Sen tempo non foi (lembremos que orixinalmente estaba programada para o 18 de xuño) pero finalmente fomos quen de celebrar a 13ª Regata do Sepelo e xunto con ela a entrega de trofeos da Copa Mörling, o Campionato Galego de Dornas a Vela, promovido dende Culturmar en homenaxe ao gran Staffan Mörling, que nos abandonou en maio do 2020 (en plena pandemia).
Pero antes de comezar coa crónica do acontecido o sábado, queremos reservar unhas liñas para agradecer a tódalas persoas e entidades que dalgunha forma axudaron a que puidésemos levar a cabo a regata con éxito. Dende Capitanía Marítima de Vigo e a Autoridade Portuaria de Marín, por concedernos as autorizacións necesarias. Pasando por Portos de Galicia e a Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo, por permitirnos o uso do espazo portuario. Sen esquecer ao Concello de Sanxenxo e o Club Náutico de Portonovo (e especialmente a Javier e Fernando Pazó), pola axuda a nivel loxístico. E de forma moi especial aos nosos patrocinadores, ás persoas (particulares) que aportaron as súas lanchas para garantir a seguridade dos participantes na regata, a Ollares de Portonovo (tan ben encarnados en María Lores e Luis Chouza), a Culturmar por confiar en nós e á familia Mörling (representada por Chefa e a súa neta Charlotte), que coa súa presenza elevaron a dignidade da xornada ata o ceo.
Aínda que a hora de inicio da regata estaba anunciada para as 16:00, dende primeira hora da mañá comezaron a chegar a Portonovo dornas chegadas de Bouzas, Cambados, O Grove, a Illa de Arousa e Ribeira, ata xuntar a nada desprezable cifra de 17 embarcacións. De feito, ao mediodía o ambiente dorneiro xa se facía notar polos bares e terrazas máis próximos ao porto. E parece de xustiza recoñecer que nesta parte da “competición” gañaron os mecos.

Afogados os nervios, a tarde prometía nortada fresca. De feito, a pregunta máis repetida nos minutos previos ao inicio da proba foi se era obrigatorio coller un rizo. E a resposta un rotundo si, para alivio de uns (a maioría) e indignación de outros (os menos). Pero a previsión de ventos por enriba dos 15 nós non permitía arriscar. E a mellor proba diso é que antes incluso do inicio da regata xa había unha dorna, a “Habana” (con Anxo e Xoel), que tiña que regresar a porto a remos por rotura do pau durante as viradas de quecemento.

O campo de regata estaba conformado por un triángulo cunha primeira boia ubicada entre o porto de Sanxenxo e a praia de Areas, ata a cal se chegaría navegando cun aparentemente sinxelo vento de través. Dende alí e despois de trasluchar, unha empopada con certo perigo ata a segunda boia, situada no medio da ría. E a continuación unha rigurosa ceñida, facendo bordos ata o punto de saída, na bocana do porto de Portonovo.
A teoría estaba clara e sendo así, unha vez que as 16 tripulacións marcaban presenza na liña de saída, dispostas a deixar as uñas cravadas na cuberta con tal de chegar ao podio da regata e nalgúns casos tamén da Copa Mörling, ás 16:14:22 pitamos o inicio da proba.
Dende o primeiro momento destacáronse a “Xarandeira” (con Santi e Ángel), a “Pereka” (con Dorado e Chica) e a “Fuxe” (con Manolo e Brais). Por detrás delas a “Madorniña” (con Alberte e Higinio), a “Jalerna” (con Lino e Ángel), a “Nécora” (con Carterola e Harry) e a “Cormorán de Ons” (con Rodrigo e Gonzalo). E logo o resto: a “Lixeiriña” (con Cristian e José Eugenio), a “Moura” (con Marcos e Juan), a “Abuelo Tucho” (con Álvaro e Fran), a “Maraxe” (con Anxo e Max), a “Oliña” (con Adelino e Iván), a “Montañesa” (con Chantada e Olivia), a “Caranceira” (con Tino e Borja), a “Sita” (con Pablo e Alonso) e a “Rosalía” (con Héctor e Salvador).
A cousa mantívose mais ou menos así ata chegar á segunda boia, pois foi xusto nese punto onde comezaron os problemas. A “Oliña” virou quilla arriba e inaugurou o festival de abandonos (tantos que resúltanos imposible enumeralos por orde ou detallar as cousas en cada caso).
As embarcacións que conseguiron comezar a bolinar con proa á praia de Caneliñas tiveron que loitar contra un vento do norte que continuaba en aumento e que por momentos superaba facilmente os 15 nós. Ata o punto de que varias dornas escoraron ata “afundir” no intento e a outras directamente partiulles o pau. Sumado ás que optaron por abandonar ao finalizar a primeira volta ao campo de regata.
Pouco a pouco as dornas foron caendo en combate. De feito, chegou a haber ata 3 embarcacións sendo remolcadas a porto ao mesmo tempo. Aínda ben que nesta ocasión logramos reunir suficientes barcos auxiliares e que as súas tripulacións souberon traballar de xeito coordinado.
Para o inicio da segunda volta quedaban en regata unhas 11-12 dornas das 16 que tomaron a saída e a cada paso por boia o seu número ía en descenso. De feito, entre as vítimas da nortada atópanse nomes como o da “Xarandeira”, a “Nécora” ou a “Abuelo Tucho”.
Sendo así, a regata converteuse nun cara a cara pola primeira posición entre a “Fuxe” e a “Pereka” e nunha loita pola supervivencia para o resto. E non esaxeramos, tendo en conta que finalmente so 7 dornas (das 17 presentes) conseguiron cruzar a liña de meta.
Como resultado de todo o comentado anteriormente, ás 17:47:44 completaba a regata a “Fuxe” (1), ás 17:48:18 a “Pereka” (2), ás 18:04:35 a “Jalerna” (3), ás 18:09:49 a “Cormorán de Ons” (4), ás 18:10:31 a “Lixeiriña” (5), ás 18:16:38 a “Moura” (6) e ás 18:20:40 a “Madorniña” (7).
E rematada a guerra no mar, tocou a festa en terra. Comezando pola entrega de agasallos e trofeos da 13ª Regata do Sepelo, continuando cos da Copa Mörling e finalizando cunha sentida homenaxe mutua entre Culturmar e a familia Mörling.
Tripulación da “Lixeiriña” (5) Tripulación da “Cormorán de Ons” (4) Tripulación da “Jalerna” (3) “Tripulación da Pereka” (2) Tripulación da “Fuxe” (1)
Tripulación da “Fuxe” (3) xunto coa familia Mörling e representantes de Portos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Culturmar Tripulación da “Xarandeira” (2) xunto coa familia Mörling e representantes de Portos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Culturmar Tripulación da “Pereka” (1) xunto coa familia Mörling e representantes de Portos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Culturmar
Longa vida á memoria de Staffan Mörling!