XII REGATA DO SEPELO

Despois de dous anos complicados dende a XI Regata do Sepelo, este pasado sábado 25 de setembro por fín celebramos, aínda que con retraso, a edición XII, que orixinalmente estaba prevista para o 28 de agosto pero que decidimos atrasar por causa do falecemento do noso querido Carlos Rodiño “O Ceboleiro”. Así que tanto a regata como esta crónica van adicadas á súa memoria.

A previsión do tempo nos días previos non era boa. Choiva e unha forte surada era o agardado. Pero por sorte a realidade foi ben diferente e amencemos cun día de sol, mar navegable e un vento sur duns 10-12 nós.

Grazas a iso foron chegando a Portonovo varias delegacións arousáns de heroicas dornas aparelladas a velas, dispostas a mollarse e achicar, se fose preciso.

En total conseguimos xuntar dez embarcacións. Todo un logro para os tempos que corren. E aos poucos, unhas e outras, foron enfilando o punto da saída.

Os ánimos parecían ser bos, pero ao mesmo tempo respirábase esa certa tensión que está sempre presente en calquera competición que se preste.

Así, transcurridos algúns minutos sobre a hora prevista de inicio, demos saída á regata e tódalas dornas enfilaron cabo udra, aínda que cada quen cunha estratexia diferente.

Cunha primeira baliza ubicada cara o sur, as dornas tiveron que arrancar facendo bordos para conseguir gañar barlovento. E foi aí onde comezaron a definirse as estratexias.

Xa dende o comezo se formaron varios grupos, que marcaron ata o fin o transcurso da regata, pero que non lle restaron nen un chisco de emoción porque tódalas posicións estiveron moi disputadas.

As condicións de mar e vento acabaron por ser moi boas. Con todo, a regata non estivo exenta de accidentes e ao pouco de iniciarse, unha das dornas, a “Oliña” (d@s compañeir@s da Torre, de Cambados), tivo que abandonar por un golpe a bordo. Afortunadamente non foi nada grave.

Alcanzada a primeira baliza, o grupo de cabeza estaba conformado pola “Nécora” (Dorna Illa), a “Xarandeira” (Fasquía) e a “Fuxe” (Dorna Meca).

E no grupo perseguidor, a “Lixeiriña” (Calmoseira) e “Abuelo Tucho” (A Torre), a uns dous minutos da cabeza e, por tanto, aínda con opcións de remontada.

E no terceiro grupo atopábanse a “Montañesa” (Dorna Illa) , “Rosalía” (Dorna Illa), “Caranzeira” (Amigos da Dorna de Portonovo) e “Nerea” (Calmoseira).

Ao paso pola segunda baliza, que se atopaba entre o porto de Sanxenxo e a praia de Areas, as posicións mantíñanse iguais, so que cuns tempos máis axustados e cunha “Fuxe” recortando distancia e metendo presión.

Tras unha bonita empopada entre a primeira e a segunda baliza, no terceiro tramo da regata tocaba unha navegación de través enfilando o punto de saída, no porto de Portonovo.

Cabe mencionar neste punto que a ría estaba chea de embarcacións navegando a vela e, de feito, existían tres campos de regata que se chegaban a cruzar nalgún punto, coa beleza e ao mesmo tempo perigo que iso supón. Pero por sorte todo transcurríu en incidencias.

A segunda volta ao triángulo do balizamento foi unha réplica da primeira pero cunha sorpresa, que foi o alcance da “Fuxe” á “Xarandeira”.

No fin o importante é que foi unha regata divertida e sen incidentes, así que a nosa satisfacción so pode ser plena.

Pero para ser xust@s coa verdade, temos que reflexar aquí o acontecido na parte competitiva e a clasificación resultante da mesma. E nese sentido o paso por meta foi da seguinte maneira: “Oliña” (10), “Nerea” (9), “Caranzeira” (8), “Rosalía” (7), “Montañesa” (6)…

En quinta posición a “Abuelo Tucho”
En cuarta posición a “Lixeiriña”
En terceira posición a “Xarandeira”
En segunda posición a “Fuxe”
E como campeóns absolutos das XII Regata do Sepelo, a “Nécora”

E antes de despedirnos, deixar dende estas liñas o noso máis sentido agradecemento aos nosos patrocinadores, ás persoas que nos axudaron dalgunha maneira coa organización, a tódolos participantes e de maneira expecial a María Lores e Luis Chouza (de Ollares de Portonovo) polo seu bo facer coas cámaras.

Vémonos na XIII Regata de Sepelo!

POSTA A PUNTO DA SURFEIRA

Seis anos tiveron que pasar para que a nosa asociación conseguise rematar a recuperación da dorna nai “Surfeira”. Lonxe queda aquel mes de marzo do 2015 no que asinamos a compra da dorna e iniciamos o longo camiño da súa restauración.

Aquela primeira fase, na cal levamos a cabo as principais reparacións de carpintería, instalamos o motor intraborda e colocamos o quillote, tivo unha clara compoñente heroica, pois saíu adiante a base de fondos e traballo propios e a axuda desinteresada dalgunhas empresas (pero sen participación ningunha administración). Con todo, tivemos que renunciar a moitas cousas menores, algunhas delas aínda pendentes.

Pero agora, grazas a unha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, conseguimos avanzar coa fase final da restauración. E esta é xustamente a alegría que precisábamos para dar por finiquitada unha fase medio rara e iniciar un novo ciclo como asociación.

En concreto, este financiamento permitiunos mercar unha nova vela, fabricada polos mestres veleiros Ramón Albert e Julio Pousa; pegarlle unha boa posta a punto ao motor; instalar varios equipamentos tecnolóxicos e de seguridade; e realizar algunas reparacións e melloras de carpintería, feitas polo mestre Carlos Fernández Viñas.

En relación aos traballos de carpintería, consistiron no reforzo dalgunhas cadernas do casco, na substitución da tapa da regala e do bauprés, e na construción dun novo pau e botavara.

Non podemos máis que agradecer á Deputación de Pontevedra a súa aposta polo conservación do noso patrimonio marítimo. Aupa!

CRÓNICA DA XI REGATA DO SEPELO

Mellor tarde que nunca. Iso foi o que pensamos hai un par de meses cando, tras ter que adiar a celebración da XI Regata do Sepelo, programada orixinalmente para o 8 de xuño, voltamos a ollar para o calendario de eventos de Culturmar e reparamos que a única data dispoñible era o 31 de agosto. Obviamente o cambio era radical. De pasar de inaugurar a tempada de regatas a case pechala. Con todo, a vontade de ter algo para celebrar era tal que ninguén dubidou. E non foi doado chegar cos traballos -autorizacións incluídas- a punto para a nova data, pero conseguímolo e este sábado puidemos disfrutar de resultado.

0

Dende a tarde do venres e durante toda a mañá do sábado foron ateigando Portonovo dornas chegadas dende a Arousa, Cambados, O Grove, Combarro ou Vigo -desculpade se esquecemos algunha procedencia- ata completar as 22 embarcacións que finalmente participaron na regata. Contra todo pronóstico, exitazo de participación!

1

A iso das 16:00 tódalas dornas estaban no mar listas -unhas máis e outras menos- para cazar escotas e partir a ría en dous. Así que, con sentiño, optamos por solicitar aos participantes coller un rizo obrigatorio. Unha cousa é competir e outra ben diferente ser imprudentes e propiciar situacións de risco.

2

3

Compre sinalar que na actualidade as regatas de dornas están a un nivel de competitividade deportiva que nada debe envexar a outras modalidades de vela. E nese sentido debemos sentirnos orgullosos por ter acadado un merecido status que é froito dun longo esforzo colectivo. Polo que, tanto organizadores como participantes, debemos corresponder a dita traxectoria.

4

Ás 16:30 o xuíz sinalaba o inicio da regata e a vintena de embarcacións a vela marcaban rumbo á punta do Seame, onde se atopaba a primeira das boias que delimitaba a triangulación establecida previamente en función das previsións duns 13-14 nós de vento do noroeste.

5

6

Dende o inicio se destacou un grupo de 6-7 dornas que ata o fin se mantiveron na loita por acadar as cinco primeiras posicións, que son aquelas que tradicionalmente son recoñecidas cun trofeo, e algo máis.

7

Durante as dúas voltas ao percorrido establecido pudéronse ver interesantes rivalidades e moitos momentos de tensión, dende o primeiro ata o último clasificado, sen excepción.

9

8

10

11

Iniciada a segunda volta a clasificación temporal se foi clarificando e 5 dornas comezaron a destacarse sobre o resto. A medida que o vento foi en aumento, a experiencia fíxose notar.

12

13

No xeral a regata nos deixou unhas estampas espectaculares. E así o rexistraron as cámaras fotográficas dos compañeiros Luis Chouza e María Lores, da asociación Ollares de Portonovo, que tan amablemente se prestaron a acompañarnos e de paso levar a outro nivel de visibilidade á labor cultural e deportiva que desenrolamos. Mil grazas!

14

16

Así, a base de ventiño fresco, en algo menos de 90 minutos a primera das embarcacións enfilaba a liña de meta, non sen antes ter que facer varios bordos, que mantiveron a emoción viva ata o final.

17

No porto agardaban polos vencedores, ademáis de petiscos varios, os trofeos que os acreditarían como Señores do Sepelo. Ademáis dunha fermosa botella de albariño Peón&Rei, cortesía dos nosos amigos da Adega Buezas. De feito, queremos aproveitar a ocasión para agradecer a tódolos patricinadores que nos teñen axudado a facer posible esta regata e tódalas outras actividades que levamos a cabo.

18

Na pugna por conseguir estes trofeos loitaron 22 dornas, pero so 5 conseguiron saír coroadas. No intento quedáronse a Noelia (non clasifica), a Coninha (19), a Javiota (18), a Cunquinha (17), a Bicoca (16), a Sikamontes (15), a Fungona (14), a Rosalia (13), a Madordiña (12), a Cormorán de Ons (11), a Pancha (10), a Montañesa (9), a Julicheira (8), a Pelexa (7), a Marijuana (6), a Habana (fora de regata) e a Lercha (fora de regata).

19

Na quinta posición entrou a Nova Froíña

20

Na cuarta posición clasificou a Fuxe

21

Na terceira posición tivemos á Forza R

22

Na segunda posición entrou a Xarandeira

23

E na primeira posición, como gañadores absolutos da XI Regata do Sepelo, a Jalerna

AVANTE COA XI REGATA DO SEPELO!

Cartaz (Agosto 2019)

Despois de ter que adiar a celebración da XI Regata do Sepelo no me xuño, finalmente vamos conseguir desputala este vindeiro sábado 31 de agosto, a partir das 16:00 horas.

Aos interesados en competir, rogámoslle ter contratado o seguro de navegante e ás embarcacións estar aseguradas, ademais de ter tódolos elementos de seguridade (chalecos, remos, risón, flotacións, etc.) para facilitar a celebración sen incedentes.

Como de costume haberá unha papatoria posterior á regata e os participantes serán agasallados cunha fermosa camisola conmemorativa, ademais dos trofeos para os vencedores.

Vémonos no Sepelo!

ADIADA A XI REGATA DO SEPELO

Cartaz Sepelo

Aquí os Amigos da Dorna de Portonovo para trasladar novas en relación á XI Regata do Sepelo, programada para este sábado 8 de xuño. Levamos agardando uns días sen enviar o convite xeral porque nos atopamos ante dous condicionantes de importancia. Por un lado a cuestión climática, que non vaticina un tempo especialmente bo (pouco vento e probabilidade de choiva) para o que se pretende, que é pasalo ben veleando. E polo outro unha nova dificultade para conseguir a autorización por parte da Capitanía Marítima de Vigo que solicitamos tódolos anos e que nesta ocasión nos remiten a xestionar a través da Sede Electrónica do Ministerio de Fomento, sendo preciso dispor da sinatura electrónica, que non conseguimos ter a tempo (en fin, todo facilidades).

É por isto que a catro días da regata consideramos preferible adiar a celebración, como xa se fixo noutras ocasións, co compromiso de buscar unha nova data nos próximos días, analizando o calendario, e comunicalo coa mesma brevidade.

Pedimos desculpas ás persoas e colectivos que se vexan afectados e prometemos volver á carga cunha regata á altura do que merecedes.

O NOVO MERCADO

Ás veces unha chamada de teléfono o muda todo e esta é unha desas historias inesperadas. O ano 2018 comezaba para a nosa asociación co enfoque posto en rematar a restauración da Surfeira e probablemente comezar a da Praia da Panadeira. Alén de manter as outras embarcacións e ocuparnos das xestións propias da asociación, como pode ser, entre outras, a actualización da páxina web. Pero nalgún momento do mes de febreiro recibimos unha proposta pouco habitual. Era unha solicitude de colaboración para participar no proxecto de remodelación que o Goberno Municipal de Pontevedra estaba a deseñar para o seu mercado de abastos. Resulta que o arquitecto que redactou o proxecto para converter o segundo andar do mercado nun espazo de experimentación gastronómica e cultural tivo a ocorrencia de apostar por recrear un ambiente de inspiración mariñeira, incluíndo a instalación de tres embarcacións tradicionais en suspensión como o elemento central da obra. Dito así, de golpe, nos pareceu unha loucura, pero co paso dos días fomos mudando de idea e un par de semanas despois estábamos traballando para facer realidade aquela idea extravagante. Iso si, autoimpoñéndonos dúas condicións: se íamos converter en decoración tres embarcacións tradicionais, terían que ser tres barcos de imposible recuperación para a navegación, e escollendo tres tipoloxías que nos permitisen contar unha historia coherente sobre a cultura do noso mar.

dav

Foi así como atopamos un final digno á nosa dorna Milucha, que algúns anos antes recolléramos en Bueu pero que despois de moitos esforzos por estancala tivemos que desistir de ter no mar, asumiendo que a súa madeira xa non volvería navegar.

IMG-20171011-WA0006

Coa primaveira e o bo tempo comezamos os traballos para devolverlle o aspecto que debería ter nos seus mellores anos. Así, unhas boas mans de pintura despois, a Milucha quedaba lista para a súa derradeira navegación.

IMG-20180708-WA0072

Compre sinalar o papel fundamental que neste proxecto xogou a colaboración que nos presta Pinturas Proa, sen a cal nos tería sido imposible aceptar esta petición. E agardamos seguir contando cos seus materiais de calidade tamén para as nosas embarcacións destinadas á navegación. Que así sexa!

IMG-20180804-WA0032

A inclusión dunha dorna era inevitable, tendo en conta que se trata de embarcación de pesca tradicional por excelencia nas rías de Arousa e Pontevedra. Pero xunto a ela, a chalana tamén debía estar presente, en representación das embarcacións menores dos portos interiores das rías.

IMG_3908

Neste caso tivemos que andar á procura dela, pois por degraza as chalanas xa non son tan frecuentes nas nosas praias ou portos como si o eran ata hai ben poucos anos. Con todo, no propio Portonovo apareceu esta pequena chalana que levaba xa algúns anos en seco pero que estaba o suficientemente íntegra como para meterlle man e darlle unha segunda oportunidade.

IMG-20180424-WA0015

IMG-20180426-WA0006

Lixa vai, rodillo ven, e nuns días a chalana, que ata entón se chamara Lunares, por obvias razóns, quedaba lista para comezar unha nova vida co nome de Miniña.

IMG-20180708-WA0033

E finamente chegou a hora de escoller unha terceira tipoloxía, coa que completar a exposición permanente. Algo nada doado, xa que máis alá de dornas e chalanas, non é tan frecuente atopar outras embarcacións. Pero afortunadamente quen ten amigos ten un tesouro e foi grazas a un deles que tivemos noticias dunha gamela coruxeira abandona na praia da Fontaíña. Así que alá fomos a recoller a Marola.

bdr

Naquela altura non estaba claro se a Marola iría destinada ao mercado ou aínda poderíamos voltar facela navegar, pero por desgraza despois de botarlle un ollo con calma tivemos que admitir o inevitable, e avanzar coa idea inicial.

IMG-20180630-WA0014

IMG-20180708-WA0076

O que si tivemos claro é que era preciso transformar o seu aspecto para que gañase a apariencia máis tradicional dunha gamela coruxeira, a base de combinación de cores, tal e como se pode ver nas praias de toda a ría de Vigo.

IMG-20180711-WA0008

E unha vez que tivemos as tres embarcacións listas, tocou transportalas ao seu novo porto, ou moi perto del, que será o Mercado o de Pontevedra.

IMG_4893

IMG_4929

IMG_5043

Xa no sitio, comezaba a segunda fase, menos artística pero igual de importante para que o resultado final fose o agardado: unha instalación que impactase visualmente e ao mesmo tempo servise para dignificar o patrimonio marítimo tradicional galego.

IMG-20190107-WA0005

IMG-20190107-WA0024

Ao final o que parecía que nos levaría un par de horas acabou sendo o traballo dun par de días intensos, xa que como podedes comprender non é doado pendurar tres embarcacións -coas súas grandes limitacións- a varios metros de altura e facelo coa presión de saber que logo camiñarán centos de persoas por debaixo.

IMG-20190107-WA0016

Con todo, o resultado final foi espectacular e unha vez visualizado non podemos sentirnos máis que orgullosos por ter dedicado tantos esforzos para facer realidade a idea louca dun arquitecto.

56169698_270402050546094_9119566817658929152_o

55622761_270401600546139_11221478234128384_o

55604830_270402063879426_2183050899243401216_o

55633923_270402703879362_8840115577998540800_o

Longa vida á Milucha, á Miniña e á Marola!

X REGATA DO SEPELO

Despois dun tempo -demasiado- sen actualizar a páxina web, voltamos cheos de forza e novidades. E nada mellor para inaugurar o retorno que anunciando a primeira proba do mundial de dorna a vela, da cal seremos os anfitrións.

Cartaz Regata (2018)

Pois iso, que o vindeiro sábado 16 de xuño vai ter lugar en Portonovo a X Regata do Sepelo, onde de medirán os máis intrépidos dorneiros -e dorneiras!- do panorama mundial. Nen a choiva, nen o frío e moito menos nen o vento impedirán que se xoguen a reputación na costeira do Sepelo. Así que non dubidedes en achegarvos!

Aos interesados en competir rógaselle ter contratado o seguro de navegante e as embarcacións estar aseguradas, ademais de ter a bordo tódolos elementos de seguridade (chalecos, remos, risón, flotacións…) para facilitar a celebración sen incidentes.

Vémonos o sábado!

A NOSA MARIÑA É TRADICIONAL

Este 2017 está sendo un ano intenso de traballo. Non so polas tarefas habituais, senón por novos proxectos nos que estamos inmersos, tratando de conmemorar da maneira máis produtiva posible o noso vixésimo aniversario. Así somos! E entre unhas labores e outras van pasando os meses e chegado o verán comezan os numerosos eventos organizados no eido da gran familia de Culturmar. Boa conta deles -dos xa celebrados e dos que están por vir- daremos en vindeiras publicacións. A realidade acontece máis rápido do que ás veces podemos deixar constancia  na web pero porémonos ao día. Prometido!

De feito, un dos asuntos que leva tempo ausente na web é o da mariña tradicional. Iso non significa que estea parado. Nós seguimos defendendo o proxecto e por fin dende Portos de Galicia comezan a recoñecer a viabilidade legal do mesmo. Así, hai unhas semanas recibimos unha proposta de autorización, so que as condicións económicas que se non ofrecen non se corresponden coa importancia cultural e patrimonial da iniciativa, polo que acabamos de presentar as alegacións oportunas e agardamos que sexan tidas en conta.

Planos Pantalán

O caso é que como xa temos por costume ir por diante das administracións, este ano volvemos darlle un lavado de cara ao pantalán. Porque a nosa mariña tradicional, sexa co recoñecemento de Portos de Galicia ou sen el, debe ser o reflexo do traballo de recuperación e conservación que facemos durante todo o ano, tanto nós como os demais colectivos que conforman Culturmar.

1

En canto tivemos unha mañá soleada puxémonos mans á obra. Este ano optamos por non chorrear a madeira, senón que a limpamos a cepillo, para eliminar a sucidade superficial. Tamén optamos por outra técnica de aplicación -a rodillo- para obter un acabado máis uniforme. E incluso escollemos un produto diferente ao do ano pasado: o Xylazel Profesional Lasur Intemperie Satinado en color teca, que resultou ser ideal para este traballo.

2

Un vez rematado o resultado foi realmente satisfactorio. Obviamente as nosas embarcacións -que o son de todos- locen moito mellor nunhas instalacións apropiadas e ben coidadas. Xa so falta que Portos de Galicia se comprometa coa instalación dos brazos de amarre solicitados, para habilitar dez prazas ben equipadas a nivel de seguridade e accesibilidade. E finalmente pola nosa parte completar a exposición con suficientes paneis informativos para explicar as características e usos das embarcacións e o seu valor patrimonial.

3

En definitiva, seguimos dando pasos firmes para que se nos recoñeza a dereito a xestionar a nosa propia mariña tradicional e con elo axudar a normalizar unha riqueza cultural e patrimonial que de por si mesmas deberían promover as administracións públicas, ou cando menos non dificultar a súa conservación.

RECORDOS DA IX REGATA DO SEPELO

Con retraso pero aquí estamos actualizando a páxina web cunha crónica da IX Regata do Sepelo -de dornas a vela-, que celebramos o sábado 3 de xuño en Portonovo.

1

Como cada ano tivemos a sorte de contar coa presenza de compañeiros chegados dende Vigo, Combarro, Ogrobe, Arousa, que a fin de contas son os que fan posible a regata. Entre uns, os outros e os da casa -que tamén os houbo- xuntamos 18 dorniñas aparelladas a vela dispostas a partir o pau ou quedar quilla arriba para gañar a prestixiosa Regata do Sepelo.

2

Con escrupulosa puntualidade as dornas dirixíanse a liña de saída situada á altura da punta Bicaño, dende a cal enfilarían con vento de popa cara a punta Seame, para logo virar cara a baliza situada no medio da ría e logo voltar ao inicio, completando así a primeira das dúas voltas programadas.

3

Durante todo o día soprou un vento constante do nor-noroeste duns 14 nos, polo que a regata transcorreu a bo ritmo, aínda que co paso dos minutos as diferenzas entre unhas dornas e outras ían en aumento.

4

Como bos anfitrións que somos as embarcacións da nosa asociación fóronse rezagando deliberadamente. A consigna estaba clara: deixar gañar aos de afora para que sigan vindo. É por iso que sempre quedamos de últimos.

5

A pesar do vento fresco a regata transcurriu sen incidencias e puidemos disfrutar dunha bonita pugna entre algúns dos máis ávidos dorneiros do panorama competitivo a nivel mundial.

6

Pero como non todo vai ser competición tamén houbo festa, antes, despois e tamén durante a propia regata, a cargo dos compañeiros do Clube Mariño A Reiboa que viñeron animar coas súas gaitas aos participantes.

7

Mentres tanto en terra todo estaba listo para a entrega de trofeos aos gañadores, con honras e recoñecemento de primeiro nivel.

8

9

10

Ao final a cousa estivo bastante disputada e tivemos case que recorrer á foto-finish para dirimir a configuración do top 5. Menos mal que este ano contamos con xuíz profesional e non tivo dúbidas: a dorna gañadora foi a Nécora (cun tempo de 1:49:29), a segunda clasificada a Forza R (1:51:02), a terceira a Xarandeira (1:51:27), a cuarta a Nova Froíña (1:51:32) e pechando o podio a Bazarra (1:53:19).

11

En resumen a IX Regata do Sepelo foi todo un éxito. Xa non polo desenlace deportivo senón polo feito cultural que implica xuntar 18 dornas aparelladas a vela e compartir o gusto pola súa conservación con compañeiros chegados de tres diferentes rías. Moi agradecidos, por tanto, aos asistentes que a fixeron posible e agardamos que en igual medida que nós disfrutasen da regata e todo o que ela implica.

12

Vémonos na X Regata do Sepelo!

IX REGATA DO SEPELO

Cartaz Sepelo (2017)

Como cada verán comezan as regatas e como sempre para inaugurar o calendario do campionato mundial de dornas a vela chega a IX Regata do Sepelo, que organizamos nós mesmos e que se celebrará o vindeiro sábado 3 de xuño, con inicio ás 16:30 horas. Aos interesados en competir rógaselle ter contratado o seguro de navegante e ás embarcacións estar aseguradas, ademais de ter a bordo tódolos elementos de seguridade (chalecos, remos, risón, flotacións…) para facilitar a celebración sen incidentes. Como de costume haberá unha papatoria posterior á regata e os participantes serán agasallados cunha fermosa camisola conmemorativa, ademais dos trofeos para os vencedores.

Vémonos o 3 de xuño, en Portonovo (onde senón?)!