MILUCHA (D.E.P.)

De construción descoñecida, nin ano, nin carpinteiro, aínda que si podemos situar a súa orixe no porto de Meloxo, no Grove. A Milucha é unha pequena dorna polbeira que chegou á nosa asociación no ano 2013 cedida por Manolo Outeiro, un coñecido de Beluso (Bueu) que xa non podía facerse cargo dela, polo que nós a aceptamos con entusiasmo para restaurala e integrala na nosa familia.

Milucha (Xullo De 2014)

Os traballos de recuperación consistiron en rascala enteira, lixala, reconstruír parte da cuberta, recravar o casco, selar as xuntas das táboas, alquitranar, dar patente e pintar. E foi así como despois duns meses de esforzo a dorna volveu ao mar, permanecendo a flote durante varios anos.

Pero o certo é que a Milucha non deixou de darnos problemas dende o inicio, xa que debido á súa antigüidade non logramos estancala por completo, así que acabamos por asumir que a súa vida no mar parecía ter chegado ao seu fin. E foi así como no 2019 decidimos brindarlle unha segunda vida como elemento decorativo central no Mercado de Abastos de Pontevedra.