A nosa asociación ven de acadar a inclusión das nosas cinco embarcacións tradicionais no Inventario de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia, integrado no Censo de Patrimonio Cultural de Galicia.

O rexistro destas embarcacións singulares foi inaugurado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en xullo deste ano e dende hai uns días inclúe, entre os 50 barcos xa inscritos, a dorna nai “Surfeira”, a dorna xeiteira “Jatiña”, a dorna de media construción “Praia da Panadeira” e as dornas polbeiras “Bicoca” e “Coninha”, todas elas con base en Portonovo.

A solicitude foi cursada pola nosa asociación, como propietaria das cinco embarcacións, e agardamos que este recoñecemento oficial sirva como base para que dende as administracións se promovan outras medidas encamiñadas a facilitar a súa conservación e socialización.
De feito, usando como argumento o valor patrimonial agora recoñecido de xeito oficial pola Xunta de Galicia, dende a directiva da asociación xa están traballando para reclamar melloras no relativo aos amarres para os barcos, cuestión na cal sufrimos un retroceso notable nos últimos anos, e tamén para acadar un local no cal poder realizar os traballos de mantemento das embarcacións, entre outras actividades culturais.

Dende Amigos da Dorna queremos seguir apostando pola recuperación e uso das embarcacións tradicionais e con elas brindar a oportunidade a toda a sociedade de desfrutar dun ben patrimonial que se mantén vivo e que agardamos que así continúe por moito tempo.