REGATA DO SEPELO

Dende a súa fundación a Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo ollaba con envexa para as regatas e concentracións de embarcacións tradicionais organizadas por asociacións afíns noutras vilas de toda Galicia. Foi por iso que no ano 2008 decidimos comezar a traballar para consolidar a celebración dunha regata de dornas en Portonovo, coa intención última de contribuír á recuperación, conservación e difusión do patrimonio mariñeiro tradicional galego.

XI Retaga do Sepelo (2019) / Fotografía: María Lores

Deste xeito nacía a Regata do Sepelo, unha competición que forma parte da calendario oficial de concentracións de embarcacións tradicionais que cada verán se promove dende Culturmar (a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial).

XIII Retaga do Sepelo (2022) / Fotografía: Luis Chouza

Trátase dunha regata de dornas a vela, coa que ano tras ano, no mes de xuño, conseguimos reunir en Portonovo unhas trinta dornas aparelladas a vela, unha estampa da que dende facía moitas décadas non se podía disfrutar na nosa vila.