UN MUSEO FLOTANTE VIVO

Recentemente ven de presentarse o borrador do anteproxecto da nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e por primeira vez na nosa lexislación autonómica recóllense como bens patrimoniais “as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia”. Tendo en conta isto, chegou o momento de que as diferentes administracións involucradas –Consellería do Mar, Portos de Galicia e os concellos– decidan se queren unirse á vangarda da defensa deste patrimonio, ata agora asumida case exclusivamente por asociacións sen ánmimo de lucro como a nosa, ou unha vez máis ir por detrás da sociedade.

1

Compre sinalar dende este momento que o patrimonio marítimo tradicional presenta unhas enormes e variadas potencialidades –incluso económicas–, ata agora pouco exploradas no noso país:

CARÁCTER TURÍSTICO: A través da promoción da cultura mariñeira tradicional como atractivo e valor engadido.

ASPECTO CULTURAL E EDUCATIVO: Difusión e posta en valor do patrimonio marítimo galego, favorecendo o seu coñecemento por parte da sociedade, en xeral, e das rapazas e rapaces, en particular.

COMPOÑENTE SOCIAL E DEPORTIVO: Especial importancia da dinamización social e xuvenil a través dunha práctica de ocio e deportiva como é a navegación a vela.

Así, tal e como sucede dende hai décadas noutros países europeos, en Galicia a concienciación social sobre esta realidade é cada vez maior e o crecente interese que esperta suxire que ten un gran potencial para ser aproveitada con fins turísticos e educativos, grazas ao seu atractivo vinculado á cultura, o ocio e a natureza, entre outros.

9

Dende a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo levamos 18 anos participando da recuperación, conservación e posta en valor deste patrimonio de xeito altruísta, pero chegados a este punto precisamos a colaboración das administracións, e especialmente do Concello de Sanxenxo, para consolidar a nosa labor.

A nosa única petición pasa por conseguir habilitar no porto de Portonovo unha zona de amarre reservada para embarcacións tradicionais, o cal axudaría non só a facilitar o noso traballo a prol da súa conservación, senón a mellorar a súa visibilización e a potenciar o seu aproveitamento con fins turísticos e educativos, en beneficio de toda a cidadanía.

A pretensión é converter o espazo nun museo vivo flotante, un punto de interese cultural que contribúa a ofrecer unha imaxe máis auténtica da historia de Portonovo e da vida, costumes e tradicións dos seus veciños, sobre todo no que á relación co mar e a pesca se refire. E somos conscientes de que unha infraestrutura como a que solicitamos constituiría un valor engadido para todo o concello de Sanxenxo.

O único que precisamos é que Portos de Galicia nos conceda unha autorización para ocupar os 10 primeiros metros do pantalán para embarcacións de sétima lista que ten no peirao do Chasco, coa idea de habilitar unha zona diferenciada ao inicio do mesmo reservada para embarcacións tradicionais, tal e como teñen en Combarro ou Bouzas (Vigo).

2

3  5

En realidade xa vimos utilizando dende hai anos este sector do pantalán, pero pouco a pouco outros usuarios, ante a falta de xestión e control por parte de Portos de Galicia e a complicidade da Confraría, fóronnos arrinconando ata case afogarnos.

6

7

Tendo en conta a situación de alegalidade na que se atopa esta infraestructura, que no seu día (ano 2003) foi instalada con cartos públicos para dar servizo aos xubilados de mar (criterio de uso completamente ilegal), a día de hoxe é preciso reorganizar os amarres, recoñecendo en primeiro lugar o dereito moral da Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo a dispor dun espazo reservado para as súas embarcacións, que son patrimonio de tódolos veciños de Portonovo.

Plano

As nosas aspiracións pasan por dispor dunha autorización por escrito para a ocupación dos 10/12 primeiros metros do pantalán (que mide 39 en total) e que Portos de Galicia nos facilite 4/5 fingers para instalar e habilitar 8/10 prazas de amarre. A partir diso nós levaríamos a cabo unha limpeza do sector e melloraríamolo con paneis informativos sobre as diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais alí amarradas.

Agardamos que o cambio político no concello sirva para dar resposta a esta cuestión!