MARIÑA TRADICIONAL

Esta historia remóntase ao ano 2002, que foi cando Portos de Galicia decidiu substituir os fondeos tradicionais que existían dentro do porto de Portonovo pola instalación de pantaláns. Pero vamos narrala de forma moi resumida.

A Meca nunha visita a Portonovo en 1998 (cando os barcos aínda fondeaban dentro do porto)

Nese momento, a comezos de 2002, dende Amigos da Dorna transladouse unha petición a Portos de Galicia solicitando a reserva dalgúns amarres destinados ás embarcacións tradicionais da nosa asociación.

Como resultado desa solicitude, a nosa asociación comezou a ter acceso a tres prazas de amarre nun dos pantaláns instalados por Portos de Galicia. E así continuou sendo durante aproximadamente 15 anos.

Amarres para embarcacións tradicionais no ano 2010

Pero chegado o ano 2015, co notable aumento de embarcacións tradicionais no ámbito da asociación, fíxose necesario ampliar o espazo reservado para o seu amarre. E por ese motivo tramitamos unha solicitude ante Portos de Galicia para dispor dun módulo completo de pantalán (de 12 metros de largo), no cal pretendíamos habilitar unhas dez prazas de amarre.

A nosa intención era crear o que decidimos chamar unha “mariña tradicional”, seguindo para iso os pasos dados nos anos anteriores pol@s compañeir@s de Bouzas (Vigo) e Combarro (Poio).

Mariña tradicional de Combarro (Poio)

Unha mariña tradicional ven a ser un museo flotante das embarcacións tradicionais representativas da zona, ocupando un espazo propio en cada porto, con fácil acceso de público, ben delimitado e correctamente sinalizado, co obxectivo de dar a coñecer entre a sociedade estes bens patrimoniais, recoñecidos como tal pola Lei 5/2016 de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, e aproveitar as enormes potencialidades que teñen como recurso cultural, social, educativo e turístico.

Visita de escolares á mariña tradicional de Bouzas (Vigo)

O caso é que, tras moito insistir, no 2017 conseguimos obter unha autorización de Portos de Galicia para ocupar un módulo completo de pantalán. Se ben o que non chegamos a acadar foi a instalación de fingers de amarre e outras mellorías que estivemos solicitando durante anos.

Estado do módulo para embarcacións tradicionais na primavera do 2017

E así, cun espazo suficiente para amarrar todas as nosas embarcacións, mantivémonos durante tres anos, ata inicios do 2020, que foi cando fomos notificados por Portos de Galicia da súa decisión unilateral de non renovar a autorización que nos concederan tres anos antes, sen calquera explicación.

Por tanto, pasamos de ter a base sobre a cal poder construir unha verdadeira mariña tradicional a literalmente nada, nin tan sequera amarres. E nesa situación aínda nos mantemos hoxe en día, á espera de atopar unha solución consensuada con Portos de Galicia.