Aquí estamos de novo para presentarvos un proxecto no cal estivemos a traballar durante as últimas semanas e para o cal alégranos anunciar que contamos co patrocinio do Concello de Sanxenxo, a través da liña de subvencións para actividades culturais neste ano 2024.
Trátase dunha exposición deseñada para circular polos centros educativos do noso concello, coa que queremos amosar aos rapaces unhas pinceladas da nosa cultura mariñeira e, de paso, tamén unha breve presentación da nosa asociación e da labor de recuperación que realizamos.
Xunto cos dez paneis que conforman a exposición incluiremos a exhibición da dorna Coninha, que foi restaurada recentemente, grazas tamén ao Concello (xunto coa Deputación de Pontevedra), que nos fixo unha achega económica para cubrir o 20% do custo dos traballos.
E a primeira presentación pública vai ter lugar durante os días 26, 27 e 28 deste mes de outubro na marquesina á beira do mercado de abastos de Portonovo. Así que vos animamos a que vos acheguedes a vela.
Con todo, deixámosvos a continuación as imaxes que conforman a dita exposición, agardando que sexan do voso agrado.
A primeira regata da Copa Mörling celebrouse en Portonovo. Un total de 23 dornas participaron na XV Regata do Sepelo. Tres dornas da Illa de Arousa fixéronse co podio: ‘Jalerna’, ‘Nécora’ e ‘Pereka’.
A cita era en Portonovo, aí botou a navegar este ano a Copa Mörling, o Campionato Galego de Dornas a Vela, que chega á súa terceira edición. Coa organización dos Amigos da Dorna de Portonovo disputouse a XV Regata do Sepelo nunha tarde de vento lixeiro e con excelentes condicións para a navegación.
Vintetrés dornas saíron ao mar para regatear nun campo con pequenas modificacións respecto dos anos anteriores. Na saída, grupo compacto de todas as embarcacións buscando a baliza de barlovento ubicada ao norte da punta Sepelo, na altura do illote Papatimóns.
Entre a frota, dornas novas, madeiras restauradas e postas a lucir no mar como as da ‘Coninha’, dos Amigos da Dorna de Portonovo, con Xoel Otero e Alberto González a bordo, o que fai medrar a familia dorneira desta III Copa Mörling.
Tamén a dorna ‘Josefa’, estrenando gallardete da asociación viguesa Cabo do Mar, con Higinio Pousa ao leme e Martín Domínguez de teste. Dende Vigo chegan aires novos e implicados na recuperación e o mantemento do noso patrimonio náutico.
Un impulso ao que non é alleo Manolo Parada, que recuperou nesta regata inaugural da Mörling a parella co seu fillo Brais na ‘Fuxe’. E sen faltar ao encontro outra saga familiar, desta volta pai e filla, que con devoción mariñeira non perden unha levando a ‘Lilaina‘, José Faustino Alonso e a súa brava tripulante Mariña.
Unha frota cinguindo rápido a barlovento na que colle lixeira vantaxe a ‘Jalerna’ de Ricardo e Manuel Dios. Os illeiros protagonizaron o gran pulso da xornada coa ‘Pereka’, de José Antonio Dorado e Chica, sen esquecer o papel da ‘Nécora’, que se puxo á expectativa e acabou quitando tallada co segundo posto na regata.
Pasada a boia de barlovento os barcos enfían na empopada até a marca de sotavento fronte a Sanxenxo. Alí o paso das embarcacións confirma a vantaxe da ‘Jalerna’, que vira primeira, seguida da ‘Pereka’ e algo máis atrás a ‘Nécora’.
Para a segunda cinguida a marcaxe entre ‘perekos’ e ‘jalernos’ foi das que fan afección. Vira para terra, vira para fóra … Os Dios non estaban dispostos a dar a máis mínima vantaxe a una dorna, a ‘Pereka’, sempre lixeira e rápida no mar.
A regata estaba a decidirse nesa bolina que remata co barco illeiro con nome de vento bravo e indomábel, a ‘Jalerna’, pasando primeira na virada. A ‘Pereka’ vai segunda e busca aproveitar o vento e a súa punta de velocidade na última popa do percorrido. Á expectativa, a ‘Nécora’, de Braulio García e Adelino Santamaría, e por detrás deles varios dos particulares e non poucas dornas a disfrutar tamén da xornada e dunha pracenteira tarde mareira.
Repítense as tres primeiras posicións no último paso por sotavento e a regata quedaba pendente agora dun través final no que o percorrido deseñado por Amigos da Dorna de Portonovo colocaba a liña de meta no mesmo porto, entre o peirao local e o espigón do náutico. Unha novidade na chegada que despistou a Jose Antonio Dorado, á cana da ‘Pereka’, e que acabou dando unha vantaxe decisiva á ‘Jalerna’,que entrou primeira, máis non só iso se non que tamén provocou que a ‘Nécora’ gañara unha praza e se fixera cun meritorio segundo posto.
Así comeza esta Copa Mörling, con moito espectáculo no mar e unha competencia costado contra costado para saber cal é a dorna máis veleira de 2024. De momento a ‘Pereka’, a defensora do dobre título -2022 e 2023-cede na cabeza da xeral e seguro que agarda con devezo a revancha na vindeira proba do calendario: a Regata do Salnés, o 6 de xullo en Cambados.
Chegou o día de anunciar a que será a XV Regata do Sepelo e primeira proba da terceira edición da Copa Mörling, que organizamos en colaboración con outras asociacións de embarcacións tradicionais.
A competición terá lugar o sábado 15 de xuño a partir das 16:30 horas, con saída das embarcacións dende o porto de Portonovo. E nesta ocasión temos o pracer de adicarlle os trofeos de vencedores a Nauta Sanxenxo, Gadis, Mechanis, Adega Buezas e Ollares de Portonovo.
Entre os traballos que estamos levando a cabo na Surfeira atópase unha mellora que nos fai especial ilusión e que ben merece esta publicación.
Aproveitando a estancia da Surfeira no Grove, concretamente en Astilleros Garrido, para realizar varios traballos de carpintaría, decidimos darlle unha repaso ao motor intraborda e revisar os seus accesorios.
Foi así como unha vez desmontado o motor para o seu pintado reparamos no pésimo estado do mando morse. Ata o punto de resultar inservible debido ao óxido. Algo que nos resultou sorprendente xa que cando mercamos este mando (alá polo 2017) anunciábase como inoxidable.
Frustrados por este inxustificado deterioro decidimos buscar un novo mando que estivese verdadeiramente fabricado en inox e foi así como atopamos a unha empresa galega (fundada en Carballo no ano 1997) chamada Mechanis.
Non dubidamos nen un instante en poñernos en contacto con eles para coñecer as características dos seus controles mariños e o que descubrimos foron uns produtos non so deseñados e fabricados en Galicia (o cal xa é para nós unha virtude) senón tamén de primeirísima calidade (tanto técnica como estética).
Nós optamos polo modelo L120-S e se ben aínda non o instalamos (do cal faremos outra publicación) estamos seguros de que temos mando morse para moitos moitos anos. Así que grazas polo voso bo traballo, Mechanis!
Aquí estamos de novo para dar conta do feliz proxecto de recuperación e mellora da dorna polbeira Coninha, o cal estivemos levando a cabo durante o ano 2023 grazas ao apoio económico da Deputación de Pontevedra.
Os traballos consistiron na recuperación da embarcación no que a carpintería se refire, a fabricación dunha nova vela, a compra dun motor foraborda auxiliar e a adquisición de dous elementos de axuda á navegación e seguridade, como son un GPS-Plotter e unha emisora VHF.
E non podemos estar máis que felices polo resultado e agradecidos coa Deputación de Pontevedra polo tan necesario apoio prestado.
Este ano, coincidindo coas festas de San Roque en Portonovo, tivemos a sorte de poder realizar durante varios días unha das actividades que máis nos gustan: os bautismos de mar con nen@s e adolescentes.
Foron 34 cativ@s, que estaban participando nun campamento do verán, procedentes dos concellos de Meis, Meaño e evidentemente Sanxenxo.
Tod@s el@s embarcaron na Jatiña e na Surfeira, que son dúas dornas que forman parte do Inventario de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia e do Censo de Patrimonio Cultural.
Xa a bordo, ademáis de coñecer a ría, tiveron a sorte de recibir a visita dos nosos amigos os golfiños, que se achegaron ás dornas nun grupo de en torno a 20 individuos (a metade delas crías).
Un pracer poder colaborar neste tipo de actividades, a través das cales difundir entre as novas xeracións o valor da cultura, o patrimonio e o mar.
Pasou o día e pasou a romería, tal e como se adoita dicir. Pero non queríamos deixar de vir publicar unha escolla das maravillosas imaxes que capturaron os nosos queridos Luis Dobarro e Luis Chouza, de Ollares de Portonovo, xunto cun video filmado con dron, cortesía de Culturmar.
Aquí estamos un ano mais para anunciar a celebración da Regata do Sepelo, que neste 2023 acada a súa décimo cuarta edición e forma parte da II Copa Mörling.
Xa case temos todo preparado para recibir en Portonovo as dornas chegadas das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa.
Dende a etapa de Sanxenxo, do 25 de febreiro, non voltamos publicar información sobre a 9ª Regata Interclubes. O motivo: que na etapa de Beluso, celebrada o 11 de marzo, decidimos non participar polo mal tempo (exceso de mar e vento para a Surfeira), e a de Portonovo, programada para o 25 de marzo, foi suspendida pola organización debido ao mesmo motivo.
Pero este sábado retomamos a nosa participación na mesma en augas de Marín, concretamente entre a Escola Naval, Morrazán e Bueu. E desta vez as condicións do tempo foron idóneas, o cal permitiunos completar o percurso establecido en algo menos de tres horas.
Cunha tripulación conformada por David Pérez, Jose Manuel Prado e Víctor, por fin tivemos a oportunidade de disfrutar dunha boa navegación ao lado de embarcacións como o Cassandra (Javier Pazó, C.N. Portonovo), o Laxe da Canteira (Fabián Garrido, Ro Yachts Club) ou o Voodoo (Gerardo Iglesias, Ro Yachts Club), entre outros. E así despedir da mellor maneira posible esta interesante experiencia.
Por se non o sabíades, usando a sempre feliz desculpa do 25º aniversario da Jatiña (que se cumpren nalgún momento indeterminado deste 2023), hai xa algúns meses (a medidos do 2022) decidimos solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra para a súa necesaria posta a punto.
Foi así como conseguimos o financiamento do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación para levar avante a restauración da dorna, cuxa construción supuxo no seu día a fundación da propia asociación -de aí ser a nosa embarcación insignia-.
A aportación do ente provincial acadou os 11.594,91 € (o 80% da inversión) e serviu para sufragar os traballos realizados no Estaleiro Garrido, no Grove, que consistiron na reparación de varias partes do casco, a sustitución da cuberta, a fabricación dunha caña, un temón e unha vara, e o tratamento da madeira e pintado final.
Pero ademais diso, a axuda da Deputación tamén serviu para sufragar a adquisición de varios elementos de seguridade na navegación, como un pequeno motor foraborda, un GPS/Plotter, unha radio VHF e un compás
Deste xeito, agardamos garantir o futuro da Jatiña durante outros 25 anos e potenciar o seu uso e desfrute por parte da sociedade, á cal animamos a achegarse a nós para poder ter a oportunidade.