JATIÑA

Ilustración da Jatiña co seu aspecto actual

Feita na carpintería de ribeira de Domingo Ayaso en Aguiño no ano 1998, trátase dunha dorna xeiteira, unha tipoloxía empregada fundamentalmente para a pesca da sardiña coa arte do xeito, de aí o seu nome. Este tipo de dorna está deseñada para navegar en mar aberto, máis alá da bocana da ría, onde se atopan os bancos de sardiñas, polo que ten un tamaño superior á polbeira, que é probablemente a máis coñecida, sendo quen de transportar a unha tripulación de ata seis mariñeiros.

Ademais, a Jatiña é o noso buque insignia, pois o proxecto da súa construción foi a motivación principal para a fundación da Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo. Así, unha vez constituída a asociación, solicitamos unha subvención para facer unha dorna máis ou menos grande, e entre o diñeiro que conseguimos reunir e o patrocinio de Jacinto (Efectos Navais Todopesca), que se ofreceu a pagar a vela, adquirimos a nosa primeira embarcación.

Telmo foliando por primeira vez a Jatiña (1998)

Con ela comezamos e non paramos de participar nos diferentes Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia: primeiro o de Rianxo (1999) e despois Combarro (2001), Illa de Arousa (2003), Cambados (2005), Ferrol (2007), Muros (2009), Carril (2011), O Freixo (2013), Cabo de Cruz (2015), Combarro (2017) e A Guarda (2019). Pero ademais diso, asistimos en varias ocasións a Brest e Douarnenez (Francia), Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo, Lanhelas, Aveiro e Seixal (Portugal), Zokoa e Lekeitio (Euskadi), Cadaqués (Catalunya), e percorremos navegando toda a costa de Galicia.

Rebotadura da Jatiña no seu vixésimo aniversario (2019)