A PRAIA DA PANADEIRA É NOSA

A nosa “historia” (a historia da propia embarcación xa a contaremos nunha próxima publicación) coa Praia da Panadeira comezou un sábado calquera –de mediados de xaneiro do 2018– cando pedimos un remolque e unha furgoneta prestada e arrancamos dirección a Ramirás, nas Terras de Celanova, Ourense.

Dito deste xeito, o último que se podería agardar desta aventura sería voltar para Portonovo cunha dorna ás costas. Pero así foi. E non unha dorna calquera, senón unha de construción mixta. É dicir, unha rareza que mestura os dous tipos de construción tradicional do casco: de calime (ou escarva) e de tope. Pois presenta as táboas a tope na obra viva e unha única táboa de cubrir na obra morta.

O caso é que por moi especial que sexa, as circunstancias mandan. Para que se entenda: que dende o 2018 ata hai un mes a Praia da Panadeira non tivo máis remedio que agardar pacientemente para ser restaurada. Neste tempo – tres anos e pico– pouco mais que rascar o casco e encender o motor fixemos. E non por falta de gañas, senón de diñeiro. Xa que o estado no cal se atopaba (cunha avanzada putrefacción en case toda a obra morta) requería da man dun carpinteiro de ribeira profesional.

Aínda ben que de vez en cando recibimos alguna alegría. E nesta ocasión veu da man da Deputación de Pontevedra, que por segundo ano consecutivo concedeunos unha subvención a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico para a súa recuperación.

Mans á obra: ao día seguinte de recibir á notificación da subvención cargamos novamente a dorna nun remolque e iniciamos o traslado ata Astilleros Garrido, no Grove.

Unha vez alí, os mestres –especialmente Fran, que é probablemente o último carpinteiro de ribeira de Portonovo– comezaron cos traballos de saneamento. Primeiro retirando as táboas de cubrir e logo reevaluando a situación. De feito, aínda que de inicio tíñamos bastante claro o que había que facer, sempre hai sorpresas e esta non foi unha excepción. Os proxectos de restauración sonche así.

Houbo que sustituir –sen telo planificado– unhas cinco ou seis cadernas que estaban demasiado deterioradas, para así poder colocar as novas táboas de cubrir en ambos costados. E ao mesmo tempo foi renovado o espello de popa, aproveitando para recuperar a forma redondeada na parte superior –ainda en proceso–.

Outra das sorpresas desagradables foi atopar varios baos tocados, o que obrigou a levantar por completo a cuberta e instalar uns novos. E sobre eles realizouse a colocación dos trancanís e a cuberta de proa –tamén en proceso–.

E ata aquí a primeira entrega sobre os traballos de recuperación da Praia da Panadeira. Dos avances do proxecto seguiremos dando conta nas vindeiras semanas.