría) tampouco alí chegou a soplar cunha forza mínima que nos permitise navegar.

Por tanto, a organización finalmente decidiu suspender a proba e emprazarnos ao sábado 11 de marzo en Beluso. Alí estaremos e agardamos que cun chisco de máis sorte!

2ª ETAPA DA INTERCLUBES: AGUETE

Como xa anticipábamos dúas semanas atrás, este pasado sábado estaba planificada a segunda etapa da 9ª Regata Interclubes, na cal este ano decidimos participar por primeira vez. E sendo así desprazámonos de mañá coa Surfeira dende Combarro ata Aguete para tomar a saída (ás 14:30 horas) e participar na proba.

Compre destacar que as condicións –tanto da tripulación como do vento– eran as opostas ás que sufrimos o 28 de xaneiro. Por un lado porque o equipo nesta ocasión estaba completo, grazas á incorporación de Chus Leiro, Rosa García e Gerardo, que se uniron a David Pérez, Gemma Fortes e Óscar Lorenzo, que repetían. E polo outro porque a previsión era de vento moi escaso (en torno a 5 nós).

Sendo así, nesta nosa segunda oportunidade de facer lucir unha humilde dorna nai entre tantos veleiros moito máis curtidos en competición tivemos que conformarnos con pasar un bonito día no mar, con pouco vento pero moi boa compañía. De feito, ao igual que en Combarro, non conseguimos rematar a regata e tivemos que navegar ata Sanxenxo a motor.

Pero a experiencia está a ser positiva e dela estamos a extraer unha aprendizaxe que nos vai permitir nos próximos anos mellorar as condicións nas cales se atopa a embarcación. De feito, antes da próxima etapa queremos subir a dorna a terra para darlle unha limpeza ao casco, que leva uns 9 meses sen tocar e a metade deles con pouco movemento. E derivado diso a Surfeira non está navegando como debería.

Nesta ocasión os tres primeiros clasificados na clase “Jesús Betanzos” foron o Adaxe Catro (Alejandro Diéguez Pazos, C.Y. Vilagarcía) o Cassandra (Javier Pazó Olmedo, C.N. Portonovo) e o Voodoo (Gerardo Iglesias Bouza, Ro Yachts Club).

Os nosos parabéns polos resultados!

9ª REGATA INTERCLUBES

Este ano decidimos comezar a tempada antes do habitual e dun xeito diferente ao que acostumamos, inscribindo a Surfeira para participar na 9ª Regata Interclubes, que se celebra na ría de Pontevedra entre os meses de xaneiro e abril.

A intención non é outra máis que abrirnos a un ambiente náutico diferente ao das embarcacións tradicionais e ter a oportunidade de coñecer novas persoas amantes da navegación a vela, ademais de ofrecerlle aos nosos socios a oportunidade na regatear un pouco durante o inverno.

A Interclubes é dunha regata composta de 6 etapas: o 28 de xaneiro en Combarro (Ro Yachts Club), o 11 de febreiro en Aguete (R.C.M. Aguete), o 25 de febreiro en Sanxenxo (R.C.N. Sanxenxo), o 11 de marzo en Beluso (C.N. Beluso), o 25 de marzo en Portonovo (C.N. Portonovo) e o 15 de abril en Marín (Escola Naval de Marín).

Nesta edición conta con nada menos que 50 barcos inscritos, que compiten en 6 clases, entre as que se inclúe a chamada “Jesús Betanzos”, de clásicos e veteranos, na que participa a Surfeira.

Pois ben, o pasado sábado (ás 14:30 horas) comezamos a nosa humilde participación na regata, cunha tripulación escasa (composta por David Pérez, Gemma Fortes e Óscar Lorenzo) e unhas condicións de vento difíciles para nosa dorna (con rachas de ata 25 nós). Tanto que o patrón decidiu meterlle un rizo á cangrexa xusto antes da saída, o cal fíxonos perder os preciosos primeiros 10 ou 15 minutos da regata. E sendo así, sen opcións a competir, a xornada converteuse para nós nunha posta a proba da embarcación, pensando xa (co optimismo que nos caracteriza) na etapa de Aguete.

Na nosa clase o gañador foi o Iasi (José Antonio Ortigueira, C.N. Portonovo), o segundo Laxe da Canteira (Fabián Garrido, Ro Yachts Club) e o terceiro Cassandra (Javier Pazó, C.N. Portonovo).

Parabéns a todos eles e vémonos o día 11 en Aguete!