2ª ETAPA DA INTERCLUBES: AGUETE

Como xa anticipábamos dúas semanas atrás, este pasado sábado estaba planificada a segunda etapa da 9ª Regata Interclubes, na cal este ano decidimos participar por primeira vez. E sendo así desprazámonos de mañá coa Surfeira dende Combarro ata Aguete para tomar a saída (ás 14:30 horas) e participar na proba.

Compre destacar que as condicións –tanto da tripulación como do vento– eran as opostas ás que sufrimos o 28 de xaneiro. Por un lado porque o equipo nesta ocasión estaba completo, grazas á incorporación de Chus Leiro, Rosa García e Gerardo, que se uniron a David Pérez, Gemma Fortes e Óscar Lorenzo, que repetían. E polo outro porque a previsión era de vento moi escaso (en torno a 5 nós).

Sendo así, nesta nosa segunda oportunidade de facer lucir unha humilde dorna nai entre tantos veleiros moito máis curtidos en competición tivemos que conformarnos con pasar un bonito día no mar, con pouco vento pero moi boa compañía. De feito, ao igual que en Combarro, non conseguimos rematar a regata e tivemos que navegar ata Sanxenxo a motor.

Pero a experiencia está a ser positiva e dela estamos a extraer unha aprendizaxe que nos vai permitir nos próximos anos mellorar as condicións nas cales se atopa a embarcación. De feito, antes da próxima etapa queremos subir a dorna a terra para darlle unha limpeza ao casco, que leva uns 9 meses sen tocar e a metade deles con pouco movemento. E derivado diso a Surfeira non está navegando como debería.

Nesta ocasión os tres primeiros clasificados na clase “Jesús Betanzos” foron o Adaxe Catro (Alejandro Diéguez Pazos, C.Y. Vilagarcía) o Cassandra (Javier Pazó Olmedo, C.N. Portonovo) e o Voodoo (Gerardo Iglesias Bouza, Ro Yachts Club).

Os nosos parabéns polos resultados!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *