TRATAMENTO DA MADEIRA

A semana pasada estivemos traballando duro para rascar e limpar todo o interior da dorna, con especial atención ás xuntas das táboas, que rascamos e aspiramos unha por unha. Tal esforzo tiña a intención de deixar a madeira o máis limpa posible para esta semana comezar a tratala cos productos que Xylazel nos regalou. E así foi. Hoxe comezamos a aplicar o Xylazel Total IF-T, un protector para a madeira que ademáis actúa como insecticida e funxicida, pero que permite respirar á madeira e non ten cor, aínda que nós decidimos aplicalo misturado cun pouco alquitrán (moi diluído) para conservar ese tono tan característico das embarcacións tradicionais, que históricamente se trataban con derivados do petróleo.

20150910_153917

Para probar o tono da mistura decidimos comezar polo tambucho de proa. E a verdade é que incluíndo unha pequena cantidade de alquitrán conservamos esa cor tan característica e ao mesmo tempo a mistura resulta igualmente lixeira como para ser absorbida pola madeira. De feito, estaba tan seca que so no tambucho aplicamos uns 3 litros.

20150910_161449

Coa mistura xa testada decidimos continuar pola bañeira e máis concretamente polo espazo no que vamos instalar o motor intraborda, xa que por comodidade conviña deixar a madeira tratada antes de montalo.

20150910_153549

Para que vos fagades unha idea do antes e o despois da aplicación da primera man adxunto a seguinte foto. De todos xeitos, mañá darémoslle unha segunda man, que boa falta lle fai, despois de case tres anos en terra.

20150910_165057