Hai xa algún tempo que non informamos sobre a recuperación da Surfeira. Concretamente dende que fomos buscar o quillote a Pontevedra e o trasladamos ata Ogrobe. Foron meses centrados noutros proxectos e, tendo o verán de por medio, tamén de participación en diversos eventos culturais, polo que a capacidade de traballo foi limitada. Con todo, algúns avances si que fixemos.
Agardar a que nos preparasen o quillote foi o que nos mantivo un pouco bloqueados antes do verán, de modo que en canto nolo entregaron e o trasladamos ao estaleiro procedemos a fundir no seu interior os 300 kilos de chumbo cos que o lastramos e así deixalo listo para instalar.
Unha vez máis tivemos que armarnos de paciencia ata que quedase libre o foso para facer a operación, consistente en atornillar a estructura á quilla da dorna, colocando tanto pasadores dun costado ao outro como cabillas que atravesasen dende a parte inferior do quillote ata o interior da dorna.
Una vez que tivemos o lastre instalado decidimos centrarnos en deixar o exterior listo. Así, comezamos por aplicar un par de mans de imprimación no casco, para pintura na obra morta e para patente na viva.
Polo chan tirados andivemos un par de días Trepa, Nacho e Jandro. A consigna non era facer un traballo fino, senón avanzar, pero ao final conseguimos ambas cousas.
E unha vez seca a imprimación e sen pensalo moito, pintura! A cor escollida pode resultar un tanto arriscada, pero lanzarnos a mercar e restaurar esta dorna tamén o foi e tan mal non nos está indo, así que… avante cos rodillos!
Aproveitamos unha tarde libre que tivemos para retocar a regala e destacar un pequeno detalle debaixo do cintón, co que dar un pouco de cor á obra morta.
O seguinte paso estaba claro que tiña que ser a patente. De novo houbo discusión coa cor, pero finalmente decidimos aproveitar uns litros dela de cor granate que tíñamos gardados e sen destino.
A verdade é que coa imprimación aplicada o aspecto da dorna é completamente diferente ao orixinal, pero ao mesmo tempo cun pouco de cor quedou moi rexuvenecida. Por fin comeza a parecer de novo unha embarcación lista pra navegar.
Aínda que queda bastante traballo pendente no interior e montar o pau e a jarcia, unha vez pintada os ánimos son outros.
E como andamos inspirados, estes días puxémonos mans á obra co novo temón. Coa axuda de David encolamos varias pezas de madeira, cun deseño xa máis ou menos claro na cabeza. E unha vez seca, colocamos a estrutura na popa para marcar o corte definitivo.
Ese día tivemos a visita dun equipo do programa Galicia Noticias Mediodía, da TVG, para filmar unha pequena reportaxe sobre os traballos de recuperación, que podedes ver aquí.
O resultado polo de agora é o seguinte, aínda que falta lixar ben e repasar os cantos. E unha vez feito porémonos a preparar as ferraxes e a caña.
En definitiva, aos poucos pero os avances na Surfeira vanse materializando. Despois de tanto retraso é difícil plantexar novos prazos para a botadura. O que nos interesa agora é continuar traballando e devolvela ao mar nas mellores condicións posibles. Así que avante coa Surfeira!