Aínda que o seu porto base é o de Corbaceiras, en Pontevedra, esta chalana chamada Lucía é propiedade de David Pérez, membro da Directiva de nosa asociación, polo que ben merece figurar nesta páxina.
Construída no ano 1973, orixinalmente era unha chalana de dúas proas, ao estilo dos choupáns de Marín, pero en 1993 recortáronlle a popa, colocando un espello para instalarlle un motor foraborda. Unha mágoa, pero iso mesmo foi o que aconteceu con outras moitas chalanas –e embarcacións en xeral–, que viron modificada a súa fasquía para adaptarse aos motores.
A chalana probablemente foi e segue sendo a tipoloxía máis abundante e, por tanto, unha das máis representativas do país. So que ata hai ben pouco non gozou de ningún recoñecemento polo seu valor patrimonial, pode que por ser considerada menos nobre que outras tamén humildes tipoloxías tradicionais, como a dorna ou a gamela.
A grandes rasgos, aínda tendo en conta o rica e variada que é a tipoloxía, trátase dunha embarcación pequena –de en torno aos 4 ou 5 metros de eslora– e de fondo plano –sen quilla–, característica das zonas interiores das rías, pois está mellor adaptada a navegar con pouco mar e especialmente deseñada para facelo en áreas con escaso calado.
Con todo, é unha tipoloxía bastante máis mariñeira do que a simple vista parece, xa que unha vez escorada pasa a ter unha quilla en “uve”, podendo propulsarse tanto a remos como a vela –vela latina ou mística–.